Levantamento de Pascua en Irlanda: Derrota militar e triunfo político
O Levantamento de Pascua fortaleceu a liña republicana e soberanista, deu folgos á guerra de liberación contra os británicos entre 1919 e 1921 (que custou 1.500 vidas), abrindo as portas ao Estado Libre de Irlanda e posteriormente á independencia. Así mesmo, constitúe un exemplo que amosa a importancia da entrega militante e do sacrificio solidario, e tamén reflicte con toda clareza a falta total de humanismo por parte do imperialismo
Vai agora 106 anos, máis dun século, o día 24 de abril de 1916, pouco antes da creación na Coruña das Irmandades da Fala, producíase en Irlanda o Levantamento de Pascua, que deu un pulo decisivo a oito séculos de loita pola independencia neste país. A dura e longa colonización inglesa, a defensa da identidade, a fame que se cebou na poboación máis pobre entre 1846 e 1851 (calcúlase en máis de 2 millóns o número de mortos) e, como consecuencia disto, a enxurrada emigratoria. Por certo, a fame en Galiza chegaría en 1853, e a xente morría nos camiños, nas portas das casas. Tamén a emigración sería masiva na nosa nación como caso irlandés, sumando máis aspectos en común nesa conxuntura ás semellanzas culturais e ás relacións históricas entrambos os pobos. Había polo tanto razóns dabondo para que os galeguistas ollasen para Irlanda, e que visen nos patriotas de Eire un exemplo. Por este motivo, o celtismo na Galiza sempre tivo moito máis de busca para atopar exemplos de acción colectiva en pé de igualdade, para fortalecer o camiño da liberación, que de afirmación de calquera superioridade étnica.
Lois Tobío(1) di sobre dous dos precursores do nacionalismo galego, Eduardo Pondal (1835-1917) e Alfredo Brañas (1859-1900), malia que a súa obra era anterior ao Levantamento de Pascua, que era Irlanda o que máis preto tiñan do corazón(2). “Érguete labrego, érguete e anda, como en Irlanda, como en Irlanda. Alí de O’Connell(3), vibrou o acento, e o fero Parnell(4), prestoulle alento. Alí os labregos, cultivadores, eran escravos, dos seus señores, e agora libres, rexenerados, van en camiño de ser salvados“ (“Como en Irlanda”, de Alfredo Brañas).
No seu libro Da terra asoballada (1917) Ramón Cabanillas(5) dedica un poema a Irlanda e outro a Luís Porteiro Garea(6), pode que influído polos aires épicos e patrióticos do Levantamento de Pascua en Dublín. “Validos treidores, a noite da Frouseira, a patria escravizaron, uns reises de Castela. Comestas polo tempo, xa afrouxan as cadeas... ¡irmáns asoballados, de xentes estranxeiras, ergámola bandeira azul e branca! ¡e ó pé da enseña da nazón galega, cantémolo dereito, a libertar a Terra!” (do poema “¡En pé!”). Por certo, nos anos que militei no galeguismo na Arxentina (1967-1972), lembro que este poema era considerado por moitos membros da Irmandade Galega, especialmente aqueles que pasaran pola Pondal, como o verdadeiro himno de Galiza.
Unha colonización antiga
Irlanda sufriu os ataques viquingos, na etapa da expansión destes, que fundaron Dublín no 841. Porén sería coa chegada dos normandos desde Inglaterra, en axuda do Rei de Leinster para que recuperase o trono (1169), cando a penetración exterior tivo un carácter definitivo. Lembremos que Guillerme o Conquistador ocupou o trono de Inglaterra no ano 1066. Os normandos nunca marcharon de Irlanda, e na altura do ano 1300 xa controlaban toda a illa. Iniciouse un proceso sistemático de colonización, que implicou desde a prohibición dos casamentos cos nativos e o uso do idioma gaélico, até a expropiación de terras e substitución por inmigrantes chegados desde a Gran Bretaña. Como consecuencia, en 1851 falaban en gaélico só 1.700.000 persoas. Mais o número baixou a 680.000 en 1891. Hoxe fala gaélico unha minoría, aínda que un 40% sabe utilizalo.
