Malasa ignora as demandas do comité e avanza na precarización laboral e o aumento da eventualidade en Noa Madera Creativa
O comité de Noa Madera Creativa denuncia a falta de resposta por parte da dirección do Grupo Malasa ás reiteradas solicitudes de reunión, cursadas para esixir explicacións polo incumprimento do compromiso de minimizar a contratación a través de empresas de traballo temporal. Esta fórmula, advirten, forma parte da estratexia de precarización laboral e incremento da eventualidade que o grupo pretende trasladar tamén ao cadro de persoal de Noa.
A finais do pasado ano, a dirección da empresa Noa Madera Creativa, situada no polígono de Vilar do Colo, comunicaba a súa intención de levar adiante un ERE extintivo que ía supor o despedimento de arredor dun cento de traballadores e traballadoras. As razóns que alegaban, lembran dende o comité, eran que as previsións de futuro non eran moi boas e que a carga de traballo ía diminuír sensibelmente.
Cómpre salientar que esta empresa viña de bater o ano anterior o seu récord de beneficios e que hai pouco máis dun ano foi adquirida polo Grupo Malasa, "caracterizado pola precariedade na que se atopa a maior parte do seu cadro de persoal. Un modelo de relacións laborais que estamos a comprobar día a día como pretende impor en Noa". Con todo, a rápida reacción da persoal, con constantes asembleas, mocións nos concellos da comarca, entrevistas con diferentes representantes políticos, etc. e a inconsistencia dos argumentos esgrimidos desde a dirección da empresa, logrou que finalmente se paralizara o ERE.
Despedimentos graduais
Malia todo, desde finais de 2018 máis de 40 traballadores e traballadoras foron despedidos ou non se lles renovou o contrato eventual que tiñan asinado coa empresa, o que evidencia un cambio de estratexia. "Dun expediente de regulación de emprego imposíbel de xustificar, pasaron a levar adiante despedimentos individuais de xeito máis ou menos gradual, co fin de obter o mesmo resultado pero sen ter que pasar polo proceso dun ERE, é dicir, un ERE encuberto", denuncia o comité.
A día de hoxe, subliñan que Noa ten unha considerábel carga de traballo e está a contratar persoal a través de empresas de traballo temporal "malia o compromiso adquirido pola dirección coa representación dos traballadores e traballadoras de minimizar esta fórmula de contratación". De feito, o comité ten constancia de que tan só no departamento de loxística foron contratadas polo momento máis de 20 persoas a través de ETTs para atender o contrato que a empresa ten subscrito con Adidas.
Diante desta situación, o comité ten solicitado en reiteradas ocasións unha xuntanza coa dirección de Malasa "para que nos dea explicacións sen que até o momento fixeran caso das nosas peticións". Isto acontece "mentres comprobamos como se confirman as sospeitas que tiñamos de que a intención deste grupo non era a de sanear a empresa como pretendían facernos crer, senón implantar un novo modelo de contratacións eventuais, precarizando a situación dos traballadores e das traballadoras da empresa".