Irán e Corea do Norte, os perigos de levar as cousas ao límite
Ningunha das nacións de primeira liña quere, de feito, unha guerra. Hai moito que perder para calquera delas. Porén, a decisión real non está en mans de ningún destes actores senón do goberno chinés
Durante case 20 anos Estados Unidos estivo clamando que ten a determinación de evitar que Irán e Corea do Norte se convertan en potencias nucleares. No medio de asuntos de máis urxencia, o goberno estadounidense reafirma regularmente a importancia deste obxectivo. Como é claro que Irán e Corea do Norte non queren ceder ante estas demandas reafirmadas periodicamente, Estados Unidos ameaza con levar a cabo posteriores accións dalgún tipo, constantemente.
Despois de todo este tempo, debemos tomar isto en serio? O que mellor resume o que estivo ocorrendo é iso que se coñece como levar as cousas ao límite, chamado en ocasións o xogo da galiña. Cada vez que se renova o xogo, a cuestión é sempre quen move as pálpebras primeiro e pon fin á escalada final implícita que desataría a guerra. É común que Estados Unidos xogue este xogo con Irán e Corea do Norte, pero con cada un á vez. Nestes momentos xógao con ambos simultaneamente. Por unha banda, a simultaneidade fai máis difícil acreditar na seriedade do intento estadunidense. Doutra banda, fai o xogo máis perigoso.
Cales son as historias actuais? No caso de Irán, Estados Unidos levaba varios meses intentando obter do Consello de Seguridade de Nacións Unidas unha nova resolución que lle impoña máis sancións a Irán por non obedecer a resolución do Consello de Seguridade que esixe que Irán suspenda o enriquecemento de uranio. Para obter esta resolución adicional, Estados Unidos estivo negociando con Rusia e con China para o seu apoio. Actualmente, estes dous países parecen acordar apoiar unha resolución, pero esta é máis débil do que gustaría a Estados Unidos, e a cambio terá que outorgar diversas concesións noutros aspectos.
Até o momento, Estados Unidos asume que unha vez obtido o apoio de Rusia e China poderá conseguir unha resolución unánime do Consello de Seguridade. De súpeto, dous dos membros non permanentes -Brasil e Turquía- entraron no escenario e involucráronse nunha diplomacia moi pública neste asunto. Os seus líderes acordaron con Irán que intercambiase preto da metade do seu uranio de baixo enrequecemento por combustíbel nuclear. Brasil, Turquía e Irán argumentan que con este acordo se percorre un longo treito de cara a cumprir as demandas estadounidenses. Estados Unidos non concorda con isto e afirma que procederá a promover a súa resolución no Consello de Seguridade.
Estados Unidos non sabe como lidiar coa entrada brasileiro-turca no xogo público. Suponse que ambos son países amigos. Suponse que ambas son nacións de menor rango que deberían deixarlle esas cuestións aos membros permanentes do Consello de Seguridade. Parece ser que Estados Unidos mesmo puido dar a súa aprobación á súa iniciativa baixo a suposición de que fracasaría, co que se fortalecería o argumento estadounidense. Isto non ocorreu. Brasil e Turquía lograron o seu cometido. Polo menos iso pensan. E non teñen a intención de seren tratados como nacións de menor rango que deban servirlles aos seus superiores. En realidade, pensan que Estados Unidos debería saudar o seu acordo con Irán como un éxito e retirar a resolución.
Namentres, todos os ollos están posto sobre Corea. O 26 de marzo, afundiuse un barco de guerra de Corea do Sur. Nun principio os surcoreanos dixeron que pensaban que fora un accidente. Pero logo, dous meses despois, o cal é un tempo sospeitosamente longo, anunciaron que tiñan probas de que un submarino norcoreano afundira o barco cun torpedo. Algúns analistas surcoreanos suxiren que o barco, que estaba involucrado nun exercicio militar conxunto con Estados Unidos, foi de feito afundido, erroneamente, por un submarino estadounidense. Esta suxestión foi ignorada pola prensa mundial, que máis ben estivo debatendo os motivos de Corea do Norte para facer algo así. Hillary Clinton di que non pode entender por que farían algo así os norcoreanos.
Sexa cal for o caso, Corea do Sur rompeu os seus lazos existentes con Corea do Norte, e esta á súa vez respondeu de igual xeito. O actual goberno conservador de Corea do Sur botou a pique calquera resto da previa política de achegamento do presidente cara a Corea do Norte. Estados Unidos quere unha resolución do Consello de Seguridade. Corea do Norte di que, de se aprobar unha resolución, deixará de cooperar coa inspección das súas instalacións nucleares.
Entón, estamos no medio dunha situación en que a un alto nivel se levan as cousas ao límite. E os mercados mundiais reflicten un nerviosismo extremo. Que ocorrerá agora? Obviamente, todo o mundo xoga en función do seu público propio. O goberno estadounidense quere mostrarlle ao Congreso que está facendo algo serio. Igual, o goberno de Corea do Sur. Así tamén os gobernos iraniano e norcoreano. E non hai dúbida de que igual fan os gobernos brasileiro e turco.
Quen será o primeiro en pestanexar? Non creo que ningunha das nacións de primeira liña queira, de feito, unha guerra. Hai moito que perder para calquera deles. Porén, a decisión real non está en mans de ningún destes actores senón do goberno chinés. China é a que leva a batuta. Que tipo de resolución apoiarán os chineses en calquera dos dous casos? É obvio que China quere que todos acouguen, e manter a calma. O problema é que levar as cousas ao límite pode ser un xogo perigoso cando o mundo –a súa xeopolítica e a súa economía- está tan caótico e volátil. Poderían ocorrer accidentes. Algún oficial militar, en algures, co dedo no gatillo, pode cometer algún erro, accidental ou deliberadamente. Vivimos unha época ben interesante.
[Artigo tirado do xornal mexicano La Jornada, do 12 de xuño de 2018]