Laxe Marítima e TMGA despiden 8 traballadores/as alegando causas obxectivas mentres contratan persoal a través de ETTs
A CIG denuncia que Laxe Marítima e TMGA (que forman parte do mesmo grupo e realizan labores de estiba no porto da Coruña) pretenden aproveitar a situación de emerxencia sanitaria para avanzar no recorte de dereitos e na precarización das condicións laborais e salariais do seu persoal. Estas empresas veñen de despedir a 8 traballadores (6 en Laxe Marítima e 2 en TMGA) alegando causas organizativas e produtivas, pero ao mesmo tempo están chamando persoal a través de ETT para cubrir estes postos.
Concretamente, Laxe Marítima aduce que hai unha baixada da carga de traballo, pero esta caída da actividade prodúcese de maneira habitual nos primeiros meses do ano e "todos os días entran a traballar, ademais do cadro de persoal propio formado por aproximadamente por 35 persoas, 10 operarios máis contratados por ETT, que poden chegar a 30".
Para a CIG non existe causa obxectiva para estes despedimentos, senón que estamos ante un intento da empresa de recortar dereitos e desfacerse, escudándose no actual contexto, daqueles traballadores que lle resultan "máis molestos". Hai que ter en conta que parte dos traballadores despedidos teñen presentado denuncias contra Laxe Marítima por incumprimentos en materia de xornada, falta de pagamento de pluses, condicións discriminatorias entre o persoal, etc.
Intento de amedrentar os compañeiros
Por iso, para a representación da CIG esta medida supón unha represalia da empresa contra estes traballadores, mais tamén un intento de amedrentar ao resto dos compañeiros e compañeiras para que non reclamen os seus lexítimos dereitos. Neste senso, subliñan que Laxe Marítima non ten inscrito o seu persoal que realiza labores de estiba no Réxime Especial do Mar, irregularidade que se lle está a reclamar que corrixa dende hai tempo.
A representación da CIG vai solicitar unha reunión coa propiedade da empresa para demandarlle que deixe sen efecto de inmediato os ceses, e advirte que os despedimentos serán recorridos en vía xudicial e que tamén se presentará a correspondente denuncia na Inspección por este feitos, ademais doutras medidas que se están a estudar