Máis do 77% das persoas que solicitan permisos para conciliación son mulleres
A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, fixo esta mañá -en rolda de prensa- un chamamento a participar na concentración que terá lugar o vindeiro luns, día 1 de outubro, ás 12:30 horas, diante do Servizo Galego de Igualdade e da sede do Consorcio (en San Lázaro). Unha mobilización convocada para denunciar a vulneración sistemática dos dereitos á conciliación das traballadoras –que representan o 97% do total do persoal- deste servizo esencial para o coidado de dependentes e crianzas. A concentración insírese na campaña sostida no tempo que vén desenvolvendo desde hai meses a Secretaría das Mulleres para pór no foco público todas e cada unha das discriminacións que padecen as mulleres a cotío, desta volta no referido á conciliación.
Corral denunciou que en todos os casos máis do 77% das persoas traballadoras que fan uso de permisos de conciliación, desde reducións de xornadas até excedencias e demais, seguen sendo mulleres. “Entendemos por tanto que o coidado recae de xeito abrumador sobre as mulleres, que somos as que en maior medida solapamos o déficit de servizos esenciais públicos que atendan ás persoas dependentes e ás crianzas”, afirmou.
Falan os datos
Os datos oficiais así o confirman. De feito son mulleres o 87% das persoas inactivas por coidado de menores ou persoas dependentes en Galiza; o 77% das persoas traballadoras con redución de xornada por coidado de menores de 12 anos; o 91,6% das persoas que se acolleron a unha excedencia por coidado de fillos/as; o 71,2% de quen reduciron ou suprimiron o traballo remunerado por coidado de dependentes; o 56,8% das persoas que utilizaron a flexibilización. Son tamén mulleres o 76,7% das persoas ocupadas a tempo parcial e as que padecen a dupla xornada laboral. De feito, mentres elas dedican 4:38 horas ao día, de media ao traballo dentro do fogar, os homes só dedican 2:21.
Así se recolle no estudo elaborado pola responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, que tamén foi presentado esta mañá, do que se tiran as consecuencias que esta situación ten na vida das mulleres, mais tamén dos seus custos sociais: caída da natalidade, avellentamento da poboación, perda de poboación… até o punto de se converter, o problema demográfico, no principal problema da esfera política en moitas sociedade europeas, nomeadamente en Galiza “xa que rexistra unha taxa de natalidade das máis baixas de Europa, así como un avellentamento e perda de poboación dos máis acusados da UE”.
A conciliación non é unha prioridade para os poderes públicos
Porén “para os poderes públicos (a conciliación) non é unha prioridade e son as mulleres as que teñen que resolver o problema na esfera privada, na maioría dos casos” adoptando estratexias de forma individual como “optar por non teren fillos/as ou por teren menos das/os desexadas/os; non buscar traballo retribuído; optar por traballos a tempo parcial; abandonar o mercado laboral; buscar outra persoa do contorno para que se faga cargo dos coidados das crianzas ou das persoas dependentes ao seu cargo”, explicou López Gromaz.
Nese sentido, Corral denunciou que “o actual deseño dos permisos relacionados coa conciliación se debe a unha concepción tradicional da división sexual do traballo, segundo a cal o home é o sustentador económico da familia, mentres a muller se responsabiliza dos coidados de crianzas e familiares dependentes”. Este desigual trato nos permisos de maternidade e paternidade, explicou, empurra ás mulleres a quedarse na casa coidando e aos homes a continuar no seu posto de traballo. Así, segundo advertiu a secretaria das Mulleres da CIG, a fenda salarial aumenta a partir da idade na que as mulleres teñen descendencia, e se definen itinerarios vitais diferentes para homes e mulleres prexudicando a estas tamén no futuro.
