Levantando muros (Políticas do medo e securitización na Unión Europea)

Ainhoa Ruiz Benedicto e Pere Brunet - 21 Nov 2018

Unha chea de estados en todo o mundo están respondendo aos grandes problemas de seguridade global a través da construción de muros, a militarización e o illamento con respecto a outros estados e o resto do mundo, o cal está creando un mundo cada vez máis hostil para aquelas persoas que escapan da guerra e da persecución política

 A caída do Muro de Berlín o 9 de novembro de 1989 marcou o inicio dunha nova era que moitas persoas imaxinaron de cooperación e apertura entre fronteiras. O presidente alemán, Horst Koehler, celebrando a caída, falou da substitución dun “edificio do medo” por un “lugar de alegría”, abrindo así a posibilidade dunha “gobernanza global cooperativa capaz de beneficiar a todo o mundo”. 30 anos máis tarde, parece que aconteceu o oposto. Estanse erixindo edificios do medo, tanto reais como imaxinarios, en todo o mundo, que provocan un aumento da xenofobia e crean un mundo amurallado moito máis perigoso para todas aquelas persoas que buscan refuxio e seguridade.

 O informe Levantando muros (Políticas do medo e securitización na Unión Europea)* revela que os estados membros da Unión Europea e o Espazo Schengen alzaron preto de 1.000 km de muros, o equivalente a máis de seis Muros de Berlín, desde os anos 90, co obxectivo de frear a migración de persoas desprazadas pola forza a Europa. Estes muros físicos van acompañados dos aínda máis longos “muros marítimos”, operacións navais patrullando o mar Mediterráneo, así como os “muros virtuais”, sistemas de control de fronteiras que buscan parar as persoas que intentan entrar en Europa, mesmo aquelas que están viaxando polo continente, e controlar o movemento xeral da poboación. Europa converteuse pois nunha fortaleza que exclúe aquelas persoas que están fóra, e neste proceso incrementouse tamén o uso da vixilancia e as tecnoloxías militarizadas, feito que ten implicacións importantes para a cidadanía dentro da fortaleza.

 Este informe busca estudar e analizar o alcance da fortificación de Europa, así como as ideas e narrativas sobre as que esta se constrúe. O informe examina os muros do medo alimentados polos partidos xenófobos que medraron en popularidade e son capaces de exercer unha influencia indebida nas políticas europeas. Tamén examina como se configurou a resposta europea na era post-11S por unha ampliación do paradigma da seguridade, baseada na securitización das cuestións sociais. Todo iso transformou as políticas europeas, convertendo unha axenda social noutra focalizada na seguridade, na que as migracións e a libre circulación de persoas pasaron a ser consideradas como ameazas á seguridade do Estado. Como consecuencia, este fenómeno tratouse coas ferramentas tradicionais da seguridade: militarismo, control e vixilancia.

 Desgraciadamente, a resposta europea non é un caso illado. Unha chea de estados en todo o mundo están respondendo aos grandes problemas de seguridade global a través da construción de muros, a militarización e o illamento con respecto a outros estados e o resto do mundo, o cal está creando un mundo cada vez máis hostil para aquelas persoas que escapan da guerra e da persecución política.

 As bases da chamada “Europa Fortaleza” remóntanse aos Acordos Schengen de 1985, que á vez que establecían a libre circulación dentro das fronteiras da UE, demandaban máis control das fronteiras exteriores. Con este modelo asentábase a idea dun interior seguro fronte a un exterior inseguro.

 Sucesivas estratexias de seguridade europea a partir do ano 2003, arraigadas no modelo norteamericano de Homeland security, converteron as fronteiras nun elemento de conexión entre a seguridade local e global. Como resultado, a Política de Seguridade e Defensa Común da Unión Europea militarizouse cada vez máis e a inmigración percibiuse como unha ameaza crecente.

 A Europa Fortaleza foi mesmo máis ampliada mediante a política de externalización do control e a xestión de fronteiras a países terceiros. Esta política comportou o asinamento de acordos con países veciños para reforzar o control fronteirizo e aceptar as persoas deportadas. Así pois, as fronteiras convertéronse nun concepto xeográfico moito máis grande e amplo.