Segundo o censo de 1841 poboaban a illa 8.175.124 persoas, dos que un 70% eran labregos con menos de dúas hectáreas de terra, que se contrapoñía a un sector terratenente e de campesiños ricos. “En 1876 unha análise oficial das rendas dos terratenentes irlandeses foi utilizada por Michael Oavitt para demostrar que dos 19.288 propietarios de terras en Irlanda, 110 posuían máis de 1,6 millóns de hectáreas (o 20% do país) e outros 1.878 posuían máis de 3,8 millóns de hectáreas. En conxunto, menos de dous mil persoas posuían case o 70% das terras, mentres que uns tres millóns de arrendatarios e braceiros non tiñan ningunha propiedade digna de consideración” (Historia de Irlanda, O'Beirne).
A illa de Irlanda ten unha superficie de 84.421 quilómetros cadrados. Por mor de desastres climatolóxicos, durante unha década a fame estendeuse polo país, sen que o Goberno inglés fixese ren por dar remedio á traxedia. O número de habitantes baixou a 6.552.385 no censo do ano 1851. A perda de poboación foi atribuída a: 1.383.350 persoas que morreron pola fame (valoración que se considera subestimada); e 1.445.587 que emigraron. Só no ano 1851 se foron da illa 250.000 persoas, especialmente aos Estados Unidos. Resulta paradoxal que hoxe a poboación da illa de Irlanda atinxa 6.433.000, menos que despois da gran fame. Esta traxedia humanitaria deixou unha forte pegada na conciencia colectiva dos irlandeses.
No momento do levantamento de Pascua, a poboación de Irlanda era dunhas 3.200.000 persoas nos condados do sur (70.273 km2) e de 1.250.000 nos condados do norte (13.843 km2). Dublín tiña 350.000 habitantes e Belfast máis de 400.000.
Antecedentes da rebelión
Desde a fundación da Irmandade Republicana Irlandesa (IRB) no ano 1858 por varios dirixentes do movemento feniano (nacionalista), como unha organización clandestina armada, co propósito de preparar unha insurrección republicana que puxese fin ao dominio británico en Irlanda, os levantamentos foron unha constante. Todos eles remataron en derrota militar. Así pasou por exemplo coa insurrección feniana de 1867, aínda que grazas á estrutura clandestina da IRB (con catro niveis de seguridade) se mantiveron vivas moitas agrupacións, e co tempo fóronse infiltrando en organizacións de masas nacionalistas (como os Voluntarios de Irlanda).
Outro dos antecedentes hai que procuralo no sindicalismo. Concretamente na Irish Transport and General Workers Union (ITGWU), fundada en 1909. A partir de 1911 James Larkin e James Connolly(7) pasaron a dirixir a delegación de Dublín. Eran irlandeses nacidos na diáspora, concretamente en Liverpool o primeiro e Edimburgo o segundo, enfrontáronse con teimosía á Federación de Empresarios. A patronal esixiu aos empregados que asinasen un escrito polo que desbotaban a afiliación sindical. Os que se negaron foron despedidos, o que agudizou o conflito. Houbo un peche patronal, que comezou en agosto de 1913 e que durou seis meses. Os empresarios contaban co respaldo da igrexa e do Partido Irlandés.