Medidas a aplicar
Por iso defendeu a necesidade de que se poñan en marcha toda unha serie de medidas que faciliten esa conciliación, a comezar por incrementar o actual 1,3% do PIB, que se destina a este fin, para achegalo á media europea. Isto xunto con prestacións directas por crianza a cargo, en función da renda familiar e aumentar a idade das crianzas que dan dereito a elas, xa que hoxe en día rematan co cumprimento dos 3 anos da ou do menor: bonificacións fiscais para familias que pagan aluguer da vivenda; redución do IVE para as familias que adquiren unha vivenda nova; redución del IVA para las familias que adquiren unha vivenda nova; desgravación fiscal por uso de servizos básicos: coidadores a domicilio, escolas infantís, servizos de atención temperá á infancia ou de terapia a crianzas con necesidades especiais e gastos en educación (colexio, libros, comedor escolar, etc.).
Isto xunto con bonificacións fiscais para garderías, servizo doméstico e coidado de crianzas e familiares en situación de dependencia e desgravacións fiscais para avoas, avós ou parentes directos que acrediten o coidado regular das crianzas durante o horario laboral das ou dos proxenitores”.
Corral propuxo ademais que a Seguridade Social elimine os sesgos de xénero nas súas prestacións e permisos relacionados coas responsabilidades familiares apostando, para iso, por permisos instransferíbeis, de xeito que os homes se implicaran no coidado das crianzas, permitindo pór en situación de igualdade ás parellas do mesmo sexo, ás biolóxicas, adoptantes ou acolledoras e “situaría ás mulleres nunha situación de igualdade tanto no ámbito social como no laboral”.
Xunto a isto sinalou a necesidade de racionalizar os horarios de traballo e reducir a xornada máxima laboral a 35 horas semanais; ampliar a duración do permiso por maternidade progresivamente até as 24 semanas, até lograr que acade os 12 meses de duración, mantendo a retribución salarial completa equiparando a este o actual permiso por nacemento adopción ou acollemento; estabelecer o goce del permiso de lactación de xeito preferente pola nai para que o permiso se dedique efectivamente ao aleitamento do bebé; introducir criterios con carácter supletorio que permitan articular de forma eficaz o dereito á redución de xornada por coidado de menores ou persoas dependentes para que o acceso a este dereito sexa máis eficaz; aumentar o período de cotización efectiva a efectos da Seguridade Social durante todo o tempo de redución e ampliar o período de goce das excedencias por coidado, concedendo maior flexibilidade no emprego desta medida, por exemplo, estendendo o seu uso até os 14 anos de idade da ou do menor, para que este dereito se poida adaptar ás necesidades da crianza ou da familia (problemas escolares, ausencia doutro proxenitor ou proxenitora).
Dificultades de conciliación no Consorcio
Como caso paradigmático de incumprimento do dereito legal á conciliación puxeron o do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, onde dun cadro de persoal de aproximadamente 2.000 persoas, o 97% son mulleres. Precisamente onde se fará a mobilización do vindeiro luns á vista de que lonxe de ser, como debería, un exemplo en materia de conciliación, é todo o contrario.
A este respecto a representante da CIG-Administración, Carme Viso, denunciou que as traballadoras teñen que recorrer á vía xudicial para ver recoñecidos os seus dereitos á concreción horaria ou á flexibilización; que teñen que facer a solicitude de redución de xornada para conciliar, “que reduce a cotización e reduce a futura pensión”, ano a ano, cando debería manterse o recoñecemento do dereito mentres dure a situación que o orixinou e que mesmo se ven obrigadas a consensuar co resto das compañeiras os horarios, o que provoca mal ambiente laboral.
Isto xunto coa falta de substitucións, porque as listas de contratación non funcionan e a respostas do tipo “até que non haxa cobertura, non pode haber conciliación”.
A PROBLEMÁTICA DA CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL EN GALIZA
A cada vez máis crecente presenza das mulleres no mercado laboral non foi parella a unha mudanza substancial nos roles e estereotipos de xénero, especialmente na esfera doméstica e de coidado, polo cal a maioría das mulleres asumiron o traballo fóra do fogar e continuaron co traballo dentro da casa, o que se coñece como dobre xornada laboral.
