Levan á Xunta exemplares de eucaliptos para denunciar o novo Plan Forestal e as propostas deseñadas a medida para ENCE
No acto de entrega no rexistro estaba Anxo Pérez Carballo, en representación da CIG; Fins Eirexas, en representación de ADEGA e Manuel Dacal, en representación de FRUGA.
Dacal explicou que a finais de 2014 a Consellería do Medio Rural acordou elaborar unhas propostas para a revisión do Plano Forestal de Galiza, vixente dende 1992. Para tal fin creouse no Consello Forestal un grupo de traballo que se reuniu durante 2015. Finalmente elaboráronse unhas directrices, resultado dun inquérito deseñado por dous coordenadores propostos pola Consellaría.
Esta metodoloxía de traballo, restinxida aos membros do Consello Forestal e con excesiva presenza do sector da madeira (20 dos 25 membros), tentou ser superada mediante o compromiso inicial de incorporar ao documento os resultados das consultas aos colectivos externos.
Porén, perante o incumprimento deste acordo, organizacións como a ORGACCM presentes no Consello Forestal, permearon ao resto das entidades que viven, xestionan e traballan no medio rural os documentos de traballo, trasladando no seu nome as conclusións.
A este respecto Eirexas asegurou que as directrices inicialmente aprobadas non son nin representativas do sector, nin democráticas, nin produto dun consenso entre todos os sectores relacionados co monte e co medio rural. Na opinión das organizacións asinantes, as directrices para a revisión do Plano Forestal de Galiza resultado deste proceso teñen tres obxectivos claros:
- Eliminar o carácter xermánico das titularidades veciñais e privatizar a súa xestión: Por exemplo, mediante a entrega ás empresas forestais, através dos mal chamados contratos de xestión pública, das terras comunitarias de balde, aplicando as falsas e inxustas débedas dos consorcios e convenios. Ou seguir considerando ás comunidades de montes como suxeitos pasivos no Imposto de Sociedades, como se foran meras empresas mercantís.
- Apostar pola produción de madeira con pouco valor engadido, a biomasa forestal e os cultivos enerxéticos: Por exemplo, mediante o mantemento das subvencións públicas ao eucalipto, consolidando o Eucaliptus globulus e permitindo que o Eucaliptus nitens (especie introducida polos intereses económicos de ENCE), só poidan substituírse polo E. globulus. Ou a forestación de terras agrícolas e a falla de iniciativas para recuperar a superficie agrícola usurpada, alén de abrir a porta ao uso masivo da biomasa forestal e os cultivos enerxéticos para producir electricidade (o outro negocio de ENCE).
- Priorizar a produción forestalista favorecendo a degradación ambiental: Por exemplo mediante a intensivización da produción con monocultivos de especies alóctonas, o aproveitamento dos bosques de ribeira ou o uso masivo de agrotóxicos, esquecendo a o obxectivo de conservar os solos e mitigar os impactos do cambio climático.
Por iso denunciaron que a política de montes do Partido Popular foi e pretende seguir sendo totalmente forestalista. Baseada na plantación indiscriminada, non contempla os outros usos do monte e certifica a perda da paisaxe en mosaico tradicional galega. Alertaron de que o novo Plano Forestal seguirá a provocar a perda de solos e a persistencia dos incendios forestais, que seguirán a degradar os ecosistemas e a fosilizar enormes cantidades de cartos públicos.
"O documento hipoteca o futuro dos montes galegos e coarta a consecución dun medio rural multifuncional e sustentábel. Ataca aos montes veciñais e agride aos ecosistemas e á poboación que vive neles. Xa que logo, as entidades asinantes, organizacións que vivimos, xestionamos ou traballamos no medio rural, rexeitamos estas directrices e esiximos á Xunta a súa devolución", concluíron.