A limpeza do HUAC segue en loita pola aplicación das melloras salariais e da xornada
As traballadoras e os traballadores do servizo de limpeza do Hospital da Coruña continuaron este mércores coas mobilizacións para reclamarlle á empresa concesionaria, Acciona, que cumpra xa co acordo de melloras retributivas e de redución da xornada anual e demandarlle ao SERGAS que interveña.
A mobilización comezou cunha concentración diante da Xerencia e despois o persoal saíu en manifestación arredor do hospital. Non obstante, ante a falta de movementos por parte da empresa, o comité informou que as mobilizacións proseguirán, cando menos, durante os próximos tres mércores.
Deste xeito, dáse continuidade ás tres xornadas de protestas desenvoltas a pasada semana contra a pretensión de Acciona de absorber os incrementos retributivos e a redución da xornada anual pactados para o persoal do SERGAS, a través das melloras que as traballadoras e traballadores da limpeza do HUAC xa conseguiran hai unha década por sentenza xudicial.
Pero isto, denuncian, "non é cumprir co acordo, senón vulnerar os nosos dereitos". Ademais, entenden que se trata dunha discriminación xa que noutros servizos de limpeza hospitalaria tamén adxudicados a Acciona non están tendo esta problemática. De feito, o propio SERGAS deulle como prazo máximo para aplicar o acordo ás súas contratas até o mes de xaneiro.
Tras dar inicio ao calendario de mobilizacións, a empresa púxose en contacto co presidente do comité (CIG) para sentar negociar, mais negándose a falar da xornada (cumprir o acordo suporía para o persoal tres días de redución) e querendo limitar a negociación á cuestión económica. Pretensión que as traballadoras e traballadores non van asumir e por iso proseguirán coas protestas até que se respecten todos os seus dereitos.