O 95% do persoal de Extel secunda a folga contra as penalizacións e os despedimentos por enfermar
Máis do 95% dos traballadores e das traballadoras de Extel están secundando a xornada de folga de 24 horas convocada en rexeitamento ao "despedimentos por enfermar" e contra a modificación unilateral imposta pola empresa sobre os repousos médicos e o uso das horas médicas.
Unha vez máis, Extel (do grupo Adecco e que presta servizos para un xigante da telefonía como Movistar) ponse á vangarda na aplicación dos aspectos máis lesivos da reforma laboral e, acolléndose a un real decreto de hai máis de cinco anos, "ataca directamente a nosa saúde" e despide a catro traballadores/as de maneira ruín, en base ao artigo 52d do Estatuto dos/as Traballadores/as.
Hai unhas semanas, explican dende a sección sindical da CIG, Extel comezou a non admitir os xustificantes médicos por repouso, tal e como era costume dende hai anos, obrigando así ao persoal a coller baixas de un día, "co único fin de executar despedimentos por absentismo". Denuncian que a actuación da empresa constitúe un claro atentado contra o dereito á saúde das traballadoras e dos traballadores, ao pretender "criminalizarnos e penalizarnos por estar enfermos/as".
"Esta é a agresión máis aos nosos dereitos dende o ERE a modificación substancial que vivimos nos últimos anos", alertou a sección sindical da CIG durante a concentración que tivo lugar este mediodía diante das oficinas de Extel en Matogrande.
Afondar na precarización laboral
Non validar os partes médicos obriga o persoal a ter que pedir ao/á médico de cabeceira unha baixa, aínda que só sexa dun día, o que conleva un prexuízo económico nos xa pecarios salarios, posto que até agora os repousos dun día eran remunerados sempre e cando non se esgotaran as horas médicas establecidas no convenio (35 horas). Porén, con este cambio unilateral de criterio, ao ter que coller a baixa "as traballadoras e traballadores cobraremos só o 70% do salario (co tope de días establecido no convenio)".
Presentado conflito colectivo
Dende a sección sindical da CIG rexeitan os argumentos ofrecidos pola dirección para xustificar esta modificación, xa que usa como pretexto a existencia dunha suposta fraude, sen ningún tipo de proba e co único obxectivo de afondar na precarización laboral, antepondo os seus interese económicos ao dereito á saúde das traballadoras e traballadores.
Diante disto, a central xa presentou conflito colectivo contra a decisión da empresa e reitera o chamamento ao futuro goberno que se constitúa no estado a derrogar de inmediato as reformas laborais para poder recuperar dereitos e avanzar na mellora das nosas condicións laborais e salariais.