Instan os Concellos de Lugo a darlle publicidade ás prazas para as brigadas municipais do SPDCIF
Nas actuais datas son moitos os Concellos da provincia que se adheriron ao convenio coa Xunta de Galiza para a Participación na Prevención e Defensa contra Incendios Forestais durante os anos 2016, 2017 e 2018, e en consecuencia están na fase de contratación de persoal para conformar as brigadas municipais de SPDCIF. Desde a CIG demándaselles aos Concellos que sexan democráticos e transparentes e que publiquen en boletíns oficiais e en medios dixitais as bases de convocatoria do persoal das brigadas, para que así todas as persoas poidan concorrer en igualdade de condicións a ditos procesos.
"Entendemos que dar a máxima difusión a estes procesos é un principio básico de transparencia e democratización da administración local", asevera Azucena Gavín, da
CIG-Administración Autonómica de Lugo. Para, a continuación, aclarar que "sabemos que hai concellos que non estar a actuar coa transparencia precisa ao respecto e nos que os procesos de selección se xestionan a través dun absoluto escurantismo", privando así a moitas persoas de optar a estes postos de traballo por descoñecemento dos procesos de selección.
Estas situacións, denuncia Gavín, "son propias de prácticas caciquís, discriminatorias cos principios de igualdade, mérito e capacidade que debe de primar na contratación do persoal nas administracións públicas". Por iso, dende a CIG atenderase ao desenvolvemento destes procesos de contratación e "no caso de que observemos incumprimentos da normativa legal, non dubidaremos en recorrer os mesmos por vía xudicial".