Máis dun cento de persoas esixe en Vigo o indulto para Carlos e Serafín
As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT desenvolveron este xoves unha nova mobilización para reclamar o indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, os dous traballadores vigueses condenados a tres anos de cadea por participar na folga do transporte de 2008.
Máis dun cento de solidarios/as participaron na concentración que tivo lugar xunto a farola da rúa Urzaiz, onde berraron consignas contra unha decisión xudicial inxusta que mantén os afectados á espera de entrar en prisión dende hai máis de tres anos.
O acto rematou coa lectura dun comunicado por parte do secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, que lembrou que o Parlamento galego vén de emitir unha declaración institucional na que se demanda a concesión do indulto parcial para os dous traballadores, o que evitaría o seu ingreso na cadea.