Muros e barreiras á circulación de persoas

- A investigación calcula que os estados membros da Unión Europea e do Espazo Schengen ergueron polo menos 1.000 km de muro nas súas fronteiras desde os anos 90, con tal de impedir a entrada de persoas desprazadas pola forza e migradas ao seu territorio.

- A construción de muros medrou inmensamente, de 2 muros na década dos anos 90 a 15 no ano 2017. Durante o 2015 experimentouse o maior incremento, o número de muros construídos aumentou de 5 a 12.

- 10 dos 28 estados membros (Estado español, Grecia, Hungría, Bulgaria, Austria, Eslovenia, o Reino Unido, Letonia, Estonia e Lituania) erixiron muros nas súas fronteiras para previr a inmigración, pertencendo todos eles ao Espazo Schengen, exceptuando Bulgaria e o Reino Unido.

- Un país que non é membro da Unión Europea pero que pertence ao Espazo Schengen construíu un muro para evitar a inmigración (Noruega). Do mesmo xeito, outro (Eslovaquia) alzou muros internos para segregar racialmente. Un total de 13 muros foron construídos nas fronteiras da UE ou dentro do Espazo Schengen.

- Dous países, membros da Unión Europea e do Espazo Schengen (España e Hungría) alzaron muros nas súas fronteiras para controlar as migracións. Dous países máis (Austria e o Reino Unido) alzaron muros nas súas fronteiras compartidas con países do Espazo Schengen (Eslovenia e Francia respectivamente). Un país que non forma parte da Unión Europea pero que pertence á chamada ruta dos Balcáns (Macedonia) construíu un muro para impedir a inmigración.

- Controis internos dentro do Espazo Schengen, regulados e normalizados polo Código de fronteiras Schengen de 2006, estiveron lonxe de ser a excepción para se converteren na norma política, xustificados pola narrativa do control migratorio e a garantía da seguridade durante a celebración de eventos políticos (por exemplo, cimeiras políticas, grandes manifestacións ou visitas de altos cargos no país). De só 3 controis internos no 2006, rexistráronse 20 en 2017, cifra que mostra o aumento de restricións e seguimento á circulación de persoas.

- Na área marítima, particularmente no mar Mediterráneo, hai outras barreiras. A análise mostra que das 8 principais operacións marítimas da Unión Europea (Mare Nostrum, Poseidón, Hera, Andale, Minerva, Hermes, Tritón e Sofía), ningunha ten un mandato exclusivo do rescate de persoas. Todas elas seguiron, ou seguen, o obxectivo xeral de combater a criminalidade nas zonas fronteirizas. Só una delas (Mare Nostrum) chegou a incluír organizacións humanitarias na súa frota, pero foi substituída pola operación Tritón de Frontex (a Axencia Europea para a Xestión da Cooperación Operativa nas Fronteiras Exteriores dos estados membros da Unión Europea) (2013-2015) que tiña unha crecente orientación á persecución dos crimes fronteirizos. Outra operación (Sofía) incluíu unha colaboración directa coa organización militar da OTAN cun mandato centrado na persecución das persoas que trasladan persoas a rutas migratorias. A análise destas operacións mostra que o trato dado aos actos criminais é de xeito frecuente similar ao trato cara ás persoas refuxiadas, enfocándoo como unha cuestión de seguridade e considerando as persoas refuxiadas como unha ameaza.

- Observamos un crecente número de “muros virtuais” que buscan controlar, monitorizar e vixiar a circulación de persoas. Isto traduciuse na ampliación, especialmente a partir de 2013, de programas de restrición da circulación de persoas e de recollida de datos biométricos (VIS, SIS II, RTP, ETIAS, SLTD e I-Checkit). Os datos recollidos por estes sistemas almacénanse na base de datos do EURODAC, que permite analizar para despois establecer pautas e patróns dos nosos movementos. EUROSUR impleméntase en calidade de sistema de vixilancia nas zonas fronteirizas.

Frontex: os gardas de fronteira dos muros

- A Axencia Europea para a Xestión da Cooperación Operativa nas Fronteiras Exteriores dos estados membros da Unión Europea (Frontex) xoga un papel crucial neste proceso de expansión da fortaleza xa que actúa e tamén coordina con países terceiros a través da operación conxunta Coordination Points. O seu orzamento disparouse neste período: de 6,2 millóns no ano 2005 a 302 millóns en 2017.

