Lefties porá en marcha medidas temporais até que os estudos psicosociais establezan as definitivas
.- A CIG-Servizos valora positivamente o acordo ao que se chegou en Lefties, a partir do que se poñen en marcha toda unha serie de medidas temporais para solucionar os problemas derivados da excesiva carga de traballo. O acordo contempla ademais a realización de novos estudos psicosociais para, a partir dos resultados, implantar as medidas definitivas.
Carmiña Naveiro, delegada de Zara e representante da CIG-Servizos considera que se trata dun avance positivo que “non tería sido posíbel sen a mobilización das traballadoras”. Salienta que entre os avances conseguidos está o incremento do cadro de persoal nas tres tendas.
No caso de Marineda a empresa de Inditex xa contratou a 3 persoas máis, con xornadas de 35 horas á semana, en quenda de tarde e 8 persoas, por 8 horas os sábados. No caso das Cancelas, contratou a 4 persoas, 35 horas á semana, en quenda de tarde e en Ferrol, a 3 persoas máis tamén por 35 horas á semana en quenda de tarde.
Xunto a isto, a empresa comprometeuse a recuperar o acordo de 2017, que nunca foi cumprido, para a chegada dos camións coa mercadoría, facilitando así ás traballadoras a descarga e alixeirando a carga de traballo que denunciaban.
Ademais a empresa levará un control máis exhaustivo do stock da mercadoría a recibir nas tendas e aportará informes na seguinte reunión.
Avaliacións psicosociais
Carmiña Naveiro avanza que todas estas medidas son temporais e que están pendentes de que se realicen as avaliacións de riscos psicosociais xa que, en función dos seus resultados, se acordarán as definitivas.
En principio estas avaliacións están previstas para o 7 de novembro en Marineda; 16 de novembro nas Cancelas e 14 de decembro, en Odeón.
Con todo, a representante da CIG advirte que “convocaremos ás traballadoras a unha nova xuntanza o antes posíbel para facer un seguimento das medidas adoptadas por parte da empresa e do seu cumprimento”.