Máis do 90% do persoal de Abai Group secunda a folga por unhas condicións de traballo dignas
Máis do 90% das traballadoras e dos traballadores de Abai Group (antiga Extel) están secundando este mércores a xornada de folga convocada en resposta ás pretensións da empresa de eliminar dereitos adquiridos durante estes anos, contra a sobrecarga de traballo insoportábel e o incremento das presións. A sección sindical da CIG valora moi positivamente a resposta á convocatoria, tendo en conta as dificultades para organizar un paro de 24 horas cando boa parte do cadro de persoal está en teletraballo dende hai ano e medio.
Para a representación da CIG, o seguimento da folga evidencia a disposición dos traballadores e das traballadoras a pelexar contra o ataque sen precedentes aos dereitos laborais iniciado pola empresa e reclamar unhas condicións dignas no sector dos centros de chamadas, tan marcado pola precariedade e a explotación.
Neste senso, poñen o foco na metodoloxía de traballo que está a establecer Abai Group dende que adquiriu a empresa en xaneiro de 2020, baseada "na extrema presión, esixindo continuamente resultados, incluso cada media hora". A isto súmase unha sobrecarga de traballo "irrealizábel" que non vai acompañada dun reforzo de persoal para asumir o exceso de actividade. "Non se está a facer ningunha contratación e aínda por enriba cárgaselle ao persoal con máis tarefas administrativas, sen facilitarlle tempo para a súa execución, polo que as teñen que realizar mentres atenden á clientela", explica a sección sindical da CIG.
A situación de desbordamento acada niveis imposíbeis en novos departamentos como o servizo de atención través de whatsapp de Movistar, "no que se pretende que atendamos a tres clientes/as á vez".
A maiores, a mercantil comunicou recentemente a modificación de parte dos criterios que afectan ás retribucións variábeis, o que ten como consecuencia unha perda substancial de poder adquisitivo, nun sector xa castigado polos baixos salarios.
Ataque aos dereitos conquistados
Pero a ofensiva da empresa non para aí, senón que intenta "suprimir de golpe todos os dereitos que fomos conseguindo nos últimos 20 anos", como por exemplo eliminar o calendario anual de libranzas de fins de semana para establecelo mes a mes, ou cambiar o sistema de vacacións. Ademais, a empresa incumpre de maneira sistemática os acordos acadados co comité en cuestións como o teletraballo ou as vacacións.
"A pesar do lavado de imaxe que a empresa pretende facer, a situación dende que Extel foi adquirida por Abai Group volveuse peor en todos os aspectos", denuncia a sección sindical da CIG. "Dedican moito esforzo a emitir notas de prensa asegurando que non hai conflitividade, cando nunca tantas denuncias se presentaron, nin as compañeiras e compañeiros tiveron tantas ganas de mobilizarse". Unha aseveración confirmada polo seguimento da folga e a participación na concentración que tivo lugar ao mediodía diante das oficinas de Abai.
Xunto ás demandas laborais, a representación social tamén advirte da perda de emprego progresiva no centro de traballo da Coruña, que chegou a ter 1200 traballadores/as e agora conta con 600 persoas. "Están deixando morrer este centro, temos constancia de que noutras plataformas si que se están facendo contratacións novas, pero aquí falan duns supostos datos, que nunca ensinan, para xustificar que non se pode contratar no centro da Coruña".
Neste senso, subliñan que aínda que o cliente principal de Abai Gropu é Movistar, a partir do 1 de novembro a empresa vai prestar o servizo de rastrexo telefónico covid da Xunta. Un contrato do que a dirección non trasladou toda a información demandada polo comité e para o que se van contratar só tres persoas, pois as outras 10 que integrarán do servizo xa forman parte do cadro de persoal de Abai. "Parécenos incríbel que a Xunta non se preocupe en garantir unhas mínimas condicións para o persoal que lle prestará servizo nunha empresa que recibe cartos públicos", critican.
A sección sindical da CIG adiantou que non se descarta continuar coas mobilizacións se Abai teima nos recortes. "Estamos determinadas a parar a empresa, non imos consentir que toquen os nosos dereitos, polo que continuaremos dando toda a resposta que sexa precisa", aseveran.