Intensa mobilización do persoal da fábrica de Ence para esixir a convocatoria urxente de mesa de traballo
Traballadores e traballadoras de Ence mobilizáronse ao longo desta mañá en distintos puntos de Pontevedra para esixir a convocatoria inmediata da mesa de traballo na que abordar as alternativas para garantir o emprego, tanto na pasteira como en todo o sector forestal galego. A protesta iniciábase diante da Subdelegación do Goberno coincidindo coa reunión que o comité mantiña coa representante do goberno español para tratar de concretar a data da xuntanza da mesa.
O persoal reclamoulle a activación inmediata desa mesa de traballo- na que estean representados os Gobernos español e galego, a dirección da compañía e o cadro de persoal- co obxectivo de atopar unha solución definitiva que garanta o futuro de todos os postos de traballo. Unha reunión que urxen tendo en conta que xa hai semana e medida que se coñece a sentenza da Audiencia declarando ilegal a prórroga da concesión das instalacións de Ence na ría.
Porén, explica o secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, a resposta dada pola Subdelegada "non nos vale" porque se limitou a alongar no tempo a convocatoria, xustificándose no parón institucional durante o mes de agosto "e dicíndonos que en setembro xa se vería que facer". Diante desta total ausencia de concreción, os traballadores e traballadoras decidiron proseguir coa mobilización, emprendendo unha marcha con cortes de tráfico polo centro da cidade e levando a protesta tamén ás portas da delegación territorial da Xunta en Pontevedra.
Cómpren solucións e actuacións urxentes
A CIG reitera a demanda ao Goberno español para que proceda á convocatoria inmediata da Mesa de traballo sobre Ence e á aprobación dun calendario para que, sen descanso, as administracións estatal e galega se poñan a traballar para buscar a solución que dea continuidade aos empregos e á actividade industrial.
Polo que reclama que esa mesa, que naceu o pasado o pasado 21 de abril, se poña en marcha sen máis demora, porque fronte ao fatalismo da pasteira, os incumprimentos do goberno español e a falta de política industrial da Xunta, cómpren actuacións e solucións urxentes.
A central nacionalista defende o traslado inmediato de Ence das actuais instalacións e a construción dunha nova fábrica, como o camiño para garantir a continuidade real dos postos de traballo e sentar as bases dunha industria da madeira que complete os procesos produtivos en Galiza, e entende que a negativa de Ence a asumir a opción "é un suicidio". Para avanzar nesta saída, a CIG demanda de Ence a aprobación dun calendario de inversións para levar adiante este traslado, deixando de ameazar o futuro dos postos de traballo e cesando xa na intimidación permanente ao conxunto do pobo galego.
Nova anterior: A CIG demanda ao goberno a convocatoria inmediata da Mesa para abordar o traslado de ENCE e garantir empregos e actividade