‘Liberar a galega’, máis necesario que nunca porque o PP utiliza a CRTVG como aparello de propaganda

Nacional - 20 Dec 2024

O Partido Popular utiliza a CRTVG como aparello de propaganda para distorsionar a realidade galega, manipular a opinión pública e perpetuarse así no poder. As traballadoras e traballadores veñen denunciando esta situación desde hai anos. O control e a censura informativa é tan abafante que a CIG impulsou, canda outras organizacións sindicais, políticas, culturais e sociais que se uniron para este fin, a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular “Liberemos a Galega”, que supera xa as 10.000 sinaturas necesarias, para levar esta denuncia ao Parlamento de Galiza.

Porén, lonxe de escoitar o clamor social “por unha CRTVG ao servizo do pobo”, e aos centos e centos de persoas que saíron á rúa en manifestación o pasado 30 de novembro, a Xunta de Galiza remitiu o seu proxecto de Lei de medios ao Parlamento como resposta. Un texto feito a medida das necesidades do goberno de Rueda para seguir controlando a Radio Galega e a TVG, vulnerando os máis básicos principios democráticos e o dereito das galegas e galegos a recibir información imparcial, veraz e sen censuras. 

A Xunta e a dirección da CRTVG ignoran tamén as denuncias do persoal diante do avance dos procesos de privatización e desmantelamento

Con esta Lei, que o PP aprobará pasando a apisoadora da súa maioría absoluta e amosando, máis unha vez, o seu talante absolutista e o seu nulo interese por chegar a acordos con ninguén, non só se garante un mecanismo para decidir a quen sitúa na Dirección Xeral da Corporación. O máis grave é o novo atentado á nosa lingua ao abrir a posibilidade de que se emita programación en castelán so pretexto do seu suposto “interese xeral”, vulnerando o mandato que emana do Estatuto de Autonomía e da propia Lei de Creación da CRTVG.

O goberno galego e a propia dirección da Corporación ignoran tamén as denuncias do persoal diante do avance dos procesos de privatización e desmantelamento dos nosos medios públicos. As e os traballadores levan xa 30 xornadas de paros. O detonante foi a desaparición do programa “A Revista”, coproducido pola CRTVG e dúas empresas privadas, unha delas Papaventos TV, que nin sequera fai parte do sector audiovisual galego.

O Partido Popular quere culminar, neste intre, o seu férreo modelo de control executando o cambio na normativa mentres que a ILP que está en marcha, e que goza de grande respaldo social, pretende todo o contrario: democratizar os medios públicos e poñelos ao servizo do pobo.