Máis de 94 de cada 100 contratos rexistrados en Galiza durante o mes de agosto foron temporais
A nivel sectorial, ao igual que en 2015, o desemprego baixou en todos os sectores, sendo a construción cun 3,7% menos de desempregados/as o que lidera esta caída, séguelle a industria cunha redución do 1%; e o sector servizos, onde a caída foi do 0,8%. Salvo na construción, os descensos en todos os sectores foran superiores no mes de agosto de 2015.
Deste xeito, o número de persoas paradas inscritas nas oficinas do Servizo Público de Emprego (SEPE) acadou os 193.045, o que supón 2.412 menos que no mes de xullo. Ao mesmo tempo, a afiliación á Seguridade Social aumentou un 0,5%. No que respecta a número de parados/as con dereito a algunha prestación, a cifra situouse no 48%.
Segundo o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, atopámonos diante duns datos que amosan que a situación do mercado laboral galego continúa a afondar na precarización, cunhas preocupantes cifras de temporalidade na contratación. Así, Miguel Malvido sinala que a evolución dos indicadores é practicamente idéntica á de hai un ano, “algo que nos preocupa especialmente xa que non se perciben cambios fóra dos meramente estacionais, polo que a tan cacarexada recuperación económica segue sen percibirse no mercado de traballo”.