Máis de 150 persoas percorren as rúas da Guarda para rexeitar os despidos no centro San Xerome
Máis de 150 persoas percorreron hoxe as principais rúas da Guarda convocadas pola CIG-Ensino para rexeitar os dous últimos despedimentos no San Xerome Emiliani e denunciar a represión laboral que se vive no centro de atención a persoas con dicapacidade. A marcha, que arrincou da Alameda ás 12.00 horas, rematou diante do Concello para reclamar a implicación do Goberno local no conflito.
“Xerente dimite, o centro vai a pique”, “Non á represión no San Xerome”, “Xerente, fascista, ti es o terrorista”, “Despedidos readmisión” ou “Isto nos pasa por un xerente facha” foron as consignas máis coreadas durante a marcha coa que central nacionalista quixo amosarlle a súa solidariedade e apoio aos dous traballadores que foron despedidos -un deles é delegado sindical da CIG- alegando causas económicas. Mais dende a federación de Ensino lembran que os dous afectados están subrogados do Concello da Guarda para realizar o traballo de mantemento de zonas verdes, “e temos constancia de que o Concello está completamente ao día nos pagos”.
Culpan dos despedimentos ás prácticas represivas exercidas polo xerente, Feliciano Valcárcel, “que son o pan de cada día no centro”. Lembran que den de que accedeu ao posto en 2008 sucédense os conflitos: como exemplo poñen o intento de despedimento dun traballador que foi ditaminado como nulo polo Xulgado ou o intento reiterado de modificación da xornada sen ter en conta o que di o convenio, “polo que a CIG-Ensino tivo que poñer unha demanda de conflito colectivo que gañamos”.
Para a central, Valcárcel está a actuar como o peor dos empresarios, perseguindo e coaccionando os traballadores/as cun acoso permanente. “Desmantelou o posto de traballo do presidente do comité de empresa, carpinteiro de profesión, para poñelo a traballar desbrozando camiños, un traballo que deberían facer -como de feito fixeron até este ano- os xardineiros/as do Centro Especial de Emprego, que agora pretende desmantelar este xerente”.
Neste senso, lembran que estes despedimentos súmanse aos cinco habidos en anos anteriores e ás varias rescisións de contratos e marchas voluntarias habidas no centro, estas últimas como resultado dunha situación de represión insufríbel. “Valcárcel actúa con total impunidade, talvez porque se considera ben amparado polo PP, con que mantén estreitos lazos, como se puido comprobar na última campaña electoral en que chegou facer un acto político con Louzán dentro do centro, reunindo a todas as familias, ante as que o político prometeu grandes melloras no centro se votaban polo PP”.
Obxectivo: privatizar o centro
Na CIG-Ensino teñen moi claro que detrás destas prácticas agóchase a intención de entregar a xestión do centro á iniciativa privada, buscando facer do servizo un negocio lucrativo para uns poucos. “Témolo claro porque no centro San Xerome estanse a dar os mesmos pasos que antes se deron en Aspromor, outro centro de atención a persoas con discapacidade que era xestionado por unha asociación sen ánimo de lucro, mais que foi entregado a unha empresa privada que realizou un ERE extintivo por medio do cal se pechou o Centro Especial de Emprego”.
Sinalan coincidencias alarmantes: o intento de despedimento de delegados/as, o peche do taller de carpintaría para ser substituído por un taller de plásticos ou que o asesor do San Xerome sexa o mesmo que asesorou a Aspromor. “O resultado desa maneira de xestionar Aspromor deu lugar ao endebedamento do centro, incremento de despedimentos e empeoramento do servizo”. Por iso dende a central consideran que a propia Asociación propietaria do centro debería preocuparse polo que está a suceder, pola intención oculta de privatizalo, mais tamén porque se están a dilapidar os cartos que recibe o centro, entre outros da Xunta de Galiza, é dicir, diñeiro público, no pago de indemnizacións.
Finalmente, esixen que se resolva a situación dos dous traballadores despedidos que deben volver ao seu posto de xardineiros e, neste sentido, agarda e demanda que o Concello da Guarda apoie a estas persoas que viñeron realizando este traballo desde hai moitos anos. “Tamén consideramos que a solución aos problemas do San Xerome pasa polo cambio da Xerencia, para finalizar coa represión e os atropelos aos dereitos das traballadoras/es, e que a Xunta actúe corresponsabelmente para garantir que os fondos que destina ao centro non son dilapidados en despedimentos”.