Lección de solidariedade obreira e de dignidade na empresa IKF da Guarda

A Guarda - 05 Nov 2021

O persoal da empresa Imerys Kiln Furniture (IKF) da Guarda está a dar unha lección de dignidade no conflito que mantén en defensa dos seus dereitos. Son xa máis de 50 días de folga contra as pretensións da dirección de precarizar as condicións laborais do conxunto dos traballadores/as, pero en especial das persoas que accederon á compañía a partir de 2018.

Porque IKF quere prolongar a dobre escala salarial que establece diferencias de 5200 euros ao ano entre a mesma categoría laboral. A medida, pactada co anterior comité de empresa, só lle afecta na actualidade a tres persoas, mais espertou a solidariedade da práctica totalidade do persoal. Cando a a finais do ano pasado a CIG se fixo coa maioría da representación na compañía (4 dos 5 delegados/as) solicitou documentación sobre os pactos laborais, descubrindo a existencia desta categoría de entrada, que supón arredor dun 30% menos de ingresos. 

A empresa quere prolongar no tempo a dobre escala salarial que fixa diferencias de 5200 euros ao ano entre a mesma categoría laboral

Por iso decidiu propoñer a súa eliminación nas conversas para renovar o pacto de empresa, ao tratarse dunha escala salarial revisábel. Pero a dirección negouse en rotundo, ademais de pretender impoñer a liberalización horaria, unha maior flexibilización da xornada e o cambio no goce das vacacións. Diante disto optouse por convocar folga indefinida o pasado 14 de xullo.

O paro suspendeuse en agosto polo período vacacional, pero retomouse en días alternos primeiro e como folga indefinida despois. A pesar da unidade e determinación dos traballadores/as –secundan a folga 53 dos 55 operarios/as de produción– a empresa rexeita a mediación e estalle a botar un pulso ao seu persoal ante a pasividade da Xunta, cuxa deixadez ameaza con enquistar o conflito.

Precisamente a renovación do pacto de empresa, que caducou o 31 de decembro de 2020, foi outro dos motivos que levaron á folga. A negociación comezou en abril, mais o acordo non foi posíbel porque non existe consenso na actualización salarial, xa que a dirección quere aplicar a suba do convenio estatal, cando existe un pacto propio. O que si se logrou foi que IKF dese marcha atrás en aspectos como a distribución irregular da xornada. Pero o gran obxectivo é facer realidade unha reivindicación histórica da clase obreira: “A igual salario, igual traballo”.