
Loita nos centros de traballo e na rúa para conquistar políticas alternativas

Desde a CIG temos claro que a mobilización é o camiño, non o do chamado diálogo social que practican incansabelmente UGT e CCOO, no que están lexitimando as peores políticas do PP en Galiza ou apoiando a continuidade das reformas laborais e das pensións ou o incremento do SMI que fixa un salario mínimo con catro anos de atraso a respecto do que establece a Carta Social Europea.
O camiño é a loita, a mobilización e crear organización, crear poder popular, porque os dereitos nin se regalan, nin se compran, nin veñen do diálogo social, nin os concede un goberno porque si, nin os cede un poder económico hoxe empachado de riqueza ao ver vixentes as súas políticas de roubo e saqueo á clase traballadora.
Por iso, desde a CIG, como primeira forza sindical, chamamos á mobilización o 10 de Marzo, e a respostar nun momento no que está en xogo o noso futuro, como clase traballadora, como pobo galego e como nación, no convencemento do enorme potencial que ten a mobilización social na conquista das políticas alternativas coas que poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.
Porque aumentan a extensión e o asentamento da precariedade laboral, os baixos salarios, a pobreza laboral, as facilidades e abaratamento do despedimento que as empresas teñen á súa disposición, o menú variado das vellas e das novas formas de explotación laboral, a utilización da contratación a tempo parcial, unha media de contratos anuais por persoas asalariadas do 4%, etc; son a realidade dunhas reformas laborais, 2010 (PSOE) e 2012 (PP) que seguen inxustificadamente en vigor.
Porque fomentan a estatalización e centralización da negociación colectiva que invaden as nosas competencias á hora de poder negociar as nosas condicións de traballo e os nosos salarios através dos convenios sectoriais provinciais e galegos.
Porque afondan nas desigualdades sociais e de xénero, o aumento da fenda salarial, a falla de medidas reais para garantir unha presenza en igualdade das mulleres, son tamén unha realidade aumentada ante a vixencia das reformas laborais.
LUGARES E HORARIOS DAS MOBILIZACIÓNS
-Ferrol:
Ofrenda floral ás 12.30h.
Manifestación ás 20h desde o local sindical da CIG (Avenida de Esteiro).
-Vigo:
Manifestación ás 18:30h desde a Dobrada.
-A Coruña:
Concentración ás 12h na Delegación do Goberno.
-Pontevedra:
Concentración ás 12h na Praza da Peregrina.
-Vilagarcía:
Concentración ás 12h diante do INEM.
-Compostela:
Manifestación ás 20h desde a Praza Roxa.
-Lugo:
Manifestación ás 20h desde o Edificio Sindical.
-Ourense:
Concentración ás 11h diante da Subdelegación do Goberno.