Máis do 60% do persoal de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra secunda a folga total
O persoal de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra segue a amosar a súa determinación para lograr un convenio colectivo que dignifique as condicións laborais do sector tras 12 anos sen melloras nin subas salariais. Hoxe volveu responder á convocatoria da CIG e máis do 60% secundou a xornada de folga de 24 horas, tras os paros parciais desenvolvidos con anterioridade.
Ademais, un bo número de traballadoras/es participaron nos piquetes informativos e nas mobilizacións que tiveron lugar pola mañá en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, con concentracións diante de asesorías e despachos de avogados/as.
No caso de Vigo tamén houbo unha mobilización diante do Círculo de Empresarios de Galicia, e a xornada rematou cunha protesta na Porta do Sol, onde interveu a secretaria comarcal da CIG-Banca, Iria Salvande, que adiantou a disposición da central sindical a continuar promovendo protestas “até que logremos mellorar un convenio que é dos peores da provincia”.
En Pontevedra celebrouse tamén unha manifestación pola tarde que arrincou da Praza da Ferrería e percorreu distintas rúas da cidade facendo paradas en asesorías e despachos de avogados/as. En Vilagarcía a protesta tivo lugar pola mañá diane do Concello.
Dende a CIG-Banca fan fincapé na importancia desta loita nun sector que leva 12 anos co convenio paralizado, “malia o que a patronal segue sen entender que non imos conxelar o complemento de antigüidade e négase a aceptar a realidade salarial do sector”. O empresariado pretende substituír o complemento de antigüidade por salarios que, nalgunhas categorías, supoñen un incremento sobre o SMI de 9 euros brutos anuais, “unha proposta da CEP que non recoñece a profesionalidade do persoal do sector nin o seu carácter esencial, como quedou claro durante os momentos máis duros da pandemia da covid”.
Tamén quere que a aplicación en táboas sexa dende o 1 de xaneiro deste ano, “mentres que para nós é innegociábel que a aplicación sexa dende xaneiro de 2023”. E négase a introducir unha cláusula de garantía salarial que operaría en casos de inflación disparada (como aconteceu nestes últimos anos).
Por iso na central sindical entenden que o único xeito de lograr o convenio “digno e xusto” que merecen os traballadores/as pasa pola mobilización. “Loitar é o único camiño para dignificar as nosas condicións de traballo e para adaptar os salarios á realidade económica actual, e non imos esperar máis tempo”.
Suspensión das negociacións
Inciden en que tanto Asime, a patronal do metal, como Anfaco, da industria conserveira “son dúas das empresas afectadas por este convenio que máis resistencia amosan para non alcanzar acordos xa que pretenden seguir pagándolle o salario mínimo ao seu persoal”. E lembran que as súas pretensión empeorarían o actual convenio a pesar de que leva caducado dende 2011, “xa que agora aínda que cobran o SMI polo menos teñen plus de antigüidade, pero os plans do empresariado pasa pola súa conxelación”.
Un empresariado que non se está a tomar ben as mobilizacións do persoal, até o punto de que tras nove xuntanzas da mesa negociadora do convenio optou por suspender a reunión prevista para o pasado venres 12 -precisamente un día despois de que tivese lugar a segunda xornada de paros parciais-, tal e como comunicou a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP).