O Goberno central recoñece erros nos coeficientes redutores da idade de xubilacións dos mariñeiros e revisará “caso por caso”
A FGAMT-CIG de Pontevedra revelou hoxe que o Goberno central vén de recoñecer a existencia de erros na modificación dos coeficientes redutores da idade de xubilación da xente do mar - tal e como denunciara a central- e que se comprometeu a revisar “caso por caso”. Dende a sindicato agardan que nun prazo máximo de tres meses se solucione unha problemática que obrigou a moitos mariñeiros a regresar ao traballo porque co cambio de norma non teñen dereito a xubilarse.
O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xabier Aboi, compareceu esta mañá en rolda de prensa para explicar que despois de que a central denunciase publicamente a existencia de erros na aplicación dos coeficientes redutores da idade de xubilación dos mariñeiros o Goberno español arranxou provisionalmente a situación da flota conxeladora, “mais non fixo nada co palangre co argumento de que hai que agardar a que entre en vigor a nova normativa comunitaria”.
Deste xeito, as tripulacións de arredor de 90 barcos galegos estanse a ver afectadas porque non se lles aplica o coeficiente redutor máximo (0,40) xa que estas embarcacións non son recoñecidas como conxeladoras. Isto fixo que a CIG se decicase a recopilar toda a información necesaria para argumentar o contrario, conseguindo documentación oficial na que o propio Ministerio de Pesca recoñece que estes barcos figuran como conxeladores.
Estudar caso por caso
Foi precisamente ao trasladar esta información ás distintas Capitanías Marítimas cando a central recibiu a comunicación de que estes organismo recibiron instrucións de Madrid para “estudar caso por caso” co obxectivo de emitir un informe para determinar “se son conxeladores ou non”. Diante disto, dende o sindicato xa se puxeron en contacto coas distintas patronais para que faciliten todos os datos necesarios para demostrar que si o son e poder deste xeito beneficiarse dun dereito adquirido hai moitos anos “e que agora pretenden recortar por unha decisión política”.
Na CIG calculan que todo este proceso debera estar resolto nun prazo máximo de tres meses e que a solución pasaría por recoñecer que a flota palangreira galega é coxeladora, e polo tanto que os seus tripulantes teñen que ter dereito a que se lles aplique o coeficiente redutor do 0,40. “Pero como non nos fiamos da Administración do Estado imos estar moi vixiantes e convocaremos asembleas para informar do estado do proceso”, indican.
Ao mesmo tempo, critican que dende o Ministerio de Fomento se diga agora que esta problemática foi resultado dun erro no código das embarcacións, “cando sabemos que se trata dunha decisión política para aplicar o maior recorte social na historia da pesca galega”.
Finalmente censuran a actitude do Partido Popular ao respecto, xa que primeiro votou a favor dunha moción presentada polo BNG no Parlamento galego para que se revisen de oficio as pensións e o propio modelo “e despois promoveu outra, que foi aprobada cos seus votos e cos da Marea, na que se lle esixe ao Goberno central que manteña os actuais coeficientes até a entrada en vigor da normativa europea, algo que podería atrasarse até finais de 2018”.