Máis de 4.500 profesores/as técnicos de FP en Galiza pendentes da integración no corpo de secundaria
No texto da LOMLOE aprobado na Comisión de Educación do Congreso e que seguirá os trámites para ser debatido e aprobado, se procede, este xoves 19 e posteriormente no Senado, algo que se prevé que non suceda antes de febreiro de 2021, hai novidades importantes ao respecto da integración do profesorado do corpo de profesorado técnico de Formación Profesional (PTFP) no corpo de profesorado de Educación Secundaria (PES). Un colectivo que en Galiza agrupa, segundo datos dos Orzamentos
Xerais da Xunta para 2020, a 4.524 persoas, das cales tiveron adxudicación como interinas a comezos deste curso 769.
A CIG-Ensino está de acordo cun proceso de integración que non deixe ninguén atrás, dentro da aspiración de acadar un corpo único docente, e critica que na redacción que se prevé aprobar se limite a integración no corpo de PES (Profesorado de Educación Secundaria) a quen posúa a titulación no momento de entrada en vigor, o que supón unha limitación inxustificábel. A situación do profesorado interino tamén centra a preocupación do sindicato maioritario en Galiza.
Na Mesa Sectorial do Ministerio de Educación do 11 de novembro a CIG-Ensino consultoulle aos máximos responsábeis do MEFP que previsións tiñan sobre a aprobación deste texto e se tiñan xa en mente como afectaría a todo o profesorado, tanto a quen ten titulación como, especialmente a que non a ten. Non houbo resposta coa escusa de que todo o relacionado coa LOMLOE está agora mesmo en trámite parlamentario e son os diferentes grupos políticos os que negocian o redactado final e non o Ministerio.
En todo caso, estamos diante dunha vella demanda do PTFP que a CIG-Ensino comparte dentro da defensa que o sindicato fixo historicamente dun CORPO ÚNICO DOCENTE. De feito esta foi unha das propostas que defendemos na negociación da LOMLOE. Con todo, e á vista de como queda a redacción desta integración, hai unha serie de cuestións que como sindicato nos preocupan e alertan e nas que faremos fincapé, tanto no seguimento da fase final de negociación no ámbito do Congreso como no desenvolvemento das normas que regulen o proceso de integración.
A SITUACIÓN DO FUNCIONARIADO DE CARREIRA DO CORPO DE PTFP
Sobre quen ten titulación de Grao ou equivalente. Tendo en conta as propias limitacións legais para acceder a un corpo do grupo A1 ao respecto da titulación esixida, a cuestión fundamental para o funcionariado de carreira sería o acceso ao corpo de PES. A posición de entrada da CIG-Ensino é que non se pode exixir a realización de ningunha proba para materializar esta integración, ao estarmos a falar de funcionariado de carreira, e que o acceso ten que ser automático no caso de ter titulación.
Sobre que non cumpre o requisito de titulación á entrada en vigor da Lei. A CIG-Ensino considera que se debe arbitrar un sistema transitorio para quen obteña a titulación a posteriori, en contra do que di a redacción actual da proposta, posibilitando que todas aquelas persoas que obteñan a titulación despois da entrada en vigor da Lei poidan acceder no seu momento ao corpo de PES.
A SITUACIÓN DO PERSOAL INTERINO DO CORPO DE PTFP
Sobre quen ten titulación de Grao ou equivalente. A CIG-Ensino tamén amosa a súa preocupación pola situación do profesorado interino do corpo de PTFP con titulación de acceso a PES. Desde o punto de vista do sindicato non se pode tomar ningunha decisión que discrimine a este colectivo. Temos claro que o persoal interino, no caso de se aprobar a Lei coa redacción actual, debe ser integrado nas mesmas condicións nas listas da súa correspondente especialidade de PES se ten a titulación requirida e quedar “a extinguir” se non a ten, coas mesmas condicións que o funcionariado de carreira.
Sobre que non cumpre o requisito de titulación á entrada en vigor da Lei. Tamén é motivo especial de alerta todo o relacionado co profesorado interino do corpo de PTFP sen titulación de Grao ou equivalente. Neste caso atoparíanse dous diferentes colectivos:
- Persoal interino con titulación de TSFP. Na redacción da LOMLOE aparece, por un lado, unha referencia á contratación de docentes con titulación de Técnico ou Técnica Superior de FP[1] coa que estamos en total desacordo ao considerar a contratación deste profesorado como "especialista con contrato laboral”, xa que iso implica introducir un diferente réxime de contratación no sistema educativo, que ten como única vía a relación funcionarial (coa excepción do profesorado de relixión confesional) e que nese caso se perdería. Para estabelecer unha comparación, a día de hoxe hai profesorado especialista nalgunha lista que se abriu no seu día para superar as limitacións das especialidades docentes (por exemplo Interpretación de Signos) con funcionariado interino con contrato administrativo como o resto do profesorado.
- Na disposición adicional na que se indican as titulacións requiridas para o ingreso en cada corpo mantense a posibilidade de regular excepcións nos corpos de PES e artes plásticas. O texto actual da LOE, de similares características, é o que permite que, por exemplo, se poida ingresar no actual corpo de PTFP cun título de Técnico Superior de FP. A incerteza, en todo caso, aparece agora coa extinción do corpo de PTFP e sobre se, unha vez aprobada a LOMLOE, se permitirá o ingreso no corpo de PES nas mesmas condicións nas especialidades nas que actualmente se pode ingresar cun TSFP, xa que de non se facer así poríase en risco o futuro laboral de moito profesorado. Para a CIG-Ensino a tranquilidade para este colectivo garantiríase incluíndo na disposición que as actuais especialidades nas que se pode acceder con esa titulación o poderán seguir facendo. Ademais, cremos que o Goberno debería despexar calquera dúbida que poida darse sobre as actuais titulacións de diplomaturas ou enxeñarías técnicas para o acceso ás especialidades de PES unha vez formalizada a extinción do corpo de PTFP. Neste caso, xa existen actualmente numerosas especialidades do corpo de PES ás que se pode ingresar con estas titulacións polo que entendemos que non debe existir ningún impedimento). Por tanto, a CIG-Ensino defende que as titulacións actualmente equivalentes a efectos de docencia se manteñan tras a extinción do corpo de PTFP, evitando que ninguén quede atrás.
[1] No actual RD 276/2007 de ingreso e acceso estas son as especialidades docentes do corpo de PTFP ás que se pode opositar con TSFP: Cociña e pastelaría, Estética, Fabricación e instalación de carpintaría e moble, Mantemento de vehículos, Mecanizado e mantemento de máquinas, Patronaxe e confección, Peiteado, Produción en artes gráficas, Servizos de restauración e Soldadura.