Máis de 200 persoas participan este sábado nas Xornadas de Lingua e Educación Infantil
CIG-Ensino e AS-PG organizan para este sábado día 14 de abril, no IES Fontiñas, as Xornadas de Lingua e Educación Infantil, para as que xa non quedan prazas libres. O programa, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 20:00 horas inclúe propostas anovadoras para traballar na aula, metodoloxías de interese para opositores e opositoras e intercambio de experiencias entre o profesorado destas dúas áreas.
Máis de 200 persoas daranse cita xornadas que se celebran anualmente e que este ano chegan á XVII edición no caso das de Lingua e Literatura e á XXI nas de Educación Infantil. Na primeira mesturaranse, entre outras, as palestras relativas ás achegas actuais do profesorado en materia de normalización lingüística, coa relación entre muller e literatura, co uso de apps e doutras ferramentas online gratuítas para traballar as materias de lingua e literatura, con tres actividades dirixidas especialmente a opositores e opositoras desta especialidade sobre comentarios filolóxicos, programacións didácticas e a creación de enigmas a través de historias.
Deste xeito, seguindo o modelo posto en marcha pola CIG-Ensino nos últimos anos estas xornadas manteñen o seu enfoque eminentemente práctico e vencellado á realidade diaria do traballo nos centros educativos.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, destaca que “no contexto actual de clara recesión que sofre o galego na sociedade, e no ensino en particular, xornadas deste tipo significan un pulo e á vez un recoñecemento a todo o colectivo docente que está a traballar pola súa normalización nas aulas”.
“A situación da nosa lingua, -engade-, é preciso abordala de forma transversal en todos os niveis educativos e en todo o currículo, polo que as experiencias que mañá se van compartir poden servir de inspiración para todos e todas as asistentes a estes encontros formativos”.
Nestas xornadas, intervirán Rosalía Fernández Rial, Xoán Costa, Leo Fernández Campos, Valentina Formoso Gosende, Pilar García Negro, Mercedes Queixas Zas, Xaime Varela. Xoán López Viñas, Marta Dacosta, Pilar Ponte, Eli Ríos, Antonio Manuel Fraga, Antía Amarante e Pilar Pallarés.
Espazos de traballo e Matemáticas inclusivas
Por outra banda, nas Xornadas de Educación Infantil, que ao igual que as de Lingua e Literatura contan con 8 horas homologadas pola Xunta de Galiza e teñen carácter gratuíto, vanse coñecer dúas propostas de traballo sobre espazos de aprendizaxe e matemáticas inclusivas. Ambas experiencias serán presentadas por mestres da Escola Infantil de Tui e do CEIP San Xoán de Filgueira, de Ferrol, respectivamente.
O programa das xornadas complétase coa presenza de Luís Prego, mestre de canto e de baile tradicional e autor dos libros Para cantar e bailar e Xogos tradicionais, que achegará recursos para traballar o ritmo e a melodía coas crianzas de 0 a 6 anos.
Así mesmo tamén se poderá apreciar a importancia dos contos no ensino e na sociedade galega a través da intervención Contar para medrar, da ensinante e contadora Vero Rilo.
Distribución de prazas
A CIG-Ensino lamenta que non puideran obter praza todas as persoas que amosaron o seu interese en participar nestas xornadas, fundamentalmente aquelas que non están en servizo activo.
As limitacións impostas pola administración á hora de homologar estas actividades formativas, a respecto de que só se pode destinar o 25% da matrícula a persoas que non traballan para a Consellaría de Educación, obríganos a deixar fóra a boa parte deste colectivo, formado por estudantes, opositores/as, traballadores/as do ensino concertado e/ou doutras administracións como o Consorcio.