Louzao defende no Congreso mudar o marco lexislativo, incluída a Constitución, e un sistema educativo propio

Rexeita o punto de partida do debate na comisión do Pacto pola Educación
Nacional - 14 Mar 2017

O secretario nacional da CIG-Ensino e membro do Consello Escolar do Estado, Anxo Louzao, compareceu esta mañá na “Subcomisión para a Elaboración dun gran Pacto de Estado Social e Político pola Educación”, no Congreso dos Deputados. Na súa intervención defendeu “unha transformación radical do sistema educativo, a modificación da Constitución e a supresión dos concertos educativos” e avogou por unha educación “pública e universal de 0 a 18 anos, inclusiva e equitativa, totalmente laica, coeducativa e non sexista, gratuíta e democrática e que garanta unha real igualdade de oportunidades”.

Na súa intervención criticou o procedemento e o momento de partida do pacto pola Educación “xa que os límites están fixados de antemán e non ten en conta o actual contexto educativo, produto dos recortes permanentes e da imposición da LOMCE”. Así considerou que “a pretensión real do goberno é dar validez aos fundamentos que sustentan a LOMCE, aínda que con certos retoques que a fagan máis presentable socialmente”. Fundamentos que resumiu en: uniformización e centralización, aposta pola privatización, incluíndo os concertos educativos en centros que segregan o alumnado por razón de xénero; confesionalidade do ensino, asignándolle valor académico á disciplina de Relixión; xestión antidemocrática dos centros, clasismo e segregación. Un modelo educativo “neoliberal e españolizador que desterra o ensino inclusivo e equitativo”.

Derrogar a LOMCE

Fronte a ese modelo defendeu a necesidade de derrogar a LOMCE e, xunto a iso, restituír todos os dereitos salariais, laborais e profesionais arrebatados ao profesorado; derrogar o Decreto 14/2012 de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo e o Real Decreto 20/2012 de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade para, posteriormente, “abrir un debate coa participación de todos e todas, co fin de fixar, se é posible, os alicerces dun sistema educativo distinto e antitético ao recollido na LOMCE e que facilite a elaboración dunha “ Lei galega de educación”.

 

Desamparo da nosa lingua

Subliñou especialmente a situación de “desamparo” do noso idioma que sufriu “recortes e ataques” permanentes e que “nunca tivo tan pouca presenza como lingua vehicular no ensino” como agora. Neste sentido, sinalou que a aplicación da LOMCE significou “unha nova discriminación e exclusión, pois no conxunto da ESO o ensino na lingua galega ten 13 horas menos que o español na modalidade de ensinanzas aplicadas e 10 nas académicas”.

Modificación do marco lexislativo

Segundo explicou, para a CIG-Ensino o actual sistema educativo necesita “unha transformación profunda” e por iso “é preciso modificar todo o marco lexislativo”, incluídos os artigos 3 e 27 da Constitución de 1978, “sustento legal da privatización, mediante os concertos educativos; da confesionalidade, a través da Relixión como disciplina curricular, e que restrinxe, tamén, os dereitos lingüísticos para a lingua propia de Galiza”.

Defendeu a eliminación dos concertos en todos os niveis educativos, o ensino público como única garantía de equidade e calidade, a redución das ratios máximas a 15 alumnos/as por aula en educación infantil e a 20 no resto dos niveis educativos, a dotación de profesorado suficiente nos centros –liberado de tarefas administrativas e burocráticas- para garantir a atención á diversidade e para unha educación adecuada ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, así como doutros perfís profesionais (persoal coidador, sanitario, educadores sociais...); asegurar a total gratuidade dos libros de texto, do material didáctico e dos servizos complementarios (comedores e transporte escolar) e modificar a lexislación necesaria para que as ensinanzas artísticas superiores se poidan integrar ou adscribir á universidade.

Demandou unha xestión democrática dos centros, reconsiderar o actual currículo escolar en todas as súas dimensións e etapas “por ser inalcanzábel e con altos contidos academicistas e mercantís, mais tamén para que Galiza poida ser obxecto de estudo en toda a súa extensión e dimensión para o alumnado galego”.

Asegurou que para a CIG-Ensino “non é asumíbel ningún pacto que non renuncie a continuar co actual centralismo, profundamente españolizante e negador da diversidade cultural e lingüística do Estado”; denunciou que o Estado “atribúese todo o concernente aos principios, fins e obxectivos da educación, imposibilitando a adaptación do sistema educativo á realidade nacional, cultural e lingüística de Galiza que facilite a elaboración dunha verdadeira lei galega de educación”  e apostou por un pacto educativo que “recoñeza o Estado español como plurinacional” e no que as nacións que o conforman “teñan o seu propio sistema educativo”.