Intensa mañá de protestas en Vigo e Nigrán do persoal de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra por un convenio digno
O persoal de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra protagonizou hoxe unha intensa mañá de mobilizacións en Vigo e Nigrán coincidindo cunha nova xornada de folga convocada pola CIG no sector para reclamar un convenio colectivo digno.
O paro de 24 horas volveu ter un amplo seguimento no sector en resposta á negativa da patronal -a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP)- a convocar a mesa negociadora dun convenio que está paralizado dende o ano 2012 e que contempla salarios moi por baixo do salario mínimo interprofesional. “Isto está a provocar unha situación de precariedade económica insostíbel entre as persoas traballadoras”, denuncian dende a central.
A pesar do que na última reunión o empresariado achegou unha proposta económica que mantén os salarios por debaixo do SMI, propoñendo unha suba para 2024 dun 10% sobre a táboa salarial de 2012. Ademais pretende conxelar a antigüidade, “un complemento que permitiu que os salarios brutos non ficasen de facto conxelados e que a perda de poder adquisitivo non fose maior da que xa era”.
Durante a xornada leváronse a cabo dúas mobilizacións: unha concentración a primeira hora da mañá diante do Pazo de Cea, en Nigrán, coincidindo coa celebración do III Foro Empresa Sostenible que organiza a CEP; e unha manifestación ao mediodía dende o cruce de Vía Norte até o Farol de Urzaiz.