Só os nacionalistas máis radicais, como Pearse, dos Voluntarios Irlandeses, e a condesa socialista Markievicz (destacada dirixente do Consello de Mulleres Irlandesas -Cumann na mBan-), apoiaron os 25.000 traballadores en folga xeral. Larkin iría para os Estados Unidos na procura de medios económicos para manter o paro e dar pulo ao Partido Laborista, tardando nove anos en voltar(8). Durante a folga, Connolly creou un grupo armado de autodefensa, o Exército Cidadán Irlandés (ICA) para se opor á represión policial, contando coa axuda dalgúns militantes entregados, como o dramaturgo Sean O’Casey. En febreiro de 1914, o ITGWU derrubouse e os operarios volveron ao traballo aceptando as condicións dos empresarios. Connolly era un home da esquerda socialista, marxista, e teorizaba xa no ano 1897 sobre a independencia nacional: “Como Irlanda non é un país independente, a elección dunha maioría de socialistas republicanos, (...) significaría que por vez primeira na historia de Irlanda, unha clara maioría do electorado (...) tería rexistrado nas urnas o desexo de se separar do Imperio Británico” (Nacionalismo e Imperialismo, Edicións Laiovento).
A paralización do avance cara a un Estatuto en Irlanda, por mor da Primeira Guerra Mundial (1914-1918), así como a oposición dos sectores máis radicais do nacionalismo á incorporación de voluntarios irlandeses ao exército británico, xeraban un clima propicio aos ollos dos militantes da IRB para un novo levantamento. Coincidían con esta postura sectores obreiros e os organizados no ICA, moi sensíbeis tanto aos temas nacionais como aos graves problemas sociais que afogaban o país (15% de desemprego e un salario medio inferior á liña de pobreza), dos que a vaga emigratoria sería unha consecuencia.
O levantamento de Pascua
O levantamento do 24 de abril de 1916 contou coa participación do Exército Cidadán Irlandés e de parte dos Voluntarios de Irlanda, xa que estaba infiltrado na súa dirección pola IRB. As milicianas do Consello de Mulleres Irlandesas, dirixidas por Constance Markievicz, asumiron un rol moi importante, tanto nos combates como no apoio loxístico ao movemento insurreccional. No último momento, os Voluntarios foron desmobilizados en boa medida polo seu xefe máximo, Mac Neill, que non coincidía cos planos dos insurrectos. Lembremos que o levantamento se deu nun contexto no que o Reino Unido estaba comprometido na Primeira Guerra Mundial, que comezara no ano 1914 e durou ate o ano 1918, coa derrota de Alemaña, do Imperio Austro-Húngaro e de Turquía.
Á insurrección sumáronse algunhas das figuras políticas máis importantes do nacionalismo no momento, ou que xogarían un papel destacado no futuro, como foron: Pearse, Clarke, Connolly, Markievicz, De Valera e Collins. Os máis vellos: Tom Clarke con 58 anos e Connolly e Markievicz, 48. A inmensa maioría eran mozos, que tiñan arredor de vinte ou trinta anos, como Pearse, MacDermott, Plunkett, Ceannt e MacDonagh. Despois da derrota militar e das execucións, a dirección sería asumida por persoas aínda máis novas, o que seguramente non axudou a evitar a posterior guerra civil. Concretamente, De Valera tiña 34 anos, Collins 26, Lynch 27 anos. Só Griffith superaba os corenta, tiña 44 anos. Este é un dato que nunca se debe obviar.
Aínda que houbo algún levantamento no interior do país(9), a insurrección só tivo importancia en Dublín, e non contou con apoio das masas. Agora ben, non se pode restar importancia ao feito de que foron máis de 700 os militantes nacionalistas mobilizados nos primeiros momentos, aos que se sumaron algúns centos máis durante os días seguintes, até atinxir uns 1.200, dos que uns 300 eran do ICA. Moi poucos para ocupar unha cidade como Dublín, que tiña daquela tres centos cincuenta mil habitantes, e un destacamento de 111 oficiais e 2.316 soldados británicos; estes rapidamente foron desbordados.
Durante o luns de Pascua, o 24 de abril, diante dunha morea de persoas en Sackville Street, Pearse leu dúas veces a proclama da República de Irlanda “da loita pola liberdade”. Figuraban ao final as sinaturas dos sete membros da Comisión Militar do IRB, con Thomas J. Clarke na cabeceira da lista. Patrick Pearse foi nomeado presidente do Goberno Provisional.
