Liberdade para Öcalan. Unha solución política para a cuestión curda
A Plataforma Internacional pola Liberdade de Abdullah Öcalan demandou esta mañá, -nas máis de 70 roldas de prensa simultáneas convocadas, en distintos territorios do Estado español e diferentes países do mundo, que foron emitidas en streaming para que puideran ser vistas polo pobo curdo-, unha solución política para a cuestión Curda; que se permita ao líder kurdo Abdullah Öcalan reunirse cos seus avogados e a súa familia e, en última instancia, que sexa posto en liberdade en condicións que lle permitan desempeñar un papel na procura dunha solución política xusta e democrática ao conflito curdo de Turquía, que dura xa décadas.
A campaña internacional "Liberdade para Öcalan, solución política para a cuestión kurda" une a movementos sociais, partidos políticos, comunidades, sindicatos, activistas, intelectuais e millóns de curdos e os seus amigos de todo o mundo en torno a un obxectivo común: facer posíbel unha solución política xusta e democrática á centenaria cuestión curda de Turquía, permitindo a participación do líder curdo Abdullah Öcalan nun diálogo renovado.
Na Galiza actuou como portavoz a actriz Isabel Risco, e participaron representantes de ADEGA; AVANTE LGTBI+; BNG; CEIVAR; CIG; COORD.GALEGA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES; CUT; ERGUER; ESCULCA; FRUGA; GALIZA NOVA; GALIZA SEMPRE; A Gentalha do Pichel; MOVEMENTO ARREDISTA; PLATAFORMA BARAN GALIZA; SINDICATO LABREGO GALEGO; UNIÓN DO POBO GALEGO e VIA GALEGA.
Isabel Risco, en nomea de todas as organizacións que se sumaron á Plataforma deu lectura ao seguinte
Comunicado conxunto. Liberdade para Öcalan
Abdullah Öcalan é un líder político kurdo, considerado por millóns de persoas kurdas o seu representante político. En febreiro de 1999, Öcalan foi secuestrado nunha operación orquestrada por varios servizos de seguridade e intelixencia e enviado a Turquía. Desde entón está na cadea, illado de todo contacto co mundo exterior, e leva xa varios anos. Foi sometido a torturas e a outros tratos crueis e degradantes. A pesar diso, a xente que forma parte do seu movemento, e a meirande parte do pobo kurdo, están á fronte da loita pola autodeterminación, xunto cos movementos multiétnicos e multirrelixiosos para a democracia en Oriente Medio.As súas teorías inspiraron a quen loita pola autodeterminación, a liberación da muller e a fin de situacións de desigualdade e explotación en todo o mundo.
A "cuestión kurda" segue a ser un problema sen resolver en Turquía: conflitos e inestabilidade política derivada da negación violenta de dereitos por parte de Turquía, tanto civís como políticos, de 20 millóns de cidadáns e cidadás kurdos/as, custaron miles de vidas, desprazaron millóns de persoas e empoderaron a grupos ultras, fundamentalistas relixiosos e autócratas de todo o mundo. Isto garda relación con moitos dos máis graves conflitos rexionais e globais que afectan á vida e benestar de millóns de persoas: ocupación, racismo, opresión de mulleres, intolerancia relixiosa, explotación económica e destrución do ambiente.
O Kurdistán está dividido en catro estados: Turquía, Irán, Iraq e Siria. Foron as potencias europeas, nomeadamente Gran Bretaña e Francia, as que crearon estas divisións hai un século. A capacidade de Turquía para levar a cabo a guerra contra a poboación kurda en todo o Oriente Medio é o resultado de décadas de apoio incondicional dos Estados Unidos e outros membros da OTAN, e é a nova estratexia do goberno turco de enfrontar estas potencias contra outros estados, como Rusia e Irán, para extraer concesións de todos os lados, contra o pobo kurdo.
As solucións proposta por Öcalan son de carácter internacional. O seu marco para unha solución política á cuestión kurda podería acabar cun século de guerra e opresión en Turquía e os países veciños. As teorías universais que serven como marco para as súas propostas de solucións son un modelo para outros pobos e conflitos no mundo, que buscan alternativas ás grandes crises do noso tempo: desde a crecente desigualdade ata o cambio climático, pasando polo ascenso de autócratas de extrema dereita que se aproveitan da crecente desilusión co sistema.
Coa liberdade de Öcalan, e a posibilidade de participar nun proceso político para resolver a cuestión kurda, de seguro que se posibilitaría a liberdade e a paz para todos nós. Mais, desafortunadamente, as autoridades de Turquía sábeno e temen este escenario enormemente. E así, co apoio da comunidade internacionalmente, veñen mantendo a Öcalan illado durante case tres anos, para manter o poder e prolongar as súas interminábeis guerras.
Estamos moi preocupados/as pola seguridade e o benestar de Öcalan. O illamento é recoñecido internacionalmente como unha forma de tortura. Que esta forma de tortura se veña mantendo durante tres anos é extremadamente perigoso. Non sabemos nada sobre o destino de Öcalan, máis aló de que recentemente recibiu "medidas disciplinarias" para impedir reunións baixo pretextos falsos, e que supostamente recibiu ameazas de morte.
O Comité Europeo para a Prevención da Tortura do Consello de Europa é responsábel de vixiar as condicións penitenciarias en Turquía e outros estados europeos. O Comité e outras institucións europeas (a Unión Unión Europea e o Consello de Europa) non veñen esixindo regularmente responsabilidades a Turquía polas súas violacións sistemáticas da súa propia lexislación, e o dereito internacional, en relación co caso de Öcalan. O Consello de Europa, a Unión Europea e o Comité de Prevención de Tortura poden e deben facer máis para cumprir a súa misión. Esta situación é insostíbel.
Por este motivo, as organizacións aquí presentes, esiximos que o líder kurdo Abdullah Öcalan se poida reunir cos seus avogados e cos seus familiares e, en definitiva, sexa liberado en condicións que lle permita desempeñar o papel que lle corresponde, como o principal representante do pobo kurdo, na procura dunha solución política xusta e democrática para o conflito kurdo que vén durando décadas en Turquía.
LIBERDADE PARA ÖCALAN!
SOLUCIÓN POLÍTICA PARA A CUESTIÓN KURDA!