A CIG mobilízase pola intervención pública da economía e dos sectores estratéxicos para frear a inflación e a carestía da vida
Milleiros de persoas saíron ás rúas de Galiza na tarde deste martes para reclamar políticas públicas, salarios e pensións dignas para poder enfrontar a situación de crise e pobreza que está a ter un impacto brutal no conxunto das maiorías sociais. Por iso, nas 14 mobilizacións convocadas pola CIG exixiuse a intervención pública da economía e dos sectores estratéxicos para frear a inflación e a carestía da vida, e unha intervención pública dos mercados para poñer fin á especulación que encarece bens básicos e que fai aumentar de forma multimillonaria beneficios a unhas poucas empresas.
Manifestacións da Coruña, Ferrol, Compostela e Lugo
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliñou que, malia as duras críticas do sector e da dereita española pola súa suposta radicalidade, os novos impostos á banca e ás eléctricas resultan totalmente insuficientes. A pesar dos milmillonarios beneficios obtidos polos grandes bancos e as eléctricas neste 2022 e que os beneficios das empresas do IBEX medran 8 veces máis que os salarios, "no mellor dos casos trátanse duns impostiños axiña avalados polo FMI, nunha clara demostración de que son inofensivos para o capital", lamentou.
Na mesma liña, criticou que non se decrete a conxelación dos tipos de interese para as hipotecas á clase traballadora e ás clases populares, tal e como a CIG vén reclamando dende hai meses. "Non queremos da banca máis códigos de boas prácticas, queremos que non nos asfixien, que non nos afoguen os bancos outra vez", aseverou, lembrando que aínda estamos pagando o millonario rescate á banca de hai unha década.
Sobre os Orzamentos Xerais do Estado valorou que non dan solución ás graves carencias e necesidades sociais e son claramente discriminatorios para Galiza. Pero, ademais, veñen acompañados de lesivas reformas para satisfacer as duras exixencias da UE "para acceder a uns fondos envelenados que están a hipotecar o noso futuro".
Como os recortes para rebaixar as contías das pensións coa ampliación dos 25 aos 30 anos o período de cómputo (mentres segue vixente a reforma de 2011) ou a privatización do Servizo Público de Emprego. "Reformas que se suman á última reforma laboral na que nin recuperamos nin gañamos dereitos. Baixo novas formas contractuais, medra a flexibilidade e a inestabilidade laboral, baixan os salarios e avanza imparábel a precariedade laboral".
O secretario xeral contrapuxo estas tibias medidas co incremento do gasto militar e os chamados a impoñer un pacto de rendas "que é un verdadeiro pacto de perdas, con subas salariais que non garanten o poder adquisitivo, mentres o SMI e as pensións seguen por debaixo do que recomenda a Carta Social Europea".
Alertou que estamos ante unha brutal ofensiva do capital e do belicismo, da OTAN e da guerra como sistema de explotación e dominación aos pobos e ás clases populares. E que a grave carestía da vida, xa presente dende antes da guerra pero intensificada dende o seu inicio, está acelerando o aumento das desigualdades e da pobreza.
Políticas suicidas do Goberno do PP na Xunta
En Galiza, ademais, hai que engadir que importantes sectores produtivos e comarcas enteiras están agonizando, con cada vez menos emprego e industria, e máis emigración e poboación avellentada. Un camiño facilitado polas "políticas suicidas do Goberno do PP na Xunta" que impiden un desenvolvemento propio para converter Galiza nun grande camiño de Santiago, avanzar na privatización e mercantilización dos servizos públicos, na eucaliptización dos nosos montes e na consolidación dun novo proceso de colonización enerxética.
Para exixir políticas alternativas e que esta crise non a pague de novo a clase obreira, a CIG veuse mobilizando ao longo de todo este ano porque "goberno quen goberne, as políticas favorábeis para as clases populares temos que loitalas" e porque "cómpre seguir saíndo a rúa cando as políticas que se fan non frean os efectos devastadores que ten a inflación e a carestía da vida".
Para a CIG, responder á actual situación "manténdose na disciplina neoliberal e de obediencia á UE, ao BCE e á moeda única, fai aumentar a desigualdade social e a pobreza no conxunto da sociedade, ao tempo que acelera a acumulación de riqueza en menos mans". Neste punto, subliñou Carril que o neoliberalismo que practica o Goberno español resúltalle escaso á ultradereita reaccionaria e fascista do PP e Vox, "mais cando a esquerda fai a política da dereita, é onde esta atopa a súa munición".
Mobilizacións de Vilagarcía, As Pontes, Burela, Verín, O Barco, A Guarda e A Estrada
Intensificar a mobilización para defender os dereitos
Na súa intervención ao remate da manifestación da Coruña, o secretario xeral instou a intensificar o conflito na negociación colectiva e xerar dinámicas mobilizadoras "para que non nos rouben o dereito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos, defendendo o noso poder de negociar e decidir nós de forma directa e democrática as nosas condicións de traballo e os nosos salarios impedindo que o fagan as cúpulas sindicais de UGT e CCOO".
Como proba de que a loita é o único camiño, nomeou as folgas das dependentas de Inditex da provincia da Coruña e da traballadoras do SAF de Galiza "que son a demostración da capacidade de loita da clase traballadora galega, e sobre todo das mulleres traballadoras".
A este respecto, Paulo Carril criticou que CCOO e UGT fagan bandeira do lema "salario ou conflito" cando "mendigan" continuamente o diálogo social "a unha patronal e a un capital que campa as súas anchas". Advertiu que nas últimas semanas se están intentando asinar convenios colectivos con subas de miseria e que se pretende impoñer o marco estatal de negociación colectiva, contra a vontade expresa das traballadoras e os traballadores.
"Estamos chamados e chamadas ao conflito ante a patronal, na negociación colectiva, e ante os Gobernos galego e central, para cambiar as políticas, para acabar co empobrecemento, para se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos, para a recuperación económica, a defensa dos servizos públicos, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra. Para que se poña ne marcha un verdadeiro Plan de Choque urxente para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise", concluíu.
Neste camiño, a mobilización, a loita social "que desde a CIG promovemos e na que participamos", ten un importante e decisivo papel a xogar, "sen medos e sen resignación, porque está en risco o noso futuro, que a clase traballadora e o pobo galego sexamos quen paguemos, máis unha vez, esta nova crise, como pasou coas crises anteriores".