Malestar da representación sindical da CIG nas Fundacións de investigación sanitaria galegas pola falta de información
Ante a recente publicación sobre a aprobación dos novos estatutos das Fundacións de investigación sanitaria galegas (FBGS, FIDIS, FPNS) por parte dos seus padroados, condición indispensable para ser aprobados polo Consello da Xunta e, deste xeito, pasar a ser formalmente Fundacións públicas, as delegadas e delegados da CIG nos respectivos comités de empresa manifestan o seu malestar pola falta de información, por parte da consellería correspondente.
A representación sindical da CIG nas Fundacións denuncian que nin a consellería de Sanidade, nin Función Pública tiveron a ben, a día de hoxe, convocar ás delegadas e delegados, representantes legais das persoas traballadoras, para trasladar os pasos que se ían seguir e como estes afectaban ás condicións laborais do persoal ou á negociación colectiva pendente.
Solicitude formal
Todo isto, explican, a pesar de que, tanto CIG–Saúde como organización sindical máis representativa, como os Comités de Empresa, como representantes legais do persoal, trasladaron de xeito formal esta petición ante os responsables da Xunta de Galicia.
Por iso veñen de solicitar unha vez máis, ser convocados/as polo responsables da administración para ser informados directamente sobre este proceso; que se cumpra o deber de información aos representantes das persoas traballadoras; que se dea resposta formal ás dúbidas que xorden arredor deste proceso e que se lles dea traslado dos novos estatutos, especificando as modificacións e a súa xustificación.
A este respecto subliñan que a transformación das Fundacións en públicas é un obxectivo que CIG-Saúde non vai poñer en cuestión e que loitará para que sexa tan só un paso máis cara a total integración da investigación no sistema sanitario, máis esta non pode facerse sen a pertinente información e consulta coa representación das persoas traballadoras.