- A análise do orzamento de Frontex mostra a súa implicación crecente nas operacións de deportación, que pasaron de ter un orzamento de 80.000 euros en 2005 a 53 millóns de euros en 2017.

- As deportacións de Frontex frecuentemente violan os dereitos das persoas solicitantes de asilo. Por mor dos acordos de cooperación de Frontex con países terceiros, estas persoas desprazadas pola forza terminan en estados que violan os dereitos humanos, teñen democracias débiles e indicadores de desenvolvemento humano deficientes (IDH).

Os muros do medo e a influencia da extrema dereita

- A extrema dereita manipulou a opinión pública para crear temor e receo irracionais cara ás persoas refuxiadas. Esta xenofobia establece muros mentais nas persoas, que máis tarde esixen muros físicos. Os datos analizados mostran un ascenso preocupante nas opinións racistas nos últimos anos, feito que incrementou a porcentaxe de votos a partidos europeos de ideoloxía xenófoba, e facilitaron así o aumento da súa influencia política.

- Entre os 28 estados membros da Unión Europea, existen 39 partidos políticos clasificados como partidos populistas de extrema dereita, que nalgún momento da súa historia conseguiron polo menos un escano parlamentario (ao nivel nacional ou no Parlamento Europeo). No momento de redactar este informe, 10 destes estados (Alemaña, Austria, Dinamarca, Finlandia, Francia, Holanda, Hungría, Italia, Polonia e Suecia) teñen partidos xenófobos de forte presenza, que obtiveron máis de medio millón de votos en eleccións realizadas posteriormente ao ano 2010. Coa excepción de Finlandia, estes partidos incrementaron a súa representación parlamentaria no resto de países. Nalgúns casos, como o de Alemaña, Italia, Polonia ou Suecia; o crecemento é alarmante, por exemplo os 94 escanos de Alternativa por Alemaña (AfD) nas eleccións do 2017 (un partido que non obtivera representación parlamentaria nas anteriores eleccións de 2013), os 235 escanos do partido polonés Lei e Xustiza (PiS) nas eleccións de 2015 (cun incremento do 49%), e o gran crecemento da Liga Norte (LN) en Italia, que pasou de ter 18 escanos en 2013 a ter 124 en 2018.

- O estudo conclúe da seguinte forma: en 9 destes 10 estados, partidos de extrema dereita teñen un grao elevado de influencia nas políticas migratorias dos seus gobernos, mesmo cando se trata de partidos políticos minoritarios. En 4 deles (Austria, Finlandia, Italia e Polonia) os partidos de extrema dereita contan con ministros no goberno. En 5 dos 6 países restantes (Alemaña, Dinamarca, Holanda, Hungría e Suecia) detectouse un incremento da influencia e do discurso xenófobo. Mesmo partidos centristas adoptan o discurso dos partidos xenófobos, seguindo intereses electoralistas, para captar un sector dos seus votantes, en lugar de se atrever a confrontar a súa ideoloxía e promover un discurso alternativo baseado nos dereitos das persoas. Desta forma, os partidos máis radicais e xenófobos conseguen ver amplificadas as súas propostas sen demasiado esforzo propio. En resumo, o estudo confirma que o auxe e a influencia da extrema dereita na política migratoria europea deu lugar á securitización e á criminalización da migración e da circulación das persoas.

 Os muros mentais do medo están inextricabelmente conectados cos muros físicos. O racismo e a xenofobia lexitiman a violencia no espazo fronteirizo europeo. Estas ideas reforzan o imaxinario colectivo dun “interior” seguro e un “exterior” inseguro, remontándonos ao concepto medieval de fortaleza. Así mesmo, reforzan as dinámicas de poder territorial, nas cales a orixe dunha persoa, entre outros factores, determina a súa liberdade de circulación.

 Deste xeito, as estruturas e discursos de violencia construíronse en Europa, afastándonos das políticas de defensa dos dereitos humanos, da convivencia, da igualdade e de relacións máis equitativas entre territorios.

____________________________________________________________________________

*(Ler o informe [ESP])

____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 19 de novembro de 2018]