Máis do 90% do persoal secunda a terceira xornada de folga na xustiza
Máis do 90% das traballadoras e traballadores da administración de xustiza de Galiza secundaron este xoves o terceiro día de folga en demanda de melloras laborais e a fin das discriminacións que sofren nas súas condicións con respecto ao persoal do resto do Estado. Nunha mobilización que cualifican de histórica no sector, arredor de 2000 empregadas/os levaron as súas reivindicacións polas rúas de Santiago ao berro de "Rueda escoita, a xustiza está en loita".
A manifestación, á que acudiron traballadoras e traballadores de todo o país desprazados nuns 20 autobuses, partiu da Avenida Xoán XXIII, pasou pola Praza do Obradoiro e dirixiuse á rúa do Hórreo para rematar diante do Parlamento. Alí, procedeuse á lectura dun manifesto a cargo de representantes dos tres partidos da oposición no que se demanda a fin das discriminacións laborais e salariais que padece este colectivo e a recuperación do emprego destruído nesta administración nos últimos anos.
O secretario do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez, valoraba o seguimento da folga e a participación na manifestación como "extraordinaria", salientando que esta terceira xornada de paro xeral mesmo tivo un seguimento maior que as dúas anteriores. Así, cifrou o seguimento no conxunto do país por enriba do 90%, superándose esta cifra en áreas como a de Vigo onde se acadou un 98% do seguimento e Santiago e Ourense, onde o 95% do persoal foi á folga. Así mesmo, calcúlase que hoxe non se puideron celebrar máis de 600 vistas xudiciais.
O persoal está "farto"
Para Sánchez isto demostra que o persoal está farto das mentiras da Consellaría e da ausencia de propostas que supoñan unha mellora real das condicións salariais e laborais. Neste senso, lembra que o conflito no sector está aberto dende principios de novembro sen que até agora se produciran avances significativos para chegar a un acordo.
De feito, apunta, cando parecía existir un principio de entendemento, na reunión do pasado venres "logo das promesas do conselleiro dicindo que se faría unha nova oferta económica, aparece, xunto ao director de xeral de Xustiza, o director xeral de Función Pública (da Consellaría de Facenda), emendándolle a plana a Rueda e asegurando que non se van presentar máis propostas".
É dicir, non só non houbo avances, senón que a intervención de Función Pública serviu para rachar definitivamente as conversas. E iso que as posturas estaban moi próximas a un acordo nos puntos sobre consolidación e amortización de prazas e no tocante ás substitucións.
Máis afastadas estaban as posicións no relativo aos descontos por enfermidade e nas contías do Complemento Autonómico Transitorio (CAT). Sobre este último, Facenda insistiu en que non se ía mover do tope dos 75€, unha cantidade moi inferior á que demanda a representación social para garantir que se recuperará o perdido nos últimos anos.
Sen contactos dende o venres
Dende a reunión do pasado venres non se produciron novos contactos coa Consellaría. "A única noticia que tivemos foi que onte mesmo nos comunicaron os descontos que imos ter na nómina por ir á folga", sinala Sánchez.
Diante deste escenario, as organizacións sindicais avalían solicitar novamente a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, "xa que foi a única vez que se conseguiu avanzar".
Folga indefinida
Á espera do que aconteza nos vindeiros días, as organizacións sindicais manteñen a convocatoria de folga indefinida a partir do 7 de febreiro.