Inspección educativa partidaria de retirar dos catálogos de Infantil e Primaria a atención á diversidade
O novo Xefe de Inspección educativa e o Xefe Territorial da Coruña afirmaron, nunha xuntanza celebrada con directores e directoras de centros públicos da cidade, que trasladarían á consellaría a proposta de retirar dos catálogos de postos de traballo dos centros de infantil e primaria as prazas de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) e que eran partidarios de incorporar o sistema do “cupo” que actualmente funciona nos centros de secundaria, FP e réxime especial. A intención sería que o profesorado de apoio estivese en función das necesidades e que non parta dun cadro de persoal mínimo.
Para a CIG-Ensino esa proposta é “impresentábel” e implica ou ben “un descoñecemento do acordo de cadros de persoal que a día de hoxe rexe os catálogos e que foi froito dun acordo, por unanimidade, das organizacións sindicais coa Consellaría no ano 2007, ou ben un intento de anular ese acordo”. Por iso xa anuncia a súa total oposición e a defensa radical non só dos actuais postos de traballo destas especialidade, senón da necesidade de amplialos onde for preciso.
A CIG-Ensino dirixirase á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para que confirme ou desminta a existencia dalgún tipo de debate interno ou decisión entre os responsábeis políticos da consellaría a este respecto ou se só estamos diante dunha desafortunada idea de dous responsábeis territoriais.
É obvio que esta proposta sería un paso atrás moi relevante para todos os centros de Infantil e Primaria e que só buscaría a redución de postos de traballo. Chama a atención que esa idea xurda precisamente no inicio do curso escolar, unha época na que os recortes na atención ás necesidades específicas de apoio educativo son máis evidentes.
A día de hoxe non existe ningún problema de rixidez nas prazas de PT e AL. Todo o contrario. No acordo de catálogos recóllese que haberá un posto de PT a partir de 4 unidades e o de AL a partir de 13 unidades (contadas EI e EP). A partir de 18 unidades ten que haber 2 PT e en centros de 30, 2 de AL (contadas neste caso EI e EP). Tamén ten que haber AL en escolas de 3 ou máis aulas de Infantil. Polo tanto, o acordo buscaba estender esta atención a todos os centros educativos. De feito até aquel ano só os centros de 6 unidades contaban con docente de PT. Mais o acordo é claro cando considera estas prazas como mínimas. Así, no texto pódese ler:
Naqueles centros ordinarios que integren alumnado con necesidade educativa específica poderanse incrementar os catálogos en función do número e tipo de necesidades, especialmente de PT e AL.
Asemade, nos centros ordinarios que non conten con PT e AL a Administración educativa adoptará as medidas oportunas para atender as necesidades que se presenten.
Polo tanto, os actuais cadros de persoal garanten sempre uns mínimos que se deben respectar e aos que non pensamos renunciar e permiten amplialos sempre que faga falta, como xa se fixo no último concurso de traslados e se fai todos os anos cos destinos provisionais.
A CIG-Ensino puxo unha especial atención con todo o que ten a ver coa atención á diversidade. Os estudos realizados polo sindicato serviron para acadar un incremento importante de prazas de Orientación, de PT e de AL nos centros de Infantil e Primaria e o sindicato mantén a súa demanda de que estas prazas tamén deben aumentar nos IES. “Este é o noso compromiso e a nosa vontade de garantir unha atención adecuada ao alumando con Necesidades Específicas de Apoio Educativo”.