Máis de 4000 persoas marchan en Compostela pola defensa do ensino público
Máis de 4.000 persoas percorreron este domingo as rúas de Compostela en defensa do ensino público. Na manifestación, convocada por CIG-Ensino, STEG e CSIF, participou numeroso profesorado mais tamén familias e alumnado procedentes de toda Galiza, dado que as súas reivindicacións redundan sobre todo na calidade da atención que recibe este último.
A baixada de ratios en todas as etapas educativas desde o vindeiro curso, a recuperación do horario lectivo previo aos recortes nun tempo máximo de dous anos, a eliminación da burocracia que está lastrando a función propiamente educativa, a maior dotación de persoal para atender a diversidade e unhas retribucións dignas e igualitarias para o profesorado foron, de novo, as principais demandas que se elevaron á Consellaría de Educación á que se instou a rectificar e negociar un novo acordo que supoña melloras reais para o ensino público galego.
Ao remate de marcha tomaron a palabra sete docentes, que representan a todos os colectivos afectados polo mal chamado “Acordo de melloras”, (unha mestra de primaria, unha orientadora, un profesor de Secundaria, unha profesora de Formación Profesional, unha persoa que forma parte dun equipo directivo, un mestre cunha longa traxectoria profesional e unha profesora que acaba de aprobar as oposicións) que explicitaron nas súas intervencións “por que na realidade se trata dun acordo de renuncias” e puxeron de manifesto as eivas que se atopan no seu día a día. As mobilizacións continuarán o vindeiro 28 con outra xornada de folga se non hai ningún movemento por parte da Consellaría neste tempo.
Terceira mobilización en novembro
Esta foi a terceira mobilización, neste mes de novembro, de loita pola recuperación dos dereitos docentes e pola mellora do ensino público, cunha implicación do profesorado aínda maior que a do pasado 24 de outubro, o primeiro dos dous días de folga convocados neste trimestre por CIG-Ensino, STEG e CSIF tras a sinatura por parte da Xunta cunha minoría sindical dun acordo que non dá resposta ás demandas deste colectivo.
Nesta ocasión, ademais, a manifestación tamén estivo apoiada polo resto de axentes da comunidade educativa: familias e alumnado, dado que son os directamente prexudicados polos recortes e polas políticas das administracións educativas nos últimos anos.
Ao inicio da manifestación, que partiu da Alameda, en declaración aos medios o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, lembrou que “o que hoxe reclamamos non é unha proposta de máximos, senón de mínimos. O profesorado está a dicir alto e claro que non quere renuncias a recuperar dereitos arrebatados e renuncias a mellorar a calidade do ensino”.
Bermello lembrou que así o manifestou xa o profesorado na folga “máis secundada nos últimos 14 anos”, con diversas accións de protesta nos centros, ao igual que nesta manifestación, “nun novo exercicio de dignidade e de firmeza esixindo o respecto que merece. Está claro que non hai ningunha das medidas incluídas neste acordo que vaia supoñer un incremento dos fondos dedicados a reforzar o persoal docente porque así se está vendo na negociación dos orzamentos da Consellaría para o vindeiro ano, o que demostra que estamos ante un engano total e unha fraude ao profesorado”.
Neste sentido estableceu os catro obxectivos fundamentais, arredor dos catro eixos sobre os que pivotou o acordo, que se marcan con estas mobilizacións “e aos que non estamos dispostos a renunciar como si o fixeron os tres sindicatos asinantes traizoando o sentir maioritario do profesorado e as súas propias liñas vermellas”. Estas catro reivindicacións son as seguintes:
- A redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa.
- A recuperación dos horarios lectivos de 21 horas en infantil e primaria e de 18 horas en secundaria, FP e demais ensinanzas nun prazo máximo de 2 cursos.
- A aplicación de medidas inmediatas (xa no curso 2024/25) para a redución da burocracia co aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e titoría e co aumento de persoal administrativo.
- O reparto lineal da masa salarial comprometida pola Consellaría entre todo o profesorado sen discriminalo por cuestións de antigüidade nin o cargo que ocupe.
Intervención dunha representación do profesorado afectado
A marcha rematou na praza das Praterías cun acto reivindicativo conducido polo artista e tamén docente de Latín, Xurxo Souto, e no que interviñeron sete docentes que representan os distintos colectivos afectados por este acordo: unha mestra de primaria, unha orientadora que exerce nun IES, un profesor de Secundaria dun centro público integrado, unha profesora de Formación Profesional, unha mestra que pertence ao equipo directivo dun colexio de infantil e primaria, un mestre no final da súa carreira profesional e unha profesora de secundaria que acaba de aprobar as oposicións.
Nas súas intervencións, cargadas de referencias ás dificultades que se atopan día a día nas aulas houbo un fío común: a petición á Consellaría de que atenda as súas demandas. Apuntaron que esta é a única forma de garantir un ensino de calidade adaptado á enorme diversidade existente actualmente. E lembraron que, como se demostrou na pandemia, isto pasa sobre todo pola redución de ratios ou a recuperación das 21 horas lectivas en infantil, primaria e educación especial para evitar as itinerancias de profesorado entre centros e de 18 no resto das etapas.
O profesorado insistiu en que isto reduciría considerablemente a impartición de afíns, implicaría un incremento moi relevante de efectivos e permitiría unha ratio inferior de alumnado total por docente que se sitúa de media en 200 estudantes nas etapas da ESO e Bacharelato; a eliminación de tarefas administrativas e de trámites que son absolutamente inútiles e que o único que fan é desviar o tempo do realmente importante: a preparación das clases, a innovación pedagóxica e o traballo en equipo que permita levar a cabo nos centros proxectos educativos inclusivos e enriquecedores para toda a sociedade.
Xunto a isto salientaron que “o sistema educativo público non pode agardar até 9 anos para levar a cabo a baixada de ratios en primaria e non pode permitirse non acometela de inmediato no resto de etapas: secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, para as que non hai prevista ningunha data de comezo no Acordo, máis alá do eufemismo de negociar o calendario de implantación dentro de 3 anos, o que é claramente un insulto ao 60% do profesorado do sistema educativo público”.
Ao remate do acto coreouse que “o profesorado galego nin se vende nin se rende e que seguirá protagonizando mobilizacións até conseguir que a Consellaría cese no desprezo a quen é o verdadeiro artífice de manter a máis que digna calidade no ensino público malia a falta de recursos humanos”.
A próxima mobilización xa está convocada. Será o vindeiro martes, 28 de novembro, cunha segunda xornada de folga laboral e que as organizacións convocantes agardan que non sexa necesaria levar a cabo “porque a administración recapacite, deixe a cerrazón do búnker no que está instalada en San Caetano e escoite a realidade do que está pasando nos centros educativos galegos”.