Axiña foron enviadas máis tropas dende Inglaterra (animadas pola poboación á súa chegada) con artillería pesada. En total, uns 20.000 homes. O xoves 27 de abril, os británicos tomaron as rúas arredor do edificio de Correos e comezaron a bombardealo. Alí foi onde os nacionalistas mantiveron unha defensa máis forte, xa que o converteran no seu cuartel xeneral. O venres polo serán, o centro de Dublín ardía polos catro cantos. O sábado 29 de abril, Pearse, designado Presidente provisional da República Irlandesa e do IRA (Exército Republicano Irlandés), rendeuse.
“Na terça-feira o número de tropas inglesas em Dublin subira para cerca de cinco mil e já havia artilharia na cidade. Desde o início, os Voluntários tinham assumido posições defensivas estáticas que, dada a escassez de homens, não podiam organizar num todo defensivo conexo (...) Na sexta-feira de manhâ a situação estava péssima. Connolly fora ferido duas vezes. O andar superior dos Correios continuava a arder. A vizinhança era uma massa de chamas entrecruzadas por campos de fogo britanico (...) os fogos e destroços causados pelo canhoneio de cobertura inglés que caía sobre os bairros de lata, e o peso do poder de fogo británico, haviam notificado mesmo os Voluntários Irlandeses mais optimistas que as perspectivas de sobrevivéncia não eram grandes. Mas, mesmo assim, os irlandeses aguentavam-se: na União Meridional de Dublin lutava-se ferozmente, casa a casa” (IRA, O exército secreto).
As tropas británicas tiveron 132 mortos, un terzo deles irlandeses, e 397 feridos. Pola súa banda os nacionalistas sufriron 60 mortos. Ademais houbo 300 mortos e 2.000 feridos entre os civís como consecuencia da batalla e os bombardeos da artillaría e dos barcos ingleses que a utilizaron masivamente. A cidade ficou destruída, especialmente o barrio de O’Conell Street.
Unha represión cruel
O xeneral Sir John Maxwell, comandante en xefe das fozas británicas enviadas, arrestou 2.500 persoas en só catro días. O Goberno británico quería dar unha lección que non se esquecese. Despois de todo, había 150.000 irlandeses combatendo como voluntarios no exército británico na Primeira Guerra Mundial.
Os Tribunais Militares xulgaron 120 homes e unha muller (Constance Markievicz), condenando a morte a noventa deles. O 3 de maio comezaron os fusilamentos. O primeiro foi o de Pearse(10), que impresionou os xuíces polo seu valor. O 12 de maio produciríanse os últimos fusilamentos, xa que a opinión pública irlandesa se estaba volvendo en contra do goberno por mor da dura represión, e desde Londres coidaban máis acaído nese momento rematar cos execucións(11). As derradeiras vítimas foron James Connelly, que “tinha sido levado da prisão, ferido por balas inglesas, atado a uma cadeira para se ter de pé, e assim fuzilado” (IRA, o exército secreto), e Sean McDermott, quen, como o anterior, tamén participara na planificación do levantamento. Foron fusiladas 15 persoas, entre elas, Mac Neill. Os catorce homes executados en Dublín foron enterrados en cal vivo no cuartel de Arbour Hill. Thomas Kent foi executado e enterrado en Cork. A sentenza de morte contra Constance Markievicz foi conmutada por cadea.
Do total das 3.500 homes e 79 mulleres detidos/as e deportados/as, 1.867 foron internados en campos de prisioneiros en Gran Bretaña, e o resto foi liberado nos meses de maio e xuño; moitos deles nin sequera formaban parte do movemento republicano.
