L. Jimena Quesada: “Sempre é maior o custe de non protexer os dereitos sociais que o custe de defendelos”
A Carta Social Europea, adoptada en 1961 no seo do Consello de Europa, é un tratado internacional que garante os dereitos sociais e económicos ao traballo, á vivenda, á saúde e á educación, entre outros. O Reino de España ratificou a Carta Social en 1980 e o Protocolo adicional de 1988 en xaneiro de 2000. Porén, segue sen aceptar o Protocolo de Reclamacións Colectivas de 1995, que non foi nin asinado nin ratificado. Ademais, a versión da Carta revisada de 1996, que foi asinada en outubro de 2000, non foi aínda ratificada.
A non aceptación do Protocolo de Reclamacións Colectivas impide que organizacións sindicais como a CIG poidan recorrer as disposicións estatais que vulneran dereitos sociais diante do Comité Europeo de Dereitos Sociais, sen necesidade de esgotar as vías xudiciais previas e cuxa resolución se dá nun ano ou ano e medio. Así, expuxo o recente caso da demanda presentada por un sindicato noruegués contra o seu país pola discriminación sufrida polos traballadores/as estranxeiros do mar –nomeadamente galegos-, á hora de acceder ás prestacións sociais e ao sistema de pensións.
Jimena Quesada animou ás centrais sindicais a realizar presión institucional co obxectivo de conseguir que o Estado español ratifique a versión revisada da Carta Social e asuma o Protocolo de 1995. Unha aceptación que só require dunha maioría parlamentar simple. .“É moral e politicamente inaceptábel e inasumíbel que aínda non se teña procedido a dita aceptación”, aseverou.
Neste senso, o catedrático asegurou que “os dereitos e o seu recoñecemento, valen tanto como as garantías” que os fan efectivos. E fronte á falsa concepción de que os dereitos sociais teñen un maior custe económico que os dereitos civís e políticos, subliñou que, “sempre é maior o custe de non protexer os dereitos sociais que o de defendelos”.
Seguindo esta liña, Jimena Quesada destacou que ratificar a versión revisada deste tratado, suporía interiorizar máis garantías, que neste momento non temos no ámbito xurídico español, pois, non cómpre esquecer que a maioría dos dereitos sociais están excluídos do recurso de amparo aten o Tribunal Constitucional.
Hai que lembrar que CIG e ELA teñen acordado promover ante os parlamentos de Galiza e Hego Euskal Herria (Gasteiz e Iruña) que adopten resolucións instando o Parlamento español a que poña fin a esta situación, que nos deixa en clara desvantaxe para a protección e defensa dos nos dereitos, en relación con outros países da contorna europea que si asumiron estes principios.
De igual xeito, Jimena Quesada animou as organizacións sindicais e sociais a que presenten observacións aos informes que cada ano os estados teñen que remitir ao Comité para avaliar un grupo concreto dos dereitos recollidos na Carta Social Europea. O procedemento de informes é o único ao que está sometido o Estado español e aínda que non se trata dun tribunal que emite sentenzas, ás resolucións do Comité (tanto as conclusións do sistema de informes como as decisións no procedemento de reclamacións colectivas) resultan vinculantes para os estado parte.
Mesmo nos estados como o español, que non son parte do Protocolo de Reclamacións Colectivas ou da versión revisada da CSE, as resolucións do Comité tamén teñen impacto ámbito lexislativo e resultan aplicábeis nas interpretacións xurídicas propias. Tal é o caso das resolucións adoptadas por diversos xulgados do social que descartaron a aplicación do contrato de apoio a emprendedores recollido na contrarreforma laboral do PP, seguindo dúas decisións do Comité Europeo polas que se declarou contraria á CSE unha medida similar aprobada en Grecia.