Nos últimos anos, nomeadamente desde a crise do 2007/08, o aumento das persoas sen emprego, así como a redución dos salarios, colocou as mulleres nunha situación, se cadra, aínda máis complicada, xa que ante a perda de emprego masculino, os homes frearon a súa incorporación ao mercado laboral, pero as mulleres non. Ao contrario, intensificárona, ao mesmo tempo que se reducían os fondos destinados ás políticas de conciliación, co cal o problema da dobre xornada parece que se agravou.
Paralelo a isto, agudizouse a redución do estado do benestar, unha das consecuencias máis nocivas -para as mulleres- das políticas neoliberais, xa que, fronte á redución do investimento público en institucións que se ocupen do coidado de menores e dependentes, e das políticas de conciliación da vida laboral e familiar, as mulleres vense obrigadas a continuar asumindo estas responsabilidades en moita maior medida que os homes.
Os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), na publicación “Mujeres y hombres en España” amosan que, de media, as mulleres dedican 4:38 horas ao día ao traballo dentro do fogar, mentres que o tempo destinado ás mesmas tarefas por parte dos homes se reduce a 2:21 horas; é dicir, as mulleres dedican máis do dobre de tempo ao coidado do fogar que os homes. Segundo esta mesma publicación, o 77,5% das mulleres traballadoras e un 32,9% dos homes traballadores realizan todos os días actividades de cociña e tarefas domésticas. As diferenzas son claras.
Neste contexto, as mulleres sofren uns custos moi elevados pola súa presenza no mercado de traballo, custos que van desde a maternidade ata a saúde física e mental. Pero os custos, non so afectan ás mulleres, senón que se estenden ao conxunto da sociedade: caída da natalidade, avellentamento da poboación, perda de poboación, etc., ata converter o problema demográfico no principal problema da esfera política en moitas sociedades europeas. No caso concreto de Galiza, sen dúbida, xa que rexistra unha taxa natalidade das máis baixas de Europa, así como un avellentamento e perda de poboación dos máis acusados de Unión Europea.
A pesar de toda a problemática que xera a falta de políticas de conciliación, das dramáticas consecuencias que ten tanto para as mulleres como para a sociedade en xeral, para os poderes públicos non é unha prioridade, e son as mulleres as que teñen que resolver o problema na esfera privada, na maioría dos casos.
As mulleres utilizan diversas estratexias para asumiren esta dupla responsabilidade, pública e privada, tales como: optar por non teren fillos/as ou por teren menos dos desexados; non buscar traballo retribuído; optar por traballos a tempo parcial; abandonar o mercado de traballo; buscar outra persoa do contorno para que se faga cargo dos coidados das crianzas ou das persoas dependentes ao seu cargo (na maioría dos casos unha avoa, outra muller, que o fará de balde, ou pagando, pero que tamén será asumido con toda probabilidade por parte doutra muller); non ter fillas ou fillos; ou ter menos crianzas das desexadas… en calquera dos casos, pasa pola responsabilidade da muller a busca da solución.
A cativa baixa de maternidade é o primeiro escollo co que baten as mulleres traballadoras cando deciden ter descendencia. No Estado español, e polo tanto en Galiza, a duración da prestación de maternidade é de apenas 16 semanas. Esta duración, vixente e sen cambios desde o ano 1988 (desde hai dúas décadas), está moi lonxe da media europea como vemos. E non parece que vaia cambiar a súa duración, xa que todos os cambios camiñan cara a unha equiparación dos permisos para ambos os proxenitores, mais non contemplan o aumento da duración do permiso de maternidade (ou do permiso retribuído por lactación).
A baixa por maternidade no Estado español está entre as máis baixa da Unión Europea, moi afastada do permiso medio da UE que é de 28 semanas. Só 5 países contan con permisos maternais inferiores.