Muda o estado de ánimo
A finais da primeira semana de maio, comezouse a producir unha mudanza na opinión pública, que se foi inclinando a prol dos rebeldes, cando días antes foran ridiculizados mentres eran conducidos á cadea(12). Esta mudanza medrou aínda máis cando Lloyd George anunciou, pouco despois da insurrección, que o proxecto de Home Rule (autonomía) quedaba descartado e Irlanda sería dividida en dous estados, un dos cales, o Ulster ficaba en mans dos colonos.
“Aqueles que, uma semana antes, se tinham mostrado horrorizados com a Insurreção mostravam-se agora horrorizados com essas execuções sumárias. Começaram a surgir protestos (...) a mudança de um estado de choque e horror para outro de admiração começara logo nos princípios de Maio. Ouviam-se já canções sobre a Semana da Páscoa. Escreviam-se poemas. Realizavam-se todos os ritos que transformam um rebelde morto num mártir eterno da Irlanda” (IRA, o exército secreto).
En decembro de 1916, Michael Collins(13) e outros seiscentos detidos serían os últimos en ser liberados. Foron recibidos en Dublín como heroes por unha gran multitude. Este mozo de Cork, que emigrara para traballar como empregado en Londres en 1906, sumándose axiña á GAA (a Liga Gaélica) e á IRB; participou como axuda de campo na insurrección. Salientou como organizador e pola súa fortaleza, polo traballo político realizado no campo de internamento de Frongoch (Gales). En pouco tempo converteríase nunha figura destacada do Sinn Féin e da IRB.
Tamén De Valera(14) tivo na insurrección un papel salientábel, como comandante de cen homes no posto avanzado da fábrica de pan Boland’s Bakery Mills(15). Condenado a morte, conmutáronlle a pena pola de cadea perpetua; salvouse por ter nacido nos Estados Unidos. Despois do fusilamento de Connolly, era o líder rebelde máis sobranceiro. Coa vitoria do Sinn Féin sería elixido primeiro ministro do goberno na clandestinidade.
Daquela, o Sinn Féin, que era un pequeno partido (fundado en 1905 por Griffith), abandonaría a súa política autonomista e a prol da monarquía e radicalizaríase, nunha viraxe confirmada na convención celebrada no mes de outubro de 1917. Acabaría por substituír en pouco tempo o Partido Irlandés como forza hexemónica. “Un Sinn Féin revitalizado estaba a aparecer nese momento para prestar a súa voz aos ideais do levantamento: gañou seis das nove eleccións parlamentarias parciais ás que se presentou entre febreiro de 1917 e xuño de 1918” (Historia de Irlanda, O'Beirne). O Sinn Féin tería en De Valera e Collins os seus principais dirixentes. Erroneamente a poboación considerou que a insurrección fora organizada polo Sinn Féin, cando nin sequera participou.
Preocupado polo cambio na opinión pública irlandesa, e polo seu efecto nos Estados Unidos, o Goberno británico tomou a decisión de poñer en vigor a Lei de Goberno de Irlanda de 1914. Nas eleccións de 1918, o Sinn Féin obtivo 73 dos 105 escanos irlandeses, recollendo deste xeito os resultados políticos producidos sobre a consciencia colectiva polo Levantamento de Pascua. Dos elixidos polo partido nacionalista 42 deputados estaban na cadea –entre eles De Valera-, exiliados ou na clandestinidade. Figuraban así mesmo como deputados, Collins, Artur Griffith(16) e a primeira muller que podería ter ocupado un escano na Cámara dos Comúns, a condesa Constance Markievicz(17), condenada a morte polos sucesos de 1916, indultada e posteriormente detida e liberada en xuño de 1917. Con todo, non ocuparían os cargos e deron en crear un Dáil Éireann (Parlamento de Irlanda) na clandestinidade, en xaneiro de 1919, do que Cathal Brugha –considerado outro dos heroes do levantamento de 1916- sería o primeiro Presidente.
