Maderas Iglesias acorda co comité renegociar o ERE para deixar fóra o persoal que xa consumiu 400 días
A dirección de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante, acordou co comité de empresa, presidido pola CIG, renegociar o contido do ERE que remata en xuño para deixar fóra a aquelas/es traballadoras/es que xa estiveron 400 días afectadas/os por esta medida. Esta era precisamente unha das reivindicación do cadro de persoal, que o ERE fose equitativo. Por outra banda, a compañía xa abonou a nómina de febreiro pero queda pendente a paga extraordinaria de decembro.
Na reunión, Maderas Iglesias aceptou tamén o calendario laboral proposto pola representación das empregadas/as, ademais de informar que continúa negociando con varios grupos inversores interesados na empresa.
Dende o comité reiteran que continuarán vixilando todos os movementos da dirección e insisten en reclamar a implicación da Xunta para evitar o peche da compañía e garantir a continuidade de todos os postos de traballo.