Máis do 90% do persoal de Ilunion na operativa de Benteler secunda a folga contra a explotación laboral á discapacidade
Máis do 90% dos arredor de 50 traballadores/as de Ilunion Servicios Industriales na operativa da empresa de automoción Benteler en Valadares secundaron hoxe a xornada de folga para reclamar unhas condicións laborais dignas e rexeitar a explotación e os abusos que padece o persoal deste centro especial de emprego do grupo ONCE, no que prestan labor máis de 600 persoas con discapacidade. Coincidindo coa xornada de paro desenvolvéronse tamén concentracións ás portas da compañía viguesa do sector do automóbil, tanto durante a quenda de mañá como a de tarde. De igual xeito que terán lugar a partir das 21:00 horas na quenda de noite.
A convocatoria de folga está promovida pola CIG, que conta con 10 dos 17 representantes do comité de empresa, e chega tras varios anos de mobilizacións en Vigo tanto diante da ONCE, propietaria de Ilunion, como das distintas compañías da automoción nas que presta servizo o persoal deste centro especial de emprego. Dende a federación de Industria cualificaron a xornada de "éxito total" e salientaron o compromiso e a capacidade de loita dos empregados de Ilunion á hora de reivindicar unhas condicións de traballo dignas.
O paro deu comezo ás 6:00 horas do martes día 9 e está previsto que remate ás 6:00 horas do mércores 10, sen descartar a posibilidade de que se estenda posteriormente a outros centros de traballo para forzar a empresa a mellorar as condicións de traballo en materia salarial e de xornada.
A central sindical iniciou en 2019 unha campaña de protestas para denunciar a explotación laboral e o abuso que padecen as persoas con discapacidade que traballan no sector do automóbil contratadas por Ilunion. Prestan servizo nas principais compañías da automoción (Stellantis, Benteler e Lear) e padecen unhas elevadas condicións de precariedade -ingresan o SMI- e uns altos ritmos de traballo. Ademais, non reciben a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con discapacidade.
Diante disto, os afectados/as reclaman que se lles aplique o convenio colectivo do sector no que traballan, reivindicación que a CIG-Industria considera tamén fundamental para poñerlle freo aos abusos. Xa que os centros especiais de emprego son favorecidos por convenios que remuneran por debaixo do que o fai o convenio de sector da empresa cliente, e acaban actuando como empresas multiservizos. “Ofrecen man de obra barata, o que lles permite obter un lucro inmoral, vulnerando o principio de igualdade entre as persoas traballadoras e desvirtuando o papel destes centros como facilitadores da integración laboral”, censuran.
Precariedade subvencionada
A central entende que este tipo de centros fan parte das novas ferramentas que o capital emprega para precarizar as condicións laborais e de vida de milleiros/as de traballadores/as “e para incrementar beneficios mediante o abuso e a escravitude laboral”. Lembran que máis de dúas terceiras partes dos contratos que se realizan a persoas con discapacidade son a través de centros especiais de emprego, e maioritariamente están asociados a tarefas pouco cualificadas. En consecuencia, estes centros deixan de ser unha porta de acceso ao mundo laboral “para converterse en precariedade subvencionada”.
Xa que estas empresas reciben importantes subvencións públicas en función dos postos de traballo creados, ademais de axudas para o mantemento de postos de traballo e bonificacións nas cotas a Seguridade Social por custo salarial ou adaptación de postos de traballo.