Máis do 75% do persoal de Extel secunda a folga contra a penalización e os despedimentos por enfermar
Máis do 75% das traballadoras e dos traballadores de Extel están secundando a xornada de folga de 24 horas convocada pola CIG para este mércores 8 de xaneiro, baixo o lema "Enfermar non é delito". Unha medida de presión que estivo acompañada por unha concentración diante das oficinas de Extel e coa que se quere denunciar o novo recorte de dereitos aplicado pola empresa, que ataca directamente a saúde dos traballadores e das traballadoras limitando o uso das horas médicas, eliminando os partes de repouso, obrigando a coller unha baixa aínda que sexa dun só día (co conseguinte prexuízo económico). Pero o máis grave de todo, advirte a sección sindical da CIG, é que a empresa pretende empregar esta estratexia para xustificar despedimentos en base a un suposto absentismo.
A CIG ten interposto conflito colectivo contra o cambio de criterio unilateral da empresa sobre a validación dos partes médicos e o uso das horas médicas recoñecidas por convenio, cuxo acto de conciliación tivo lugar o pasado 27 de decembro no SMAC da Coruña. Mais Extel, facendo gala da súa nula vontade para chegar a acordos coa representación social, nin sequera tivo a ben presentarse no SMAC, polo que agora a loita contra os abusos da empresa seguirá pola vía xudicial.
Catro despedimentos até o momento
Cómpre lembrar que Extel (dende hai uns días propiedade de ABS e que presta servizos para Movistar) xa despediu a catro traballadores e traballadoras "por enfermar", acolléndose ao artigo 52d do ET. Para as delegadas e delegados da CIG, o obxectivo final da empresa non é outro que "aplicar un ERE encuberto a baixo custe", aproveitando que a reforma laboral do PP facilitou os despedimentos obxectivos por baixas laborais de curta duración, aínda que estean debidamente xustificadas, e polo tanto coa indemnización mínima.
Dende a sección sindical xa advertiron que continuarán na loita até que Extel rectifique nas súas actuacións polo que, ademais da folga deste mércores, xa están convocados paros de 24 horas tamén para o mércores 5 de febreiro e o mércores 4 de marzo. Xunto a isto, as delegadas e delegados da CIG esixirán a retirada das medida adoptadas por Extel en cada unha das reunións dos distintos organismos nos que teñen presenza, como é o caso do comité de seguridade e saúde.