Inspección sanciona a Transportes Calviño por vulneración dos dereitos sindicais
A empresa Transportes José María Calviño Bascoy SL vén de ser sancionada pola Inspección de Traballo por vulnerar os dereitos sindicais do delegado da CIG, Antonio Cebei, e do conxunto do persoal. Considera que “a conduta despregada pola empresa en relación con Antonio Cebei Giadás, foi pluriofensiva, pois as represalias polo exercicio da actividade sindical e representantiva afectaron ás súas condicións de traballo mais tamén á súa función representantiva e, polo tanto, tamén aos dereitos dos demais traballadores da empresa, nomeadamente aos 22 traballadores representados por el mesmo”.
Na empresa Transportes José María Calviño Bascoy, que ten a súa sede en Sigüeiro, traballan 22 traballadores. Dedícase á recollida e entrega de paletes e desenvolve esta actividade en exclusiva para Chep España en Galiza. De feito, a propia empresa recoñeceu que esta multinacional lle solicitou, no ano 2015, un listado con todos os traballadores que estiveran afiliados á CIG.
A Inspección impón, polos motivos antes explicados, unha sanción “moi grave”, que podería ir dos 25.001 aos 100.005, por vulnerar o “dereito ao libre exercicio da acción sindical e a nos ser discriminados por razón da súa afiliación a un sindicato, ao respecto do súa dignidade e dereito a non sufrir represalias polo exercicio dos seus dereitos e facultades”.
A maiores, a empresa é sancionada con falta grave, por incumprimentos en materia de xornada e descanso.
Persecución
Todo este conflito arrinca cando en xullo de 2015, Cebei é escollido como representante da CIG cos votos de todos os seus compañeiros de traballo. Nese momento o problema fundamental era o recoñecemento da xornada real e a rebaixa, polo tanto, das horas que se traballan ser seren abonadas e o pago das dietas correspondentes.
A partir de aí comeza unha persecución da empresa que rematou con varios despedimentos, entre eles o do propio delegado, represalias e sancións arbitrarias que foron contestadas con mobilizacións e denunciadas no xulgado que sentenciou, en todos os casos, a favor dos traballadores. Toda unha serie de feitos que esta acta da Inspección de Traballo vén confirmar unha vez máis.
Neste momento no xulgado está pendente de celebración o xuízo polo despedimento de Antonio Cebei no que se reclama a nulidade e reincorporación inmediata do delegado da CIG. Mentres isto non se produce, a empresa continúa cos incumprimentos e as presións contra o persoal que reclama os seus dereitos.
Segundo explica o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, a central sindical estuda acudir á fiscalía como prexudicada directa polas accións represivas da empresa, vulnerando o dereito da CIG a obter representación e exercer a representatividade nesta empresa.