IX Congreso da CIG

A forza da nosa clase: Traballo, dereitos, soberanía
Nacional - 06 Mai 2025

 A Confederación Intersindical Galega (CIG) celebrará o vindeiro día 24 de maio o seu IX Congreso baixo o lema “A forza da nosa clase. Traballo. Dereitos. Soberanía”. Ao longo da xornada 648 delegadas e delegados: 6 da Comisión de Garantías, 12 da Executiva, 100 do Consello Confederal e 530 elixidos/as en asembleas acordarán as liñas de traballo que permitirán reforzar o modelo e a acción sindical para os vindeiros catro anos.

Nos documentos a debate, advírtese dun capitalismo neoliberal “máis agresivo e inestábel”, cunha hexemonía estadounidense en declive e un “libre mercado proteccionista” impulsado por Trump. Un relatorio no que se denuncia a escalada militar da OTAN, a recesión e a austeridade que recortan servizos públicos, mentres a crise inflacionista, agravada pola guerra en Ucraína, beneficia oligopolios enerxéticos e alimentarios. 

No encontro, que se celebrará o vindeiro 24 de maio en Santiago, participarán preto de 650 delegados e delegadas

No mesmo sentido, a Unión Europea, en crise tras o Brexit e a pandemia, é criticada como unha “Europa dos Estados” sometida aos EUA, incapaz de garantir o benestar das e dos europeos. Un modelo fronte ao que se propón unha “Europa dos Pobos”, na que se respecte o dereito de autodeterminación e a xustiza social, para frear o auxe da extrema dereita, alimentada polo capital ante o descontento social.

No Estado español, a CIG denuncia as reformas neoliberais do Goberno “progresista”, como a reforma laboral de 2021, que perpetúa a precariedade, e o diálogo social con CCOO e UGT, que consolida recortes salariais e de dereitos. Respecto da dereita neofranquista denúnciase que nega a plurinacionalidade e impulsa a centralización.

Do mesmo xeito recóllese que en Galiza, os gobernos do PP de Feijóo e Rueda afondan na dependencia económica, promovendo a eucaliptización, o turismo descontrolado e a explotación de recursos, o que provoca emigración (371.637 persoas desde 2009) e envellecemento. Un modelo colonial ao servizo de intereses externos alimentado polo diálogo social galego, aliado do capital.

Promover o conflito para avanzar en dereitos

A CIG reafírmase no conflito social como motor de cambio, rexeitando a resignación ante o desmantelamento dos dereitos laborais. Propón un modelo galego de negociación colectiva, con salarios dignos (mínimo de 1.320 €/mes), cláusulas contra a precariedade, xornadas de 35 ou 32 horas e loita contra a fenda de xénero. 

O relatorio de organización aposta por unha estrutura viva, con seccións sindicais como “espiña dorsal” e unións locais para ampliar a presenza territorial

O relatorio apunta a saúde laboral como prioritaria, exixindo prevención efectiva fronte á alta sinistralidade e criticando a privatización vía mutuas. Na defensa dos servizos públicos, demanda unha sanidade universal, vivenda accesíbel e medios como a CRTVG que promovan a identidade galega.

Como sindicato feminista, a central sindical comprométese a loitar contra a explotación das mulleres no traballo e nos coidados, visibilizando o acoso e a segregación profesional. A soberanía é tamén un eixo estratéxico, defendendo que Galiza decida o seu modelo socioeconómico para superar a dependencia e construír un futuro socialista. Aliada ao Movemento Nacionalista Galego, a CIG chama a fortalecer a conciencia nacional fronte ao sistema español.

O relatorio de organización aposta por unha estrutura viva, con seccións sindicais como “espiña dorsal” e unións locais para ampliar a presenza territorial. Considera a participación da afiliación clave, para o que entende que cómpre revitalizar asembleas presenciais e organismos de dirección áxiles.

O IX Congreso avanzará pois nun sindicalismo nacionalista e de clase, como o que representa a CIG apostando polo conflito, a soberanía e o feminismo para transformar Galiza.

Podes descargar os textos en www.cig.gal