Lánzase unha campaña de alerta diante da inminente abordaxe da flotilla de Mulleres Rumbo a Gaza
Na rolda de prensa participaron Marisela González, portavoz de BDS e Mulleres Rumbo a Gaza; Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa e extripulante da flotilla 2015; María Ferreiro, secretaria das mulleres do SLG e Margarida Corral, secretaria das mulleres da CIG. Todas en calidade de representantes da campaña galega “Rompamos o bloqueo. Mulleres Rumbo a Gaza” coordinada por BDS Galiza en colaboración coa Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres, que conta ademais co apoio de diversos organizacións como Mar de Lumes, Pallasos en Rebeldía, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, Conas Ceives, Lésbicas Creando e MNG.
Segundo explicou Marisela González a campaña de alerta lánzase diante do anuncio deste domingo, do estado de Israel que “xa dixo oficialmente que o exército ten mandato de abordar o barco” cando se achegue á costa de Gaza.
Unha alerta que se activará nas redes sociais, a través das que se fará un chamamento á mobilización ás 19:00 horas no día en que sexa abordado o barco con concentracións xa confirmadas nas cidades de Ourense, Compostela, A Coruña, Vigo e Ferrol, ás que poderían sumarse outras nos vindeiros días.
Protección do estado español e da UE
Pola súa banda Ana Miranda, que falou en calidade de extripulante e persoa secuestrada e deportada por Israel, alertou de que a flotilla pode ser interceptada en calquera momento e pediu “que se protexa a vida” das mulleres de diferentes nacionalidades que van a bordo. Unha protección que exixiu tanto por parte do estado español como da Unión Europea “para estas mulleres que están xogándose a vida nestes momentos nun barco por romper o bloqueo e por denunciar unha situación que é ilegal”.
Miranda lembrou que tamén se pedira a protección do estado español para a flotilla de mulleres que partiu o ano pasado e da que ela formaba parte e que denunciou que “non se deu e fomos abordadas ilegalmente en augas internacionais”.
No mesmo sentido se manifestou a secretaria das mulleres do SLG, María Ferreiro, quen alén de sumarse a esa causa sinalou a triple opresión que sofren as mulleres palestinas: a xerada pola ocupación e invasión do seu territorio polo goberno israelí; a causada polo patriarcado “que todas sufrimos e nesa zona non é menos” e a provocada pola mirada occidental, coa que “relegamos a estas mulleres a un papel doméstico e totalmente pasivo e que cando as imos coñecendo está moi lonxe da realidade que sofren estas mulleres que intentan levantar o seu territorio e volvelo a ocupar, algo que no seu día a día non é de todo sinxelo”.
Marisela González concluíu facendo un chamamento aos medios para que visibilicen esta campaña, a abordaxe do barco e poñan no foco de atención tanto a situación das mulleres en Palestina como a das compañeiras que van agora mesmo no barco.