Laura Arroxo substitúe a Suso Bermello á fronte da CIG-Ensino no seu IX Congreso

A federación renovou os seus órganos de dirección e acordou as liñas de traballo para os próximos catro anos
Nacional - 07 Xun 2025

O IX Congreso da CIG-Ensino, celebrado baixo o lema “A forza do compromiso”, elixiu a Laura Arroxo como secretaria nacional con 160 votos a favor, 0 nulos e 0 en branco. No decurso da xornada as delegadas e delegados asistentes fixeron unha análise dos resultados do traballo desenvolvido no período que agora remata e debateron e acordaron as liñas de traballo que servirán de guía para a organización e a acción sindical do próximo período.

O IX Congreso, celebrado baixo o lema “A forza do compromiso” elixiu tamén á nova Executiva federal que recibiu 160 votos a favor, 0 nulos e 0 en branco e queda conformada por:

  • Laura Arroxo
  • Xosé Manuel Nogueira Rodríguez
  • Marta Ferreirro Fernández
  • Ana Rodiño Domínguez
  • Diego Boquete Sánchez
  • Henrique García Vázquez
  • Elena Añel Cabanelas
  • Xosé Anxo Terán Coesaña
  • Maruxa Martínez Nogueira
  • Montse Pernas Bellas

As delegadas e delegados escolleron ademais ás persoas que representarán á federación no Consello Confederal da CIG. Unha candidatura que foi apoiada por 160 votos, 0 brancos e 0 nulos e que está composta por:

  • Laura Arroxo
  • Marta Ferreiro Fernández
  • Xosé Manuel Martíez Nogueira
  • Ana Rodiño Domínguez
  • Amanda Rei Castro

O Congreso, que se celebrou na Escola Galega de Administración Pública, arrincou de mañá cun saúdo do secretario comarcal da CIG-Ensino de Compostela, Rubén Monteagudo, e a proxección dun vídeo no que se deu cumprida conta da acción sindical desenvolvida desde o Congreso anterior. Ademais, antes de dar entrada á defensa dos informes quíxose lembrar a Xoán Xosé Constela Novoa, compañeiro finado en 2024, cun minuto de silencio.

Máis apoio, afiliación e independencia económica

O Informe de Xestión da Executiva saínte recibiu 166 votos a favor, 0 en contra e 0 abstencións. O encargado de defendelo foi o aínda secretario nacional, Suso Bermello, que fixo un repaso ao traballo sindical desde o VIII Congreso, un período de intensa actividade marcado polo impacto da pandemia da Covid-19, que obrigou a adiar o congreso anterior. Por iso Bermello incidiu en que, malia abranguer menos de catro anos, foron tempos de intensa actividade en todos os sectores, quer no ensino público non universitario, quer no universitario ou no ensino privado.

O informe salienta o crecemento da afiliación nun 20%, o aumento do apoio electoral e a consolidación da independencia económica e organizativa do sindicato. “Foron uns anos nos que aínda se reforzou máis o papel hexemónico e referencial que a CIG-Ensino ten no ensino público non universitario, conseguindo superar o noso teito tanto electoral, en número de votos, como de representantes nas Xuntas de Persoal da Consellaría de Educación”, explicou Bermello.

Xunto a isto subliñou que neste período tamén se consolidou novamente a posición do sindicato como primeira forza no ámbito do profesorado do ensino universitario e se reforzou “de maneira espectacular a nosa representación en determinados sectores do ensino privado, como son os centros de menores, os centros de Educación Especial e os centros de Educación Infantil 0-3”.

Respecto do medre afiliativo, salientou a súa especial relevancia porque se están xubilando, neste período, case que un milleiro de docentes ao ano e as novas afiliacións garanten o relevo xeracional no sindicato, parello ao que se está a producir no propio sistema educativo.

Canda isto, fixo un percorrido pola intensísima acción sindical, con centos de asembleas, mobilizacións ou campañas dirixidas a reclamar a recuperación de dereitos laborais do profesorado e a mellora do propio sistema educativo.

E concluíu facendo especial fincapé na cohesión interna que, co traballo conxunto de órganos como o secretariado e o consello federal, foi clave para acadar todos os logros sinalados. Logros que, como lembrou, foron defendidos por el diante do Congreso, pero que reflicten o esforzo colectivo de todos os cadros sindicais.

Ensino en clave de país

O relatorio de Acción sindical foi aprobado por 152 a favor, 0 en contra e 0 abstención. Analiza o contexto reaccionario, o avance das políticas conservadoras e a influencia de grupos transnacionais na educación, que promoven a burocratización e o control do profesorado.

Salienta, fronte a isto, a necesidade dun sistema educativo galego, afastado do centralismo estatal, que priorice a lingua e cultura propias e denuncia ao PP pola súa política lingüística e ás organizacións sindicais colaboracionistas (CCOO, ANPE, UGT) por pactar con el.

