JOFRA SA, que fai a limpeza industrial da central das Pontes, anuncia o despedimento colectivo do seu persoal
No día de onte, a empresa JOFRA, SA, que realiza os traballos de limpeza industrial na central térmica de ENDESA nas Pontes, comunicoulle formalmente á representación sindical a súa intención de acometer un expedente de regulación de emprego.
A empresa xustifica esta decisión na finalización do contrato dos servizos de limpeza industrial na central das Pontes que expira o vindeiro 30 de novembre de 2023. Ademais, o contrato de limpeza de oficinas na propria central, que tamén ten subscrito que finalizará o vindeiro 31 de decembro, implicaría segundo a empresa o cese da actividade de JOFRA, SA nas instalacións de ENDESA.
A representación do persoal (que ostenta a CIG), exixe o cumprimento do comprometido por ENDESA "no sentido de dar continuidade aos postos de traballo do persoal das empresas auxiliares durante o pre-desmantelamento e o proprio desmantelamento da central", subliña o secretario comarcal da CIG-Servizos, Francisco Cartelle.
O ERE afectaría a todo o cadro de persoal de JOFRA, SA, tanto da limpeza industrial como da limpeza das oficinas. O número de traballadoras e traballadores, engade Cartelle, foi mermando nos últimos anos pola vía das xubilacións e a non cobertura dos seus postos con persoal de nova contratación.
"Desde a CIG exiximos pois o mantemento dos postos de traballo e a continuidade dos mesmos durante todo o proceso de desmantelamento da central e no futuro a recolocación do persoal en novos proxectos industriais que se deberan ir conformando de xeito paralelo á desaparición dos traballos na central", asevera.
Deste xeito, a CIG-Servizos demanda a retirada do ERE e que por parte de ENDESA se presente un novo plan "no que o mantemento dos postos de traballo se vexa garantido durante todo o proceso de desmantelamento da central".