Maderas Iglesias aplicará o ERE suspensivo a partir deste luns tras rematar sen acordo a mediación
A dirección de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación crítica, confirmou que a partir do luns comezará a aplicar o ERE suspensivo unha vez que a mediación celebrada hoxe na Inspección de Traballo rematou sen acordo. O comité celebrará unha asemblea co cadro de persoal este venres para informar sobre o contido da xuntanza.
Durante xuntanza a tres bandas (autoridade laboral, empresa e representación sindical) o comité, presidido pola CIG, reiterou a súa esixencia de que se retirase o ERE dun ano de duración para as 205 traballadoras/es de Maderas Iglesias ao entender que a medida non é a solución que precisa a compañía. Neste senso, lembran que a propia dirección se comprometera a non aplicar máis, compromiso que permitiu desconvocar a folga indefinida.
Segundo explican dende o comité, durante a reunión abordouse a posibilidade de que a compañía presente outro ERE extintivo que afectaría unicamente a traballadoras/es que se presentasen voluntarias/os.
Ademais, sosteñen que o único que garantiría a supervivencia da empresa sería a aparición dun grupo inversor que estivese interesado na súa adquisición, “pero para iso precisamos a implicación da Xunta, tal e como dixo que faría”. Pero polo de agora non se produciu ningún avance nese sentido, tal e como puideron comprobar na última xuntanza mantida no Igape en Santiago.
Risco de exclusión social
Finalmente, dende a CIG-Construción de Vigo denuncian que “por culpa da reforma laboral aprobada polo PP e que o PSOE non derrogou atopámonos enriba da mesa co noveno ERE en nove anos sen que poidamos facer nada fronte á posibilidade de que moitas das traballadoras/es queden en risco de exclusión social unha vez se lles acabe o paro e non ingresen ningún tipo de prestación”.
O contido da xuntanza celebrada hoxe na sede da Inspección de Traballo en Vigo será abordado este venres na asemblea de traballadoras/os que se celebrará nas instalacións de Maderas Iglesias no Porriño a partir das 13:45 horas.