Por iso, defende un sistema educativo público, laico, inclusivo e en galego, que fomente o pensamento crítico e a identidade cultural. E entre as propostas concretas subliña a normalización lingüística e currículos centrados en Galiza; a redución de ratios (ex.: 20 alumnos en Primaria/ESO), a oferta suficiente de prazas públicas (0-3 anos, FP, universidade) e a atención á diversidade e mellora dos recursos humanos/materiais.

Atendendo a isto, a CIG-Ensino márcase como obxectivos loitar pola recuperación de dereitos laborais (horario lectivo, salarios, xubilación anticipada), por un marco galego de relación laborais, coas negociacións aquí e non a nivel estatal e combater a precariedade e privatización.

Respecto do ensino universitario as liñas de traballo centraranse no reforzo da negociación colectiva e loita contra a precariedade do PDI e na posición en contra das universidades privadas (UIE, CESUGA).

Canto ao ensino privado, a CIG-Ensino loitará por convenios galegos e melloras laborais nos centros concertados, 0-3 anos e atención á diversidade) e a denuncia da privatización e malas condicións de traballo.

Conciencia nacional e de clase

O Relatorio de Organización, que foi aprobado por 150 votos a favor, 0 en contra e 0 abstencións reitera o modelo combativo do sindicato, cunha estructura descentralizada e comisións especializadas de Lingua, Negociación Colectiva, Mulleres e Igualdade e Comunicación. Un sindicato que se define como nacionalista, feminista, democrático e independente, centrado na defensa do galego, a cultura galega e un ensino público inclusivo e laico.

A CIG-Ensino asume que a súa forza radica na afiliación activa, na formación ideolóxica e na comunicación estratéxica. Por iso subliña como prioridades medrar en afiliación para garantir independencia financeira e capacidade de acción e garantir o relevo xeracional.

Sindicalismo de contrapoder

A votación dos textos e máis das candidaturas tivo lugar pola mañá e xa pola tarde celebrouse o acto de clausura, que foi conducido por Ana Rodiño e contou coas intervencións de todas as delegación convidadas e rematou coas do secretario xeral da CIG, Paulo Carril e a nova secretaria nacional Laura Arroxo.

Carril felicitou tanto á anterior dirección da CIG-Ensino, polo traballo desenvolvido neste período, como a recén elixida. Reafirmou a identidade da CIG como sindicato nacionalista e de clase, o que considerou que implica “mobilización, pero tamén mellorar a acción sindical para conquistar dereitos fronte á patronal e promover políticas alternativas ante os gobernos”.

Nese sentido, afirmou que “é fundamental revitalizar a solidariedade e a unidade de clase” desde o modelo de sindicalismo de contrapoder que representa a CIG. “Grazas á nosa coherencia e á nosa aposta por este modelo sindical, hoxe somos a primeira central sindical, cada vez mellor posicionada e máis unificada. Isto debe ser unha motivación para seguir organizándonos, especialmente nos momentos de conflito, para avanzar na conquista de dereitos”.

Carril considerou, por iso, que “o tempo que tardamos en mobilizarnos é tempo perdido para gañar dereitos” e que “toda loita é unha oportunidade para a toma de conciencia de quen participa nela e para ir máis alá das reivindicacións concretas”. Afirmou que a loita sindical é “tamén unha loita de carácter social e político” e que se debe trasladar esa dinámica de tensión social ao conxunto da sociedade porque “a nosa loita non se limita a reivindicacións laborais; busca transformar a realidade”, para o que é imprescindible “acumular máis forza social, mantendo o compromiso cos obxectivos nacionais e de clase, construíndo alianzas co pobo galego e coas loitas sociais do noso país”.

Chamou a unha maior participación e compromiso militante, así como a unha acción colectiva máis ampla e intensa e apelou a que os organismos de dirección “xeren dinámicas participativas e asemblearias que fomenten o debate, a análise e a formulación de propostas reivindicativas, para avanzar na loita social e sindical”.

O secretario xeral concluíu salientando o compromiso, a entrega e o traballo de Suso Bermello, ao que considerou un modelo a seguir porque “no noso proxecto colectivo, o papel das persoas é fundamental, aínda que o colectivo sempre prevaleza” e ao que desexou “o mellor de agora en diante”, agardando que asuma novas tarefas militantes.

Laura Arroxo: “A CIG-Ensino seguirá sendo dique de contención contra as políticas de recortes”

A recén elixida secretaria nacional, Laura Arroxo, iniciou o peche do acto de clausura facendo especial mención das dúas persoas que deixan a Executiva da CIG-Ensino, Teresa Carballido, da que salientou a súa “afabilidade e compromiso” e, por suposto, a Suso Bermello, que dirixiu a federación nos últimos 8 anos.

