Levantan o peche contra o desmantelamento do Meixoeiro tras 23 días de mobilización
Os promotores/as valoran moi positivamente o resultado do peche, “pois fomos quen de poñer de manifesto entre a cidadanía a situación na que se atopa o Meixoeiro, que non é máis que o resultado da política de recortes e privatizacións da Consellería de Sanidade”.
Consideran que a resposta diaria do xerente da EOXI de Vigo e do conselleiro de Sanidade “é o mellor indicador de que as nosas reivindicacións estaban cargadas de razón”. Ao mesmo tempo, agradecen o apoio dos profesionais e da cidadanía “e tamén de organizacións e plataformas doutras áreas de Galiza”.
Tamén queren poñer de manifesto que as repetidas declaracións do xerente da EOXI “non fixeron máis que unir a traballadores/as e cidadanía no rexeitamento do modelo privatizador que nos queren impoñer”.
Finalmente, anuncian que continuarán coas mobilizacións até conseguir o remate deste modelo e recuperemos a sanidade pública, “polo que durante os meses de xullo e agosto continuaremos cun calendario de accións que iremos anunciando e, se non muda a situación, retomaremos con máis forza nos meses seguintes”.