Levántase o campamento das auxiliares de Endesa tras lograr o compromiso da Xunta de mediar para garantir o emprego

Tras 18 días de protesta reivindicativa
As Pontes - 23 Xul 2021

O persoal das auxiliares de Endesa acordou levantar na tarde deste venres a acampada indefinida que mantiñan nos xardíns do Concello das Pontes dende o pasado 6 de xullo, tras das xuntanzas mantidas na última semana coa Xunta nas que se logrou o compromiso de que o Goberno galego mediará ante a empresa para garantir o emprego.

Neste senso, os representantes sindicais da coordinadora das auxiliares (CIG, CCOO e UGT) valoraron "que a presión social e unitaria forzou cambio de actitude na Xunta, que está a adoptar un rol máis activo e construtivo na defensa do emprego e da vila".

Deste xeito, está comprometida unha próxima reunión na que participarán a administración galega, Endesa e o comité de crise das Pontes, para abordar a situación actual e tratar os compromisos laborais e industriais que a empresa debe adquirir no curto prazo, concretando as alternativas de continuidade que empreguen o persoal das auxiliares que fican sen actividade.

Cambio da Xunta sobre o proxecto con biocombustíbeis

Durante o tempo que se mantivo a acción de protesta, unha máis das múltiples mobilizacións que os traballadores e  traballadoras veñen desenvolvendo dende hai dous anos, conseguiuse un cambio na postura da Xunta de Galiza a respecto do proxecto de continuar a actividade da térmica con biocombustíbeis.

Unha alternativa que a propia Endesa descartou dende un inicio pero á que o goberno galego se aferraba. "É de salientar que se lograra este cambio na Xunta que agora comeza a falar por fin da necesidade de buscar alternativas reais e viábeis para reindustrializar As Pontes e garantir o emprego nas auxiliares no curto prazo", apunta Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria.

Amado engade que a representación sindical segue reclamándolle á Xunta que se asine xa o protocolo do Convenio Transición, pois aínda que o goberno galego asegurou que non se van perder recursos económicos por non ter en marcha dito convenio, tampouco quixo comprometer a súa sinatura.

Logo de constatar estes movementos, a coordinadora da auxiliares acordou pór fin a 18 días de acampada reivindicativa na que participaron tanto os traballadores/as afectados/as polo peche da eléctrica nas Pontes e delegados/as sindicais, como representantes do concello, do empresariado local, da hostalería ou veciños e veciñas que se quixeron sumar a esta protesta en demanda de futuro para a localidade.