Máis de 3000 persoas claman contra o desmantelamento do hospital Meixoeiro de Vigo e a privatización da sanidade
A mobilización arrincou pasadas as oito da tarde da porta principal do Meixoeiro, onde minutos antes varios milleiros de persoas permanecían concentradas agardando o inicio da dunha marcha que se desenvolveu polos arredores do centro médico e na que as consignas máis repetidas foron “O Meixoeiro querémolo enteiro”, “Feijóo, bandido, “A privatización é corrupción”, “Queremos un hospital e non unha sucursal”, “Vigo é a tumba do PP” ou “Feijóo, atende, a sanidade non se vende”.
Á cabeza da manifestación, unha faixa recollía o lema da protesta: “O Meixoeiro tamén existe”. Unha frase que resume o empeño de profesionais e usuarios/as por reivindicar o papel que esta infraestrutura ten que xogar na sanidade pública da área viguesa.
En concreto, reclaman que se manteña como un hospital xeral programado para diferentes especialidades, para o que é necesario recuperar as camas pechadas e os recursos recortados. “Para facer posíbel o proxecto estratéxico de reforzar o tratamento e a investigación en Oncoloxía débese potenciar a súa actividade neste eido, aproveitando e axustando a dotación tecnolóxica específica xa dispoñíbel para atender estas patoloxías, convertendo o Chuvi en referencia oncolóxica para o sur de Galiza”, tal e como se recolle no manifesto que se leu ao final da marcha.
Outras das demandas do persoal pasan por situar no centro médico todos os recursos de Cirurxía Programada (maior ambulatoria e con ingreso) e abrir unha Unidade de Coidados Críticos. Ademais, apostan por que se manteñan activas un total de 422 camas. “A plena utilización do Meixoeiro é vital para o futuro da sanidade pública da nosa área sanitaria”, rematan.