Leche Celta desiste da súa intención de modificar de xeito unilateral os calendarios laborais
O comité de empresa de Leche Celta SLU desconvocou a folga que ía ter lugar do 4 ao 17 de xaneiro de 12:00 a 16:00 horas no centro de traballo de Pontedeume despois de que a empresa desistise da súa intención de modificar de xeito unilateral os calendarios laborais.
No acordo asinado no día de hoxe a dirección de Leche Celta deixa sen efecto as modificacións dos calendarios laborais do cadro de persoal e acepta manter vixentes os termos pactados en xaneiro do ano 2019.
Desde a CIG salientan a firme determinación do cadro de persoal de Leche Celta na defensa dos seus dereitos laborais e inciden en que “unha vez máis demóstrase que esta firme determinación dos traballadores/as na defensa dos seus intereses é garantía de éxito”.