O triunfo electoral do Sinn Féin foi un golpe para o Goberno británico e impuxo o debate sobre a independencia de Irlanda, polo que en 1917 aceptou a idea do líder do Partido Irlandés, Redmond, para convocar unha convención, que fracasou. Este período deu paso a novos protagonistas xurdidos das barricadas da insurrección, como foron Éamon De Valera e Michael Collins, Cathal Brugha e dirixentes militares como Sean Treacy(18) e Liam Lynch(19). Despois de múltiples accións armadas por parte do IRA (fundado en 1918), na coñecida como a guerra de independencia de 1919 a 1921, e dunha resposta moi violenta do Goberno británico, impúxose nun sector do Dáil e do Sinn Féin a liña institucional. O resultado sería o preacordo de outubro de 1921 polo que nacía o Estado Libre de Irlanda, excluídos os seis condados do norte. O pacto deu lugar á guerra civil 1922-1923, que se cobraría máis vidas que a guerra da independencia. A prol do acordo estarían Collins e Griffith, e en contra De Valera.
Camiño da liberación
Podemos concluír que o levantamento rematou (por mor da durísima represión dos británicos) dando pulo á consciencia nacional e á necesidade de rematar coa dependencia. O que non conseguiran outras accións armadas e a forza institucional do nacionalismo moderado, conseguiuno a insurrección de Pascua. Sen dúbida, había motivos e razóns de base, como a situación social e económica, as mudanzas psicolóxicas e sociolóxicas que a Guerra Mundial crearon en centos de milleiros de soldados irlandeses que participaron nela, e nas familias que perderon fillos e irmáns. Porén, incidiu sobre todo sentirse cruelmente tratados polos británicos... Foi esta aldraxe a que finalmente fixo rebordar o vaso (coma no seu día, e noutra escala, pasou en Galiza co afundimento do Prestige).
O Levantamento de Pascua fortaleceu a liña republicana e soberanista, deu folgos á guerra de liberación contra os británicos entre 1919 e 1921 (que custou 1.500 vidas), abrindo as portas ao Estado Libre de Irlanda(20) e posteriormente á independencia. A Nosa Terra destacaba en portada no número 129, do 5 de outubro de 1920, en relación coa loita de independencia de Irlanda: “O 12 de agosto como é sabido, fixeron prisioeiro as autoridás inglesas o alcalde de Cork, Mr. Swiney, condenando a dous anos de cadea por ter pronunciado un discurso na defensa do seu país e gardar documentos comprometedores”.
A Insurrección de Pascua constitúe un exemplo que amosa a importancia da entrega militante e do sacrificio solidario. Tamén reflicte con toda clareza a falta total de humanismo por parte do imperialismo. Indica, ademais, que o atrevemento, que non sempre se ten que manifestar a través da loita armada, é fundamental para mudar fondamente a consciencia social e a correlación de forzas, e polo tanto a realidade política, social e económica. Agora ben, o que foi un éxito en 1916, fora un fracaso en 1867, polo que servía como argumento para aqueles que desbotaban a mobilización social, en todas as súas formas, e para os que coidaban que nunca era o intre oportuno para dar un paso adiante, como o Partido Autonomista Irlandés (Irish Party, que xurdiu en 1882). Estes remataron por ser prisioneiros das institucións, do sistema e das regras de xogo impostas polos británicos, ou sexa, subordinados ao bloque hexemónico. Iso foi o que lle pasou ao Partido Irlandés, que fixou todas as súas metas no autonomismo.
__________________________________________________________________________________________
Notas:
(1) Lois Tobío, fundador do Seminario de Estudos Galegos, co-autor do Anteproxecto de Autonomía do ano 1936.
(2)Eduardo Pondal; Especial A Nosa Terra, extra nº 7.
(3) Daniel O’Connell. Considerado o artífice da emancipación católica en Irlanda. Durante a súa carreira parlamentar defendeu a abolición da escravitude e o sufraxio universal.
(4) Charles Stewart Parnell. Impulsor da autonomía (Home Rule). Dirixiu o Partido Autonomista Irlandés.