Este permiso tan cativo tamén afecta á cantidade de crianzas que se desexan ter. Unha enquisa elaborada polo Instituto de Política Familiar revela que 2 de cada 3 das persoas que responderon a enquisa demandan que a baixa de maternidade teña unha duración de entre 5 meses e 1 ano (un 10%, que esa duración sexa de máis de 1 ano), para ter crianzas.
Así mesmo, o devandito Instituto asevera que, no Estado español, preto do 25% das mulleres traballadoras acaban sendo despedidas.
O medo a perder o traballo ao quedaren embarazadas é, polo tanto, unha realidade. Un drama para moitas mulleres que se ven obrigadas a escoller entre traballo e familia, algo que non debería acontecer mais que segue a ser unha realidade.
- O 87% das persoas inactivas por coidado de menores ou persoas dependentes en Galiza son mulleres
Así, moitas mulleres vense obrigadas a non traballar fóra da casa. O xeito de medir a busca de emprego é a través da taxa de actividade, é dicir, da porcentaxe de mulleres que, en idade de traballar, están traballando ou dispostas a facelo. No caso de Galiza, no caso das mulleres de entre 16 e 64 anos, a taxa de actividade situouse no 71% a principios de 2018, 6 puntos menos que a masculina para o mesmo grupo de idade.
Aínda que é certo que nos últimos anos o incremento da poboación activa feminina foi moi importante (a principios de século estaba no 50% para este grupo de idade), tamén o é que persiste un elevado número de mulleres que se manteñen fóra do mercado de traballo por se dedicaren ao coidado de menores ou persoas dependentes; práctica que, podemos dicir, é exclusiva das mulleres.
Os últimos datos publicados pola Enquisa de Poboación Activa (EPA) así nolo revelan.
A primeiros de 2018, 31.300 persoas declaran, en Galiza, permanecer inactivas por dedicar a seu tempo ao coidado de menores ou persoas dependentes; delas, o 87% son mulleres.
A fenda nos coidados é unhas das principais razóns das diferenzas entre as taxas de actividade entre homes e mulleres.
A pesar desta fenda, a taxa de ocupación tamén rexistrou cambios importantes neste novo século. O incremento do emprego entre a poboación feminina foi importante, mais isto non significou que o traballo de coidados se compartise equitativamente. Mostra diso é o elevado número de mulleres que reducen xornada para coidado de menores, fronte á escasa presenza de homes nesta situación. Estes son os datos para o ano 2017 en Galiza.
En conxunto, o 10,2% das persoas traballadoras con crianzas menores de 12 anos en Galiza utilizaron, no ano 2017, a redución de xornada como vía para coidar dos e das menores de 12 anos e así conciliar a vida persoal coa laboral. Tamén a este tipo de medida optan en maior medida as mulleres que os homes. No caso das mulleres, o 14,8% reduciron a xornada neste último ano para conciliación, porcentaxe que apenas acada o 5% dos homes. Os datos en valores absolutos son os que seguen.
O mesmo que ocorre coa inactividade, a redución de xornada para coidado de menores é practicamente exclusiva das mulleres: no ano 2017 das 39.470 persoas traballadoras que reduciron xornada para se dedicaren a coidado de menores un 77% foron mulleres.
Por outro lado, trátase dunha medida moi dependente do nivel ingresos do fogar. De feito, preto do 50% dos fogares que optan por esa medida de conciliación son os de ingresos entre 2.000 e 3.000 euros mensuais; con ingresos inferiores a estas cantidades en moitos casos non o poden permitir economicamente; e para ingresos superiores poden optar por pagar a unha persoa de fóra do fogar.
Porén, son poucas as familias con menores de 12 anos que optan por persoas remuneradas para coidar das e dos menores. Os datos do seguinte cadro así nolo demostran. Aínda que é exclusivo de coidados durante as vacacións escolares, pódese extrapolar a outro tipo de coidados, xa que as diferenzas son mínimas.
