Lei de administración ambiental simplificada, un novo golpe de estado do PP para favorecer a depredación dos recursos do noso país

A CIG demanda a retirada do anteproxecto e que o Goberno galego inicie un proceso contando con todos os sectores implicados
Nacional - 28 Nov 2025

A CIG vén de solicitar a retirada do anteproxecto de lei de administración ambiental simplificada e que a Xunta de Galiza inicie un novo proceso contando coa participación de todos os sectores económicos e sociais afectados. Esta nova lei, en fase de exposición pública, constitúe un atentado á protección ambiental e pecha un marco normativo deseñado polo Goberno do PP para favorecer a depredación dos nosos recursos e privatizar as funcións públicas.

Este anteproxecto, advirte o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, enmárcase no continuo proceso “golpista” do Goberno galego que, baixo formas autoritarias e técnicas, impón sucesivas regulamentacións -de carácter xeral ou sectorial- para reducir ou mesmo eliminar, garantías, procedementos e prazos nas tramitacións ambientais, e que afectan de forma negativa aos dereitos de participación pública e avanzan na desregulación das funcións propias das administracións.

Autoemenda do Goberno galego

A central nacionalista entende que esta nova lei constitúe unha autoemenda do Goberno galego ante o seu fracaso con diversas leis aprobadas na última década, destinadas a favorecer os intereses empresariais e que recibiron unha contundente resposta non só no ámbito social, senón que tamén sufriron o confronto xudicial.

Con este anteproxecto, ademais, o Goberno do PP arremete contra a sentenza 00094/2025 do TSXG, a raíz do recurso presentado pola CIG, que deixou sen efecto e anulou parcialmente o Decreto 102/2023, ao entender que privatizaba os procedementos de avaliación ambiental, e externalizaba a súa tramitación para pola en mans da empresa privada.

Ademais, a Xunta de Galiza segue sen atender as alegacións e ditames feitos polo Consello Económico e Social de Galiza con ocasión da tramitación da Lei 2/2024 de beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan recursos naturais, que ían na liña contraria ao espírito depredador da norma.

“Acoso e derrubo” ás entidades sindicais e sociais

Con todo este contexto, Carril denuncia que o Goberno galego está instalado no “acoso e derrubo” ás entidades sindicais e sociais -e agora tamén ás xudiciais- “que están defendendo un aproveitamento radicalmente distinto dos recursos naturais de Galiza, para que revertan no noso propio país, que non poñan en risco aqueles sectores que proporcionan alimentos básicos a poboación, que apostan por un desenvolvemento industrial con base en criterios de estabilidade, sustentabilidade, de peche dos ciclos produtivos e que derive en beneficio do país todo o seu valor engadido”.

Cualifica esta lei como “a resposta antidemocrática do Goberno galego” á acción colectiva e popular e subliña que o PP pretende pechar un marco normativo deseñado “para consolidar o papel de Galiza como colonia subministradora de recursos naturais, enerxéticos e minerais do Estado e da UE, poñéndoa ao servizo das grandes elites e corporacións económicas, expulsando ao pobo galego de calquera decisión sobre o aproveitamento libre, soberano e socialmente xusto dos nosos recursos”.

Privatización e derrogación das funcións públicas

Para lograr este obxectivo, a norma ademais vai acompañada dun paquete de medidas dirixidas a anular as funcións reservadas ás persoas empregadas públicas en favor de persoas ou entidades privadas (baixo fórmulas como o banco de persoas expertas ou colabores da administración ambiental) que pasan a asumir, indebida e ilegalmente, funcións públicas e a quen se lle recoñece labores inspectoras de avaliación e certificación ambiental.

Tamén se acurtan os prazos das actuacións administrativas, sen garantir tempos suficientes para avaliar de maneira adecuada os impactos ambientais, e permítese continuar a tramitación de proxectos que non conten cos informes sectoriais preceptivos.