(5) Ramón Cabanillas (1876-1959) foi o máis importante poeta da época das Irmandades da Fala.
(6) Luís Porteiro Garea (1889-1918), teórico do (primeiro) nacionalismo, o das Irmandades da Fala.
(7) James Connolly (1868-1916), socialista, organizador sindical e autodidacta; uniu marxismo e cuestión nacional.
(8) O Partido Laborista foi fundado en 1912 por Larkin e Connolly.
(9) Déronse enfrontamentos en Ashbourne, condado de Meath, nos que houbo quince policías mortos e 15 feridos. En Galway, un grupo de Voluntarios de Irlanda atacou a comisaría do RIC en Oranmore matando un policía e ferindo outros dous. Houbo tamén escaramuzas no Ulster e Munster.
(10) Patrick Pearce (1879-1916), republicano e líder da Insurrección de Pascua. Foi membro fundador dos Voluntarios Irlandeses e da Liga Gaélica, que se concibía como unha forza revoucionaria.
(11) O cambio na opinión pública ficou reflectido cando John Dillon, vicepresidente do Partido Irlandés, o 11 de maio perdeu o control na Cámara dos Comúns berrando “que estaba orgulloso do seu valor… aínda que estivesen mal aconsellados”.
(12) Sete bispos católicos criticaron o levantamento e o Irish Catholic ridiculizou aos rebeldes; algúns concellos aprobaron mocións pedindo castigos máis duros.
(13) Michael Collins (1890-1922), ministro de finanzas na Asemblea de Irlanda, fundador do IRA e cerebro da táctica guerrilleira. De conviccións nacionalistas e republicanas.
(14) Éamon de Valera (1882-1975), ideólogo republicano. Foi primeiro ministro de Irlanda.
(15) As forzas rebeldes ás ordes de Éamon de Valera causaron 234 mortos e feridos aos soldados británicos; máis da metade de todas as baixas británicas durante todo o levantamento.
(16) Arthur Griffith (1872-1922), ideólogo e político fundador do Sinn Féin.
(17) Constance Markievicz, (1868-1927) filla dun rico terratenente anglo-irlandés. Seguidora do Sinn Féin. Fundou en 1909 unha organización xuvenil. Foi membro das Fillas de Irlanda. Chegou a ser oficial do Irish Citizen Army (ICA), milicia obreira fundada por Connolly en 1913 durante o peche patronal.
(18) Sean Treacy e o seu grupo do IRA, actuando a iniciativa propia, comezou cos atentados do IRA o mesmo día que asumía o Dáil (21 de xaneiro de 1919), iniciando o que se chamou “os problemas” ou Guerra de Liberación.
(19) Liam Lynch, xefe do Estado Maior do IRA, que substituíu na dirección do movemento a De Valera no inicio da guerra civil.
(20) Polo acordo de 1921, Irlanda debe fidelidade á Coroa británica. O Estado Libre créase en 1922. En 1948 declárase a República de Irlanda.
__________________________________________________________________________________________
Bibliografía:
Historia de Irlanda; John O’Beirne Ranelagh; Cambridge University Press (1999)
Diccionario cultural e histórico de Irlanda; J.A. Hurtley e outros; Editorial Ariel (1996).
Nacionalismo e imperialismo; James Connolly; Edicións Laiovento (1993).
Irlanda, el levantamiento de Pascua; Luis Reyes e María Luisa Sánchez; Historia 16, nº 9 (1977)
Eamon De Valera, el león irlandés; Dermot Keogh; Historia 16, nº 79 (1982).
Pascua sangrienta en Dublín; Crónica del siglo XX; Plaza y Janés editores (1985).
IRA, o exército secreto; J. Bowyer Bell, Editorial Inova, Portugal (1974).
Diccionario cultural e histórico de Irlanda; varios autores; Editorial Ariel (1996).
__________________________________________________________________________________________
[Galiza, 14 de abril de 2022]
https://obloguedemera.wordpress.com/