Lei Galega do Sector Eléctrico: Enerxía Quilómetro 0

Fernando Branco Parga - 06 Mar 2023

É preciso demandar a aprobación dunha Lei Galega do Sector Eléctrico, que recolla todas as propostas que vimos facendo dende a CIG sobre este sector estratéxico, que aproveite ao máximo as competencias estatuarias e, de ser o caso, que tamén cuestione a capacidade do Estado para algunhas decisións

 Hai anos que o sindicalismo nacionalista vén facendo propostas no sector eléctrico, entre elas a da Tarifa Eléctrica Galega, fundamentada non só na condición de exportadores de enerxía eléctrica, senón tamén pola existencia dunha Lei Estatal do Sector Eléctrico que permite, como xa pasou, que se apliquen suplementos territoriais á tarifa eléctrica co conseguinte encarecemento para os territorios produtores, como Galiza, e polo impacto que ten a actividade enerxética no territorio.

 Podemos comprobar a implantación do sector eléctrico no país no seguinte cadro:

 

PROVINCIA

CONCELLOS CON CENTRAIS

NÚMERO

%

A Coruña

83

89,2

Lugo

58

86,6

Ourense

65

70,7

Pontevedra

54

88,5

GALIZA

260

83,1

 Nestes datos recollemos todas as centrais de xeración eléctrica que hai en Galiza, renovábeis e non renovábeis; faltan os concellos que non teñen xeración pero por onde pasan liñas de transporte de electricidade coa conseguinte afectación e, ademais, no futuro inmediato teremos que contabilizar a máis concellos que teñen previsto a instalación de novos parques eólicos e, por último, quedaría por saber a quen se lle adxudica a eólica mariña que, contra a opinión do sector pesqueiro, queren implantar.

 Fica claro que o impacto no territorio non é menor.

 A proposta da Tarifa Eléctrica Galega, no seu momento, foi rexeitada tanto polo PP no Parlamento Galego na tramitación dunha ILP impulsada pola CIG, como tamén polo actual Secretario Xeral do PSOE galego, naquela altura na súa condición de Alcalde que dixo textualmente: “Non entender unha tarifa diferenciada no Estado e se lle ía ben a España tamén lle ía ben a Galiza (sic)”; mais agora, ante un tsunami de renovábeis, e cando a resposta social está medrando, hai presidentes doutras Comunidades Autónomas e de diferentes partidos políticos, tanto en Aragón (PSOE) como en Castela-León (PP), que xa piden abertamente un trato diferenciado na súa tarifa eléctrica na condición de excedentarios en enerxía renovábel.

Enerxía renovábel por ano

 

 Precisamente por isto, polas mensaxes que reciben de fóra, a posición tanto do PSOE como do PP galego empeza a mudar levemente; xa case ninguén entende que os territorios que padecen as consecuencias da industria enerxética non tiren beneficios polo impacto que esta actividade ten e, tamén, en contraprestación ante Comunidades que son abertamente deficitarias e insolidarias, caso paradigmático o de Madrid que non ten ningún parque eólico e só xera o 4% da electricidade de consome.

 Por iso, agora que se abre máis o debate sobre a compensación ás Comunidades produtoras, o sindicalismo nacionalista non debe cesar nas súas propostas sobre o sector eléctrico; lembremos que, basicamente, a denominada Transición Enerxética pretende dúas cousas ao mesmo tempo: por unha banda, a xeración da electricidade maioritariamente con fontes renovábeis e, pola outra, a electrificación de máis actividades domésticas, industriais e singularmente do transporte; obxectivos de moi difícil consecución e para o que se precisa unha implantación de máis xeración de renovábeis a grande escala.

 Como dicimos, a proposta da Tarifa Eléctrica Galega non foi a única sobre o sector; tamén levamos ao Parlamento Galego outra ILP para o rescate das concesións hidroeléctricas vencidas, que foi rexeitada polo PP sen que propuxese ningunha outra alternativa, é dicir, á actual Xunta de Galiza válelle que as concesións vencidas sigan sendo explotadas economicamente por empresas privadas.

 Defendemos tamén a constitución dunha Empresa Pública Galega de Enerxía, como xa vén de facer Catalunya, denominada l’Energètica, ou como doutro xeito ten Euscadi co seu Ente Vasco da Enerxía; tamén demandamos a elaboración dun Estatuto Electrointensivo que dea resposta a este sector de moito peso en Galiza e, por último, fixemos a proposta da creación dun Centro de Investigación sobre o Almacenamento Enerxético, obxectivo fundamental se realmente queremos unha xeración eléctrica con achega maioritaria das renovábeis que, ao seren intermitentes, dificultan a casación constante entre produción e consumo eléctrico; cómpre dicir que Estremadura, co impulso do Estado, xa ten un Centro de Investigación semellante en marcha, mais nós co peso que teñen as renovábeis no noso país non debemos renunciar á investigación neste campo.

 Hoxe Galiza xa cumpre o Plan estatal de desenvolvemento das renovábeis para o 2030, isto debería permitir actuar para que o incremento futuro de renovábeis, fundamentalmente eólico, corrixa os erros do pasado; un sector con escasa presencia na fabricación dos compoñentes necesarios no propio país, que apenas produce retorno económico e que abusa da condición de interese público para poder expropiar, a prezos que non contemplan o recurso enerxético, mesmo cando a implantación prevista supera os obxectivos de planificación estatal e que actúa no réxime de autorización no canto dunha concesión administrativa.

 Vemos como algunha forza sindical estatal está actuando, sen pudor, como comercial das empresas eólicas; cando o obxectivo non debe ser unicamente producir, senón como se compaxinan os usos do territorio e Galiza tira beneficios desta actividade.

 Por iso, o sindicalismo nacionalista debe avanzar nas súas propostas; é preciso demandar a aprobación dunha Lei Galega do Sector Eléctrico, que recolla todas as propostas que vimos facendo dende a CIG sobre este sector estratéxico, que aproveite ao máximo as competencias estatuarias e, de ser o caso, que tamén cuestione a capacidade do Estado para algunhas decisións: non ten ningunha lóxica, nin económica nin técnica, que o límite para aprobación de parques eólicos sexa de 50 MW, ou que as competencias autonómicas na zona marítima económica exclusiva se limiten á acuicultura e ao marisqueo; calquera parque eólico, terrestre ou mariño, que se instale en Galiza debería ser competencia da Xunta.

 E esta Lei tamén debe promover a elaboración dunha planificación propia, o noso propio PNIEC, que teña como centro a valorización da enerxía como produto de quilómetro 0, é dicir, favorecer que a xeración eléctrica de fontes e vectores renovábeis teña un consumo no país, sen renunciar ás necesarias e imprescindíbeis conexións enerxéticas, tanto eléctricas como de gasoduto e/ou hidroduto, canto máis “malladas” estean as redes enerxéticas, máis garantía teremos de subministración. Pero o consumo enerxético de proximidade ten que ser un obxectivo fundamental por ecoloxía e por economía; non podemos seguir mantendo as perdas na rede de producir en Galiza e consumir a 600 quilómetros.

_______________________________________________________________________

Fernando Branco Parga é coordinador da Mesa da Enerxía da CIG e membro do Colectivo de debate enerxético Bidán.

_______________________________________________________________________

[Galiza, 6 de marzo de 2023]