Para el, ao que definiu como “mestre apaixonado pola historia, traballador incansable ou guerreiro da escrita pero, sobre todo, activista polo ensino público galego”, tivo palabras non só de agradecemento, senón tamén de recoñecemento pola súa “dedicación obstinada”, polo seu traballo e, ante todo, pola súa “facilidade e humanidade para facer equipo”.

Arroxo lembrou que este Congreso coincide coa celebración do 50 aniversario da creación do sindicalismo nacionalista no ensino e que daquelas orixes até a actualidade permanece a esencia e moitas reivindicacións, das que salientou dúas demandas esenciais: “a defensa do ensino público galego e en galego e a mellora das nosas condicións laborais”.

Lembrou tamén que se vén de celebrar o IX Congreso da CIG, no que se reiterou o modelo de sindicalismo de contrapoder, que considerou imprescindible “nun país que sofre as políticas privatizadoras e autoritarias do PP e, nomeadamente, o seu asañamento cos servizos públicos, aplicando recortes brutais e desmantelando todo o que representa o ensino público como garante da igualdade e equidade social”.

Denunciou que co Ministerio de Educación no se conseguiu nin un só avance nos últimos dous anos, mais tamén a falta de interlocución real coa representación sindical, como ocorreu co Anteproxecto de Lei de Ensinanzas Artísticas que foi aprobado sen pasar pola Mesa Sectorial ao igual que a decisión de crear novos corpos docentes, fronte á demanda unánime da creación dun corpo único docente.

Lamentou que se confirme, como viña alertando a CIG-Ensino, que a reforma da FP “terá consecuencias moi lesivas para estas ensinanzas ao incidir aínda máis nas tres lacras que xa veñen padecendo nos últimos anos: privatización, burocratización e dualización”.

Denunciou tamén o carácter aínda “máis reaccionario” de Rueda que o de Feijoo e a súa “maquinaria propagandística” que, dixo “emula as vellas estratexias do fraguismo ou do franquismo”. 

Acordo da vergoña

Laura Arroxo foi especialmente crítica co “Acordo de renuncias”  asinado o 11 de outubro de 2023 entre Alfonso Rueda e os sindicatos CCOO, UGT e ANPE, que cualificou como “foto da infamia” por ter hipotecado as condicións laborais do profesorado e o futuro do ensino público galego. Un pacto, asinado sen permitir preguntas xornalísticas, que, dixo, “consolida a renuncia a melloras salariais e laborais, rompe a unidade sindical e mantén Galiza como a única comunidade con 20 sesións lectivas semanais, impedindo a contratación de máis dun milleiro de docentes, a redución de ratios, a atención á diversidade e a especialización do profesorado”.

Do mesmo xeito criticou que a Xunta negue recursos para atender alumnado con dificultades, reducir a itinerancia de especialistas, baixar as ratios de ata 200 estudantes por docente en secundaria ou garantir a calidade na FP e nas ensinanzas de réxime especial, afectadas pola semipresencialidade e a burocracia.

Subliñou que a recuperación dos dereitos laborais está vinculada á baixada de ratios, a dotación de recursos para alumnado vulnerable e a eliminación de trámites innecesarios, prioridades compartidas pola comunidade educativa. E salientou a necesidade de valorizar a función docente fronte aos ataques neoliberais, que converten a educación nun negocio e á hostilidade da Xunta, que fomenta o desprestixio do profesorado mediante control mediático, inspeccións e normativas restritivas.

Fronte a isto situou o modelo polo que aposta a CIG-Ensino. Un modelo que “priorice a liberdade e a igualdade, loitando contra a discriminación de xénero, especialmente en sectores feminizados como a educación infantil, a atención á discapacidade e a protección de menores, onde esixe convenios galegos e xestión pública directa”, dixo.

Rexeitamento da mercantilización do ensino

No ámbito universitario, Arroxo alertou sobre a mercantilización do ensino coa creación dunha segunda universidade privada ligada a lobbies coruñeses e a competencia desleal da universidade de Abanca, favorecida pola Xunta. Ademais, denunciou a política lingüicida do PP, que co Decreto de Plurilingüismo de 2010 busca anular a identidade nacional galega. A CIG-Ensino comprométese a redobrar esforzos para concienciar o profesorado sobre o papel clave do galego na educación, como vía para a soberanía e a recuperación da lingua.

A secretaria nacional concluíu posicionando á CIG-Ensino como un “dique contra as políticas de recortes”, chamando á unidade do profesorado e da comunidade educativa para defender o ensino público, a igualdade e a lingua galega. “O alento e a forza de quen nos precede e de quen nos segue é o que nos ten que facer mirar adiante. Nunca os tempos foron doados pero temos a forza do compromiso para que os tempos sexan chegados”.