Das 106.374 que precisaron axuda externa para o coidado de menores no ano 2017, no 86,7% dos casos foron avós ou avoas os/as que prestaron a devandita axuda. No 73,49% dos casos as avoas/os non viven no mesmo fogar. Sería interesante coñecer o sexo destes avós ou avoas; seguro que as mulleres son maioría.
É un indicador moi ilustrativo de como a conciliación en Galiza recae na familia.
Apenas no 8,7% dos casos se paga a persoas de fóra para a atención das e dos menores.
Non é un dereito moi usado, o da excedencia, mais no pouco que se fai uso del son as mulleres as que se acollen a este.
Para atender persoas dependentes tamén un número elevado de mulleres se viron obrigadas a reducir actividades remuneradas ou pedir unha excedencia.
Para o coidado das crianzas menores cóntase coas avoas/as, para as persoas dependentes normalmente non.
No caso de atención á dependencia, tamén son as mulleres –maioritariamente- as que se sacrifican no eido laboral. No ano 2017, 37.244 persoas traballadoras en Galiza suprimiron ou reduciron traballo remunerado, das cales o 71,2% foron mulleres.
Son moitos menos os homes que “sacrifican” traballo ou estudos para atenderen dependentes, pero dos que os atenden a incidencia [a incidencia calcúlase, para cada sexo, como a porcentaxe de persoas coidadoras que tiveron que suprimir ou reducir actividades ou relacións sobre o total de persoas coidadoras dese sexo] é moito menor que a das mulleres.
No ano 2017, o 19,8% dos homes coidadores tiveron que reducir ou suprimir actividades remuneradas. No caso das mulleres esta porcentaxe foi do 29,2%, 10 puntos máis.
Canto á renuncia a outro tipo de actividades (que non comportan perda de ingresos), a diferenza entre homes e mulleres é inferior, pero en todos os casos as mulleres renuncian en maior medida.
Acollerse a unha excedencia para coidado de familiares non é unha medida moi utilizada en Galiza. No ano 2016 apenas 194 persoas se acolleron a esta, mais en caso de utilizala son, unha vez máis, as mulleres as que fixeron uso dela maioritariamente, concretamente no 77,3% dos casos.
Outro medio utilizado para conciliar é a flexibilidade horaria. Esta ten unha incidencia maior que a redución de xornada (o 21,6% das persoas traballadoras utilizaron esta vía no ano 2017 en Galiza), e presenta unha fenda entre homes e mulleres menor.
No ano 2017 o 23,4% das mulleres traballadoras flexibilizaron xornada para coidar a menores. No caso dos homes traballadores, a porcentaxe foi do 19,6%. En termos absolutos, no ano 2017 das 83.808 persoas traballadoras que flexibilizaron horario un 43,2% foron homes , sendo as mulleres o restante 56,8%.
A xornada parcial é outra das formas de conciliación usadas polas mulleres, e os últimos datos publicados así nolo confirman. En conxunto, o 13,4% das persoas galegas traballadoras teñen unha xornada a tempo parcial. No caso das mulleres a incidencia deste tipo de xornadas é moito maior, xa que afecta ao 21,.8%, mentres que só o 5,8% dos homes traballadores teñen xornada parcial.
Das 142.000 persoas con xornada parcial en Galiza no ano 2017 o 76,7% foron mulleres.
É certo que non todas as mulleres con xornada parcial teñen este tipo de xornada debido a problemas de conciliación, pero si é certo que a inmensa maioría das persoas con xornada parcial que escollen esta fórmula por motivos de conciliación son mulleres.
En resumo, son as mulleres -máis que os poderes públicos ou a sociedade- as que solucionan a problemática da conciliación da vida familiar e laboral, como se fose un problema que lles compete exclusivamente.