Italia: A extrema dereita decláralles a guerra aos pobres

Romaric Godin - 17 Ago 2023

O goberno de Meloni pretende proseguir a política neoliberal que basea o débil crecemento de Italia na moderación salarial. Pero isto ten consecuencias terríbeis para a poboación. Segundo Eurostat, a porcentaxe de persoas en risco de pobreza era do 20,1% en 2022, fronte ao 19,5% en 2012

 A finais de xullo, 169.000 familias italianas recibiron por SMS a nova de que se lles retiraría a renda básica [réddito di cittadanza]. [O réddito de cittadinanza é algo que nada ten que ver coa renda básica, trátase de algo moito máis parecido ao Ingreso Mínimo Vital do goberno español, un subsidio condicionado para pobres. NdR]. O obxectivo da reforma é aforrar tres mil millóns de euros excluíndo ás persoas "empregábeis". Unha medida non moi diferente as aplicadas en Francia.

 O goberno italiano de extrema dereita decidiu declararlles a guerra aos pobres. Cunha violencia sen precedentes. A finais de xullo, uns 169.000 fogares italianos recibiron un simple sms do Instituto Nacional de Previsión Social (INPS) no que eran informados de que deixarían de percibir a "renda básica", unha medida introducida en 2019 que pode compararse grosso modo co ingreso de solidariedade activa (RSA, polas súas siglas en francés) francés.

 O 27 de xullo, esas 169.000 familias italianas recibiron este ingreso por última vez. Algunhas delas poderán solicitar unha prórroga até decembro, sempre que poidan demostrar un "alto nivel de desamparo social". Para iso, con todo, terán que se dirixir aos servizos sociais municipais, que xa están superados polas solicitudes e a falta de transmisión de datos por parte do INPS.

 Pero, para polo menos 88.000 fogares formados por persoas consideradas "aptas para o traballo", xa non será posíbel recibir esta axuda. Entón terán que recorrer á "axuda á formación", que lles permitirá recibir unha axuda mensual de 350 euros durante doce meses, a condición de que sexan "activos en proxectos en beneficio da comunidade" ou en proxectos de formación profesional. Para unha persoa solteira, a renda básica representaba 500 euros ao mes. Pero tamén neste caso, a páxina web para presentar a solicitude non está dispoñíbel e non o estará até o 1 de setembro.

 En todo caso, o 1 de xaneiro de 2024, a renda básica deixará de existir e será substituída por un "subsidio de inclusión", moito máis difícil de obter e xa non se aplicará ás persoas consideradas como "empregábeis".

Unha promesa de campaña da extrema dereita

 A reforma foi anunciada polo partido da presidenta do Consello, Giorgia Meloni, Fratelli d'Italia (posfascista), durante a campaña electoral do ano pasado. Tras ser debatida no seo da coalición coa dereita liberal de Forza Italia e a liga de Matteo Salvini (que foi membro da coalición do Movemento 5 Estrelas cando este último impulsou a renda básica en 2019), un decreto detallou as modalidades da mesma o pasado 29 de xuño. O obxectivo declarado é aforrar tres mil millóns de euros do oito mil millóns que custa esta medida.

 Nas eleccións de 2022, Fratelli d'Italia conseguiu o apoio dunha gran parte dos votantes de dereita italianos cun discurso sen andrómenas sobre os beneficiarios das axudas sociais. O termo utilizado para desacreditar a estes últimos foi "divanisti", literalmente aqueles que pasan o tempo no sofá mentres se benefician da asistencia social. Tratábase de "volver poñer Italia a traballar", unha vella antífona da dereita.

 A presenza da Liga na coalición non cambiou moito a situación, en primeiro lugar, porque o partido de Matteo Salvini saíu moi debilitado das eleccións, e en segundo lugar porque, en 2019, só aceptou a renda básica como parte das negociacións co Movemento 5 Estrelas (M5S), o seu aliado naquel momento.

 Por outra banda, Matteo Salvini defendeu sen ambigüidades a supresión: "Seguirase axudando a quen non poida traballar, pero quen teña 30 anos, e non teña discapacitados nin menores a cargo, nin teña problemas, pode traballar, e se se nega a traballar, é xusto que non sexa mantido polos contribuíntes italianos".

 A decisión é tanto máis violenta dado que a renda básica xa era unha medida condicional, teoricamente limitada a dezaoito meses, moi afastada do proxecto inicial do M5S, que se orientaba máis cara a unha forma de renda básica universal e se inspiraba máis nas reformas alemás de Hartz que no RSA francés. En resumo, é un gran retroceso.

A resposta da esquerda

 Os beneficiarios da renda básica afectados pola medida están amoucados tras recibir o sms fatal. No xornal Il Fatto Quotidiano (un asociado de Mediapart), unha estudante de 24 anos explica como esta medida lle permitiu "estudar con dignidade". Para ela, o sentimento que prevalece agora é que "en Italia, a pobreza é como un delito". Para algúns, o anuncio provocou unha verdadeira desesperación.

 En Terrasini, provincia de Palermo, un home de 60 anos que está desempregado e que foi dos que recibiron a famosa mensaxe de texto, irrompeu no concello cun bidón de combustíbel e ameazou con "queimar todo". En Nápoles, organizouse unha manifestación en defensa da renda básica, cunha concentración fronte ás oficinas do partido de Giorgia Meloni. No sur de Italia, golpeado pola miseria, a medida fora moi útil. Case un de cada cinco destinatarios do SMS é siciliano.

 No Parlamento, a violencia da mensaxe e a completa desorganización dos servizos sociais para xestionar a transición provocaron contraofensivas da oposición.

 Loxicamente, os ataques máis fortes viñeron do M5S. O dirixente do partido, Giuseppe Conte, presidente do Consello que introduciu a renda básica, denunciou enerxicamente as medidas do goberno. "A decisión de cortar da noite para a mañá as axudas á parte máis desfavorecida da poboación está a provocar unha catástrofe previsíbel", denunciou, antes de se referir a unha "guerra contra os pobres máis que contra a pobreza, que provoca ademais danos á economía do país".

 Pola súa banda, o Partido Democrático (PD), de centroesquerda, adoptou unha posición firme e compacta sobre o tema para se opoñer á fin da renda básica. Elly Schlein, a nova dirixente do partido, máis á esquerda que os anteriores, denunciou o método de envío do sms. O PD insistiu especialmente na falta de preparación do goberno, que expón os cidadáns ao risco da pobreza extrema. E tamén, como Giuseppe Conte, interpelou ao goberno: "Vostedes son os lacazáns ["divanisti"]!"

 Como unha maneira de insistir sobre a política de represión social da maioría, Elly Schlein decidiu abrir unha nova fronte, vinculada coa renda básica. Nese sentido, o Partido Demócrata presentou un proxecto de lei para introducir un salario mínimo no país. Italia é un dos poucos países europeos que non conta cun salario mínimo único, algo que pon en perigo os excluídos da renda básica, que se poderían versobrigados a aceptar salarios de miseria.

 O líder da Confederación Xeral Italiana do Traballo (CGIL), un dos principais sindicatos do país, Maurizio Landini, advertiu contra a supresión dunha renda mínima "nun país onde hai pobres que traballan". Este era o debate que Elly Schlein quería abrir, aínda que o salario mínimo non teña ningunha posibilidade de ser aprobado por unha maioría esmagadoramente de dereita. Mais o importante aquí era abrir un debate e vinculalo coa supresión da renda básica.

 Precisamente por este motivo, a maioría (co apoio do grupo de Matteo Renzi) aprazou, o 2 de agosto, o debate da proposta do PD para dentro de sesenta días. Elly Schlein aproveitou a ocasión para atacar a política social de Giorgia Meloni: "A maioría foxe, pero por desgraza para vostedes, non poden fuxir da realidade, non poden ignorar as tres millóns e medio de traballadores que son pobres aínda que traballen". E concluíu: "A pobreza non se vai de vacacións". Nesta ocasión, o PD atopouse de novo aliado co M5S, que falou da súa "vergoña" no referido ao adiamento do debate.

Unha política social violenta

 A política social de Giorgia Meloni é sorprendentemente similar á francesa. A este lado dos Alpes (en Francia), a lóxica dominante da política social consiste tamén en presionar a quen busca emprego, os máis pobres e os traballadores de máis idade, con tres reformas: a do seguro de desemprego, a das pensións, así como o proxecto sobre a obrigación de traballar aos beneficiarios do RSA.

 En ambos os casos, a lóxica é estritamente a mesma: trátase de exercer unha presión suplementaria sobre os máis vulnerábeis para obrigalos a aceptar os empregos que lles propón o mercado, sexan cales sexan as súas condicións. No caso italiano, a ausencia dun salario mínimo fai que esta violencia social sexa aínda máis feroz, e é precisamente por esta razón pola que a oposición tentou vincular ambas as cuestións.

 Nos dous casos, e aparentemente, o emprego situaríase en bastante boa posición, tanto en Italia como en Francia. As últimas cifras do instituto de estatística italiano Istat mostran que a taxa de desemprego baixou novamente 0,2 puntos en xuño, situándose no 7,4%, un nivel próximo ao de Francia (7,1%). En ambos os países, a cantidade de persoas con traballo está a aumentar. Logo, a que se debe esta presión?

 En realidade, isto non ten nada de misterioso. A actividade é fráxil en Francia, e en Italia contráese. No segundo trimestre de 2023, o PIB da península caeu un 0,3% e só creceu un 0,6% nun ano. Para garantir a creación de emprego cunha actividade tan débil, non hai outra solución que reducir o custo da man de obra facendo traballar a persoas que antes estaban inactivas. Hai que evitar custe o que custe devolver o poder de negociación aos asalariados. De aí a presión sobre as prestacións sociais mínimas.

 En Italia, porén, esta política non é nada nova. Os salarios foron a principal variábel de axuste entre 2010 e 2020, un período no que o seu valor real xa caera case un 10%. Despois, víronse moi afectados pola onda de inflación.

 O goberno de Meloni pretende, pois, proseguir a política neoliberal que basea o débil crecemento de Italia na moderación salarial. Pero isto ten consecuencias terríbeis para a poboación. Segundo Eurostat, a porcentaxe de persoas en risco de pobreza era do 20,1% en 2022, fronte ao 19,5% en 2012. Trátase dun nivel moi elevado, lixeiramente inferior ao de España (20,4%), pero superior ao de Grecia e á media europea (16,8%). En 2019, este nivel diminuíra lixeiramente tras a introdución da renda básica.

 A decisión de suprimir este ingreso crea agora un desafío á oposición. O PD e o M5S poderían ver niso unha oportunidade para construír unha posición común e utilizar o rexeitamento a esta reforma, sobre todo no sur de Italia, para construír unha alternativa política a unha extrema dereita actualmente hexemónica. Isto é o que está a tomar forma estes días no Parlamento, mais non é seguro que esta estratexia sexa perdurable nun país que vota actualmente moi á dereita.

 

[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 12 de agosto de 2023]