95.000 contratos en maio para unha baixada do paro de só 5421 persoas
Os datos de paro rexistrado no mes de maio veñen constatar, máis unha vez, que a precariedade é xa o elemento que define o mercado laboral en Galiza. A contratación que se produce é puramente estacional, de carácter temporal e, na inmensa maioría, no sector Servizos. “Levamos tempo alertando de que as reformas laborais tiñan como único obxectivo facilitar o despedimento e degradar as condicións laborais para garantir ao empresariado man de obra barata que facilitara o seu incremento de beneficios. Ou revertemos esta situación ou camiñamos cara un cada vez maior empobrecemento da clase traballadora galega”.
Así o advirte o secretario confederal de Emprego e Industria Fran Cartelle para quen, atendendo aos datos de anos anteriores, a evolución do mercado laboral no mes de maio é previsible. “Correspóndese estritamente á época do ano na que estamos, na que tradicionalmente descende o desemprego. Vémolo claramente no caso do sector Servizos, onde se rexistraron o 78% do total de contratos asinados e onde, nin máis nin menos que o 93% foron de carácter temporal, o que vai ligado ao período estival”, afirma.
Para Cartelle isto demostra que estamos diante dunha contratación de carácter estacional e confirma que “non se están producindo cambios estruturais no mercado de traballo”. Moi á contra, advirte, “continuamos coa mesma tendencia de anos anteriores: descenso do desemprego no verán con contratos mal pagados e de escasa duración” e engade que “o que tamén amosa esta tendencia é que o incremento do SMI non tivo incidencia na evolución do emprego, como vaticinaban os máis agoreiros”.
Así as cousas, maio rematou con 160.805 persoas anotadas como desempregadas nas oficinas do SEPE, un 3,6% menos que no mes de abril. Tan só 5.421 persoas menos malia terse asinado un total de 95.000 contratos, o que dá conta do alcance da temporalidade en Galiza.
No que atinxe a evolución da afiliación á Seguridade Social, incrementouse en 7.814 persoas, tendencia semellante á de anos anteriores: acadando 1.018.405 persoas afiliadas.
Derrogación das reformas
O secretario confederal de Emprego e Industria acusa tanto ao PP como ao PSOE, que foron quen impuxeron as reformas laborais, desta situación e exixe a súa inmediata derrogación. Lembra que a CIG leva anos reclamando un cambio nas políticas económicas e laborais e alertando das consecuencias que para as condicións de vida das galegas e galegos teñen porque “mentres a patronal se enriquece as traballadoras e traballadores do noso país son máis pobres e se ven abocados a acceder a empregos de días ou semanas, con baixos salarios e con apenas dereitos para poder sobrevivir”.
Por iso, alén da derrogación das reformas exixe aos gobernos, nomeadamente ao de Feijóo, políticas económicas e industriais que favorezan a creación de emprego de calidade e freen a sangría da emigración da mocidade, que se ve obrigada a buscar unha alternativa de vida digna fóra de Galiza.
Demanda xunto a isto que se atalle o risco de exclusión social das persoas desempregadas que non perciben ningún tipo de prestación, un 48% do total. “Traballadoras e traballadores sen ingresos para os que é imprescindíbel que se articulen medidas que eviten que camiñen cara unha situación de pobreza extrema”.
Asembleas e concentracións o 6 de xuño
Fran Cartelle lembra que a CIG ten convocadas para o vindeiro día 6 de xuño asembleas de delegadas e delegados e posteriores concentracións en todas as comarcas, para exixir do novo goberno a derrogación das reformas laborais porque “é inaprazábel e urxente” a necesidade da súa derrogación. Fai un chamamento á mobilización “para que a clase traballadora galega recupere os dereitos que lle foron arrebatados”.