Limpeza de Lugo: 58 días de loita e resistencia por un convenio digno
Delegadas e delegados da CIG de todas as provincias e sectores manifestáronse este martes en Lugo en apoio e solidariedade á loita que están a desenvolver as traballadoras da limpeza en demanda dun convenio digno. A mobilización desenvolveuse no día que se cumpren 58 xornadas de folga e na véspera dunha nova xuntanza coa patronal.
Con esta mobilización, que estivo precedida dunha asemblea, a CIG "fai un acto de solidariedade e apoio incondicional a unha loita que temos claro que imos gañar", valoraba ao inicio da manifestación o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Salientou a capacidade de resistencia das traballadoras nas súas xustas reivindicacións fronte a unha patronal intransixente e denunciou o papel das administracións -como poderes públicos e como principais contratistas dos servizos de limpeza-, ao consentir na situación de conflito que hai en Lugo e nas condicións de precariedade impostas polas empresas.
Carril rexeitou a actitude "intolerábel" de ASPEL, a asociación estatal que agrupa as principais empresas do sector, "que pretende estender a pobreza e a explotación laboral no noso país". Esta estratexia de precarizar a negociación colectiva repítese no resto dos convenios da limpeza polo que, advertiu, as mobilizacións iniciadas en Ourense e Pontevedra poderíase intensificar nas próximas semanas.
Nesta liña, o secretario xeral da CIG tamén interpelou as administracións a que fagan cumprir a lexislación vixente e que haxa "unha actuación decidida para exixir de oficio que o SMI sexa unha realidade neste convenio colectivo". Cómpre destacar que o convenio da limpeza de Lugo é un dos máis baixos do sector e coa actual oferta patronal as táboas seguirían quedando por debaixo do salario mínimo interprofesional.
Precisamente cando se está a negociar a suba do SMI, a CIG revindica que este se sitúe no 60% do salario medio, isto é nos 1253 euros/mes, conforme ao recollido na Carta Social Europea. Neste sentido Carril criticou que nas mesas do diálogo social se pretenda "facer o imposíbel" por incumprir a CSE e lembrou que o pasado mes de outubro, a CIG presentou unha reclamación colectiva perante o Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) polo incumprimento do Estado español nesta materia.
A patronal ten que mover as súas propostas
A mobilización tivo lugar na véspera dunha nova reunión da mediación "na que agardamos que a patronal mude a súa postura e se mova nas súas propostas. Porque o que están demandando as traballadoras é simplemente un convenio cuns salarios dignos", afirmaba Asunción Castiñeira, representante da CIG-Servizos.
Cualificou de "desprezábel" a posición da patronal que, convenio tras convenio, busca consolidar a precariedade absoluta no sector. "Pero as traballadoras están fartas e dixeron basta. Non están dispostas a continuar coas mesmas condicións. Son mulleres fortes, valentes e un exemplo de loita e dignidade e así o están demostrando".
Castiñeira destacou que as compañeiras levan xa 58 días en folga, con protestas diarias, encontros institucionais, unha recollida de sinaturas que xa foi apoiada por milleiros de persoas e unha caravana reivindicativa permanente diante do edificio da Xunta porque "a Xunta é parte importante neste conflito e non pode mirar cara a outro lado. Exixímoslle que tome medidas".
Sobre ASPEL advertiu que controla a negociación provincial e que as grandes empresas e grupos que representa están copando todos os contratos públicos da limpeza, desprazando as empresas provinciais "e obtendo millonarios beneficios". Pero esas avultadas ganancias "non repercuten nunha mellora das condicións salariais e laborais das traballadoras".
Por iso, reiterou que "a mobilización é o único camiño que nos queda para sacar o convenio adiante e as traballadoras están dispostas a continuar até onde faga falta". Na mesma liña, Carril incidiu en que a proposta patronal "é inasumíbel e insultante", que a parte social xa modificou puntos da súa plataforma e que "a patronal é agora